#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 6

Os máxicos da Primeira xa comezan a estar afeitos á categoría. A sexta xornada de competición deixou igualdade máxima e grandes goles na provincia.

Lourenzá 0-2 Burela: o Burela dominou o partido por medio da posesión do coiro na Santa Cruz, pero o Lourenzá estivo moi sólido no primeiro tempo e impediu o gol visitante. Xa no segundo tempo, David Ben fixo o primeiro e merecido tanto para os seus e, na recta final, o presidente Jairo Campo sentenciaba o choque cun 0-2 definitivo e xusto polo visto no terreo de xogo.

Milagrosa 1-2 Outeiro de Rei: o Outeiro de Rei foi superior durante os primeiros vinte minutos en Frigsa, froito do cal se adiantaron por medio de Tichu. Porén, o gol espoleou aos locais, que conseguiron o empate pouco despois. Co resultado de novo igualado, o partido destacou por ser moi trabado e pola seriedade defensiva de ambos conxuntos. Porén, o Outeiro aproveitou un balón parado no minuto 90′ para facer o 1-2 nun duelo no que o máis xusto tería sido, seguramente, o reparto de antes.

Pol 2-1 Guntín: levou premio a SD Pol ao imporse por 2-1 ao Guntín na matinal do domingo. Os visitantes adiantáronse por medio dunha falta lateral na que Debasa rematou con precisión coa testa para furar as mallas de Manu Cedrón e puideron ampliar as diferenzas nunha boa transición que non culminaron. Os locais obtiveron o premio do empate por medio dun penalti que, de acordo do Guntín, debeu de ser indicado fóra da área. Pouco despois, o local Gerardo (autor do primeiro tanto dos seus) erraría outra pena máxima nunha gran atallada de Iker. Entre os dous penaltis, Debasa enviaría un balón ao longueiro. No segundo tempo o Pol gañou protagonismo con balón e, a base de centros laterais, foi pechando ao Guntín no seu campo. Xa na recta final, un remate de Roi á saída dun córner daría os tres puntos aos seus e deixaría sen premio a un Guntín que sufrira a expulsión de Debasa no 67′.



Foz 0-1 Chantada Atlético: os mariñáns desaproveitaron o seu dominio na primeira media hora, na que erraron un penalti e unha ocasión na área pequena, e os chantadinos foron medrando no partido. A partir de aí, o Foz o intentaba con balóns parados, mentres que os visitantes tiñan a posesión pero non chegaban con claridade. Mediado o segundo tempo, Dani aproveitou un balón morto logo dun rexeite na frontal da área para facer o único tanto do choque, 0-1. Os locais volcáronse nos últimos vinte minutos, pero a sobriedade defensiva do Chantada Atlético permitiu aos do Sangoñedo sacar tres puntos de ouro da localidade focense.

Xove Lago 1-1 Portomarín: partido con alternativas para ambos conxuntos no primeiro tempo, no que cada equipo viu como lles anulaban un gol e que se saldou cun gol de Juanjo nos intres finais a prol dos mariñáns. Na segunda metade, os do Chao da Poza subiron o ritmo e buscaron o empate, ata que Hugo fixo unha auténtica xenialidade para poñer o 1-1. Apretou entón o cadro local na recta fínal, aínda que tamén o Portomarín contou con alternativas. A máis clara foi para un Xove, nun man a man na última acción que Diego enviou ao pau, pero ao final houbo reparto de puntos no Municipal.

SD Chantada 1-0 Meira: a SD foi superior ao seu rival e gozou de varias ocasións no primeiro tempo, pero tan só conseguiu anotar un tanto por medio de David. O Meira, pola súa banda, tivo algunha oportunidade para sorprender a meta local nos primeiros 45′. Xa no segundo tempo, o Chantada continuou o seu dominio, pero non foron quen de sentenciar e o Meira estivo a piques de sacar algo positivo do Sangoñedo nunha recta final marcada pola incertidume.



Riotorto 0-4 Taboada: foi superior o Taboada na Veiga, aínda que non foi quen de abrir o marcador ata un saque de esquina cando xa se achegaba o fin da primeira parte. O Riotorto saíu dos vestiarios moi intenso, pero un contragolpe rematado por Mosky permitiu aos da Medela anotar o segundo, ante o que os locais baixaron os brazos. A partires de aí, dous tantos máis dos visitantes permitiron ao Taboada sacar un resultado abultado do feudo do Riotorto.

Monterroso 1-3 Atlético Escairón: o Escairón adiantouse no 2′ e o Monterroso empatou no 4′. A partires do 1-1, o primeiro tempo destacou pola igualdade e o xogo directo de ambos conxuntos, ben solventado polas defensas. Pouco despois de voltar dos vestiarios, os visitantes lograron un novo tanto que deixou tocado a un Monterroso que, aínda que buscou o empate con insistencia, viu como Vilachá sentenciaba a prol dos seus nun contragolpe na recta final, 1-3 en Cerdeiriños.

Santaballés 5-1 Guitiriz: as baixas e as malas novas cebáronse cun Guitiriz que non puido competir ante o Santaballés na Liga. Aínda así, os visitantes tiveron a primeira ocasión do choque para adiantarse, pero non foron quen de anotala. Pouco despois, os locais fan o primeiro e o segundo tanto en sendos centros laterais que perforaron a portería do improvisado gardamallas Mario, aínda en idade xuvenil e sen xogar de porteiro de forma habitual. Os locais fixeron o 3-0 a volta dos vestiarios e o Guitiriz recurtou diferenzas, pero finalmente o Santaballés fixo dous tantos máis e conseguiu o 5-1 final.

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 6

Trío de Ases O Cantón. O Racing

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *