Trío de Ases Terceira (Xornada 15) e Preferente (Xornada 16)

A xornada en Terceira deixounos a derrota do Racing Vilalbés ante o Paiosaco e un gran empate do Polvorín nas Eiroas ante o Bergantiños. Na Preferente, dous triunfos importantes alén das nosas fronteiras: os do Viveiro e Foz, claves nos seus obxectivos, o empate do Ribadeo e as derrotas do Castro e a inesperada da Sarriana na Ribela.

Punto de moito mérito o acadado polo Polvorín no campo do Bergantiños, líder da categoría e gran favorito a pelexar polo ascenso. Empate a dous tantos dos de Durán nun encontro no que ata o derradeiro cuarto de hora estaban en ventaxa no marcador. Moi superior o filial lucense na primeira metade. Xa no minuto 7 Antón Escobar, resolve con clase un man a man ante Cristofer facendo o primeiro. A posesión foi a principal arma do Polvorín que freou calquer tentativa do rival, que apenas creou perigo. Aos poucos minutos da reanudación, Manu Núñez tras unha boa xogada de Rayco, fai o segundo cun lanzamento desde a frontal. O rival, coa urxencia do marcador deu un paso cara adiante e Rubén Rivera, tras un centro lateral, recurtou diferencias. Tan só un minuto despois, Baleato nun bo remate de cabeza acada o empate.

Derrota do Racing Vilalbés na Porta Santa ante o Paiosaco (1-0). Os chairegos non son quen de manter, lonxe da Madalena, a imaxe amosada como local e sucumbiron ante un rival que, con estes tres puntos, se escapa na clasificación. Mala primeira metade dos dous conxuntos. Na segunda aumentou a intensidade e chegaron as ocasións. A máis clara para o Racing tívoa Make, pero o seu testarazo atopouse coa boa resposta do meta local. No minuto 77, nunha boa xogada combinativa do Paiosaco, Juanma anota o único tanto do partido. A raíz do gol, os de Simón Lamas apenas xeraron perigo para acadalo empate. Os da capital da Terra Chá seguen en postos de descenso. No conxunto da Laracha, formou parte da zaga, Ruchi, xogador de Becerreá, ex futbolista do Castro e Polvorín.

Sorprendente resultado na Ribela. Primeiros puntos que escapan do feudo da Sarriana, e foi ante o Estudiantil, pechacancelas da categoría (1-2). Aos cinco minutos Mauro adiantou aos de Alberto López, e puideron incrementalas diferencias por medio de Álvaro ou Rubén Díaz, pero non estiveron acertados. Os visitantes tamén puideron igualar, pero o meta Ayoub desbaratou o perigo. Na segunda metade, a Sarriana seguiu levando o peso do partido, pero nun tramo de dez minutos, a efectividade dos da Estrada foi total e acadaron a remontada. Os sarriaos seguen en postos de ascenso.

O Viveiro xa ocupa a terceira posición logo de gañar 1-3 no campo do Dubra. Primeiro tempo igualado, que rematou cos locales por diante logo do gol en propia porta de Álex Meitín ao tentar despexar un balón a saque de córner. Na segunda metade, só houbo un equipo sobre o céspede: o Viveiro. Aos catro minutos da reanudación, Aitor igualou o partido cun lanzamento maxistral de libre directo, e no 64 Xaime puxo por diante aos de Chusky desde o punto de penalti. Co encontro de cara, e xa preto do final, Rolle conectou con Marino e o de Meira sentenciou para os mariñáns.

O Ribadeo non puido pasar do empate a dous goles ante o San Tirso no Pepe Barrera. Terceira semana sen gañar dos ribadenses, que salvaron un punto no derradeiro cuarto de hora do encontro. A primeira metade foi de claro dominio visitante. Os coruñeses, coas ideas moi claras pasaron por riba dos de Rafa Casanova, moi desdibuxados. Antes dos vinte minutos, Fran Babío adiantou ao San Tirso desde os once metros e tan só dous despois Xián ampliou as diferencias ao culminar un bo contragolpe. A decoración cambiou na segunda metade, os trocos déronlle aoutro aire aos mariñáns que melloraron radicalmente a súa imaxe e gozaron de ocasións. Santi puido recurtar diferencias cun disparo desde a frontal, pero o gol non chegou ata o minuto 74, cando Criss rematou un centro lateral de Javichu. Xa preto do final, un empuxón sobre Pablo Rivas foi sancionado como penalti e Juanma non errou desde os once metros. No desconto, Aitor tivo nas súas botas os tres puntos, tras unha falta lateral, pero o seu remate non atopou porta.

Importantísimo triunfo do Foz en Santa Comba ante o Xallas (1-2). Primeiro triunfo lonxe do Martínez Otero para os de Gayol, que foron quen de sumar os últimos seis puntos en xogo. Encontro con moitas alternativas, no que os tres puntos marcharon para o que máis fé tivo ata o final. Primeiro tempo de dominio mariñán, que se viu reflexado no marcador co gol de Dani Chao preto do descanso. O Xallas apretou na reanudación e acadou o empate por medio do ex xogador do Ribadeo Iván González, pero os focenses deron outro empurrón e Pablo Costa a trece minutos do final marcou o gol do triunfo.

Nova derrota do Castro, desta volta ante o Ordes (3-4) no Arturo Pereiro. Os chairegos, outra vez, amosaron unha boa imaxe, pero non foron quen de defendelo marcador a favor. E é que no minuto 12 xa contaban con dous tantos de ventaxa, os acadados por Dani Montes e Buíde, pero Emilio en dúas ocasións, unha desde os once metros nivelaron o encontro. Os de Brais Prados continuaron xerando ocasións e aos vinte minutos da segunda metade, Javi Fraga, que voltaba ao equipo logo dunha lesión, anotaba o terceiro para o Castro. Nos derradeiros dez minutos, Peiteado e Chiño déronlle a volta ao marcador e deixaron aos de Ribeiras do Leo sen un premio máis que merecido.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario