#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés vence no Verónica Boquete

Foi unha semana triste para os nosos patrocinadores da Panadería O Cantón de Outeiro de Rei polo falecemento de Ana Vilariño, propietaria do negocio e nai de Tichu, fútbolista do Outeiro, e Xaime, actualmente no Ribadeo. Desde aquí todo o noso ánimos para eles!!.

A xornada déixanos o espectacular triunfo do Racing Vilalbés no campo do Compostela en Segunda RFEF. Un chanzo máis abaixo a Sarriana caeu pola mínima na Ribela diante do Silva, mentres que o Polvorín empatou no difícil campo do Bergantiños e o Viveiro fixo o propio no do Arteixo. Na Preferente, Ribadeo e Castro gañaron con contundencia a domicilio, nos campos de Victoria e Dubra respectivamente. Da mesma forma, pero con derrota remataron os partidos do Lemos diante do Lalín e da Residencia co Montañeros.

O gran encontro do Racing Vilalbés rematou cun triunfo de prestixio no campo do Compostela (0-2)

Segunda vez que o Racing gaña no feudo do Compostela. A primeira tivo lugar en maio de 2019. Os chairegos pelexaban pola permanencia en Terceira e os santiagueses polo play off. O triunfo para os de Simón Lamas fora por 1-2 con goles de Diego Villares e Xusto.



O Racing Vilalbés foi superior no Verónica Boquete ao Compostela, equipo diseñado para acadar o ascenso. A derrota dos composteláns supuxo a destitución de todo o corpo técnico encabezado por Manel Menéndez, así como do director deportivo Manuel Castiñeiras. No primeiro tempo, o conxunto local monopolizou a posesión diante dun Racing moi ben ordenado en defensa. Manu Barreiro tivo a mellor ocasión para o Compos cun testarazo ao que respostou de xeito providencial Álex Santomé. Os chairegos, cando tiñan ocasión de transitar, xeraban perigo na área rival. Álex Pérez e Santi Gegunde contaron con dúas boas ocasións para inagurar o marcador.

Na primeira xogada do segundo tempo, Rares puxo a proba ao Pato Guillén e pouco despois, logo dun roubo en campo propio, Santi Gegunde desde corenta metros supera ao gardameta compostelán e pon por diante aos de Simón Lamas. O Compostela buscou o empate a través de centros laterais que os centrais do Racing defenderon sen demasiados problemas. O cadro visitante á contra tivo unha boa ocasión por medio de Álex Pérez que detivo o gardameta. Na seguinte xogada chegou a sentencia. Logo dunha boa combinación con Santi Gegunde, Rares sentenciou para os vilalbeses. A falta de dez minutos para o final, López viu o cartón vermello, pero o Racing tirou de oficio e mantivo ao seu favor un marcador que fixo xustiza ao visto sobre o terreo de xogo.

A Sarriana cae pola mínina na Ribela diante do Silva (0-1)



O control do balón foi do conxunto local, que disfrutou da primeira ocasión do encontro cun lanzamento de falta de Boedo que se estrelou no longueiro. O Silva, ben agazapado en defensa para saír á contra, contou con boas opcións de gol, que solventou Javi Liz. No minuto 38 chegou o único tanto do encontro. Carro rematou ao longueiro e o balón chegou a Raúl Melo que centrou e desta volta Carro disparou ao fondo da portería. Antes do intermedio Sané, en combinación con Boedo, contou cunha boa opción para empatar.

No segundo tempo, a Sarriana levou o peso do partido e contou con varias ocasións para marcar. Herrero e Cuadrado contaron coas máis claras, pero o balón non quixo entrar. O Silva apenas se achegou polas inmediacións da portería local no segundo tempo.

O Polvorín sumou un punto no difícil campo do Bergantiños (0-0)

Encontro no que o conxunto local levou a iniciativa e o filial albivermello agardou replegado para saír á contra. O cántabro Musy contou cunha boa ocasión logo dun centro lateral nada máis comezar o encontro, pero a boa defensa dos de Roberto Fernández impediron que nos primeiros corenta e cinco minutos se presenciasen máis achegamentos con perigo do Bergantiños.

No segundo tempo, o Polvorín aproveitou o desconcerto do conxunto local e contou con varias ocasións claras para marcar. Lizancos puido poñer por diante aos lucenses en dúas ocasións, e Hugo García tamén contou cunha boa opción.



O Viveiro segue invicto a domicilio logo de sumar un punto na Ponte dos Brozos (1-1)

Encontro igualado entre Arteixo e Viveiro. O cadro local levou a iniciativa na primeira metade con moita movilidade e troco de posicións no ataque. O Viveiro, ben situado en defensa, apenas impediu achegamentos con perigo do rival. Tan só o ex racinguista Otero inquedou a portería defendida por Ayoub. Arturo, a centro de Adrián, rematou fóra na que foi a ocasión máis clara para os mariñáns nos primeiros corenta e cinco minutos.

No segundo tempo o Viveiro presionou máis arriba, pero foi o Arteixo o que non tardou en abrir o marcador. Nun saque desde o curruncho, o remate de Otero desviouno Samu ao fondo da súa propia portería. Alberto López deulle entrada a Mauro e Cora no canto de Xabi e Arturo e o Viveiro dominou o último tramo de encontro. No minuto 93 o Viveiro reclamou penalti, pero o colexiado indicou a falta fóra da área. O lanzamento de Rolle colouse na portería do soberino Ramón establecendo o definitivo empate.

O Lemos perde a condición de invicto na Pinguela diante do Lalín (0-3)

Os monfortinos foron superiores nos primeiros vinte minutos de xogo e xeraron varias ocasións para poñerse por diante no marcador, pero o balón non quixo entrar. O Lalín trocou de cinco a catro defensores e o encontro igualouse. En dous balóns parados, Tibu e Borja marcaron para os visitantes.

O Lemos, co marcador en contra, non estivo atinado e o Lalín, que é segundo e mantén a súa condición de invicto, amosouse sólido e con moita intensidade. A falta de dez minutos para o final, nunha contra Borja sentenciou o choque.

O Ribadeo suma os tres primeiros puntos fóra nun encontro encarrilado desde o comezo (1-3)

Entrou moi ben ao partido o Ribadeo e aos dous minutos xa se puxo por diante no marcador cun tanto de Asier logo dunha boa xogada persoal partindo de banda dereita. Antes de que se cumpliran os dez minutos de xogo Álex Meitín ampliou diferencias cun bo tiro cruzado. A boa primeira metade dos de Dani Moirón completouse co terceiro tanto, obra de Diego Ferreiro ao aproveitar un rexeite do gardameta a tiro de Criss. O conxunto local non foi quen de achegarse con perigo á portería de Carreira no primeiro tempo.

Logo do paso por vestiarios, o Ribadeo baixou o ritmo e os locales recurtaron diferencias nunha xogada desafortunada para os mariñáns. Un centro lateral bateu en Santi e o balón entrou na portería. No último tramo de partido o Victoria tentou recurtar diferencias, pero apenas xerou situacións de perigo.

O Castro tamén se estrea a domicilio cun contundente triunfo no campo do Dubra (1-4)

Tres primeiros puntos a domicilio para os de Rafa Casanova que completaron un moi bo encontro no campo do Dubra. Os chairegos saíron moi enchufados e aos seis minutos foron quen de adiantarse cun gol de Lois. O Dubra, co marcador en contra, volcouse sobre a portería rival e Rieiro logrou a igualada nun erro defensivo. Pero o Castro non se descompuxo co empate e non tardaron en chegar o segundo e terceiro tanto. Fito de penalti, e Hugo Buíde deixaron o marcador en clara vantaxe para o Castro. Xusto antes do intermedio, Josema detivo un lanzamento de penalti, permitindo marchar a vestiarios con dous goles de vantaxe.

A segunda metade comezou da mellor maneira. Aos dous minutos, Hugo Buíde anotou o cuarto, segundo na súa conta particular. O Dubra levou a iniciativa, aínda que a zaga do Castro non permitiu demasiadas situacións de perigo. Os de Rafa Casanova puideron ampliar diferencias en varias contras.

A Residencia cae na Cheda diante do Montañeros nun encontro pra esquecer (1-4)

Comezou ben a Residencia nos primeiros dez minutos de encontro, pero o primeiro gol coruñés rematou coas boas sensacións. Aos once minutos, Roberto aproveitou unha perda de balón lucense e batiu a Diego. Sobrepasada a media hora de xogo, noutro erro defensivo Lucas puxo terra de por medio.

No segundo tempo a Resi saiu con outra cara. Dani Renda estrelou o balón no longueiro e Txiki, con dez minutos gastados, recurtou diferencias cun remate de cabeza a centro de López. Pereira, Rois e Yeray contaron con ocasións para lograr un empate que non chegou. A falta de vinte minutos para o final, nun córner mal defendido, Mauro sentenciou o choque. No último tramo Pape, que militou no Riotorto a pasada temporada, fixo o cuarto e definitivo tras unha gran xogada individual.

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés vence no Verónica Boquete

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 6

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *