#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés gaña en Valladolid e ocupa praza de play off de ascenso

O Racing Vilalbés xa non é o equipo revelación de Segunda RFEF. É unha realidade. O triunfo diante do Valladolid Promesas sitúao en postos de play off de ascenso. Na Terceira RFEF, a Sarriana logou un triunfo contundente diante do Pontevedra B. O Viveiro caeu pola mínima na súa visita ao campo do Barbadás e o Polvorín fixo o propio na Cheda fronte ao Arteixo. Na Preferente, o Lemos volveu sumar de tres ao gañar no campo do Victoria. Malia todo, o seu adestrador Óscar Moure presentou a dimisión. O Castro sumou un meritorio empate na súa visita ao Cidade de Ribeira, mentre que Ribadeo e Residencia caeron derrotados, tamén a domicilio, fronte a Sigüeiro e Noia, respectivamente.

Segunda vitoria consecutiva do Racing Vilalbés para asentarse na zona de play off (0-1)

Un espectacular tanto de Isaac foi suficiente para que o Racing Vilalbés superase ao Valladolid Promesas a domicilio. Os de Simón Lamas cedéronlle a posesión ao rival e buscaron saír á contra con perigo. Isaac tivo a primeira ocasión para os chairegos e Cedric, que xa sabe o que é marcar no fútbol profesional, respostou para o Promesas, pero Álex Santomé parou. O Racing medrou co paso dos minutos e Álex Pérez contou cunha boa ocasión, xusto antes do único tanto do encontro. Isaac recurtou ao defensor e cun tiro cruzado fixo imposible a estirado do porteiro pucelano. Luis Castro tamén contou con dúas boas opcións para marcar

Na segunda metade o cadro local levou a iniciativa, pero a zaga chairega resultaba vitoriosa en cada acción. A única ocasión clara do filial vallisoletano tívoa Salazar a cinco minutos para o final, cun testarazo que se estrelou no longueiro.



A Sarriana golea na Ribela ao Pontevedra B (5-0)

Logo de cinco partidos sen poder sumar os tres puntos, o conxunto adestrado por Jorge Cuesta resarciuse cunha goleada ao filial do Pontevedra. O primeiro tanto chegou aos cinco minutos de xogo, obra de Boedo ao aproveitar un rexeite do gardameta á saída dun córner. Os seguintes minutos foron de dominio visitante, aínda que sen xerar ocasións de gol. No segundo tempo, o filial granate quedou con dez por expulsión de Rancaño e a Sarriana coa entrada de Diego Rey gañou en profundidade. A falta de quince para o final, unha vaselina deste detívoa o porteiro, pero Boedo atento ao rexeite acadou o segundo. O terceiro tanto foi obra de Herrero logo dunha internada de Tijan por banda esquerda. Xa moi preto do final German anotou dous goles para completar a manciña.

O Polvorín encadea tres derrotas consecutivas ao sucumbir na Cheda co Arteixo (1-2)



Non se atopou cómodo o Polvorín diante da presión alta que realizou o Arteixo. Nunha perda na saída de balón chegou o primeiro tanto visitante obra de Cañi pola escadra. Roberto Fernández fixo trocos que propiciaron un novo sistema de xogo con extremos que propiciou máis chegadas á área rival.

No minuto 62, Julio foi derribado na área e Maceira transformou a pena máxima establecendo o empate. Cinco minutos máis tarde, nunha falta lateral, Cañi rematou no segundo pao ao fondo da portería defendida por Brais.

O Viveiro non foi quen de sumar no campo do Barbadás (2-1)

Os quince primeiros minutos foron de dominio viveirense con continuas chegadas a área rival por medio de Cora e Gamarra. A partir de aí, o Barbadas fíxose co control a través de balóns ao seu dianteiro Xinzo. Pouco a pouco o Viveiro meteuse no seu campo e nunha falta lateral chegou o primeiro tanto para o cadro local, obra de Álvaro Villarino ao rematar no segundo pao. Antes do descanso o Barbadás ampliou diferencias no marcador. Nunha falta de entendemento entre Diego e Barroso, o máis listo foi Osian que roubou o balón e batiu a Rubén, titular ante a ausencia de Ayoub.

Alberto López fixo tres trocos no descanso e o Viveiro tivo moita máis movilidade e posesión no segundo tempo. O conxunto mariñán dominou por completo e xerou boas ocasións de gol por medio de Rolle e Adrián. Con media hora por diante, o Viveiro recurtou diferencias por medio de Gamarra, que culminou unha boa xogada combinativa entre Juan, Arturo e Rolle. No último tramo do encontro o Viveiro buscou o tanto do empate, pero o Barbadás soubo defender con orden avantaxe no marcador.



O Castro suma a cuarta xornada sen perder logo de acadar un valioso empate no campo do Cidade de Ribeira (2-2)

Dominio local no primeiro tempo diante dun Castro repregado que buscou xerar perigo á contra. O Cidade de Ribeira rozou o gol cun disparo ao pao, pero foi Fito que, nunha rápida transición puxo en vantaxe aos chairegos antes do intermedio. Pero aínda houbo tempo para que o conxunto local igualase cando pasaban dous minutos dos corenta e cinco. Viturro aproveitou unha perda de balón para poñer as tablas no marcador.

No segundo tempo, os ribeiráns saíron con máis intensidade, pero o pichichi Fito encargouse de voltar a poñer por diante aos de Rafa Casanova á saída dun córner. A partir de aí, o Castro tivo uns minutos para sentenciar o choque con varias ocasións para acadar o terceiro. A máis clara un lanzamento ao pao de Muiña. O tanto non chegou e o Cidade de Ribeira dominou o último tramo de encontro e meteu ao Castro no seu campo. Nun rexeite dentro da área Abi acadou o empate. Nos últimos intres do encontro, ámbolos dous conxuntos deron por bo empate e non arriscaron na procura dos tres puntos.

O bo traballo defensivo dalle o triunfo ao Lemos diante do Victoria. Óscar Moure presenta a súa dimisión (0-2)

Encontro igualado que se resolveu en pequenos detalles. O Lemos realizou un gran partido a nivel defensivo, o que resultou decisivo para acadar un triunfo que se resistía desde a segunda xornada de liga. Mauro, preto da media hora de xogo, aproveitou un pase de Sergi para poñer por diante aos monfortinos. O Victoria tentou levar a iniciativa pero non foi capaz de xerar ningún perigo ante a portería de Losada. As únicas chegadas foron a balón parado.

No comezo da segunda metade o Victoria foi mellor e meteu ao Lemos preto da súa área. Cando mellor estaban os coruñeses, o gardameta local nun mal control cometeu penalti e resultou expulsado. Mauro foi o encargado de transformar a pena máxima.

Malia ao bo comezo ligueiro do conxunto monfortino, oitavo na táboa clasificatoria o adestrador Óscar Moure presentou a súa dimisión. O técnico chegara ao banco da Pinguela o pasado curso, xa comezado, xuntoa Juan Rodríguez, e acadara o obxectivo da permanencia en Preferente.

Teceira derrota consecutiva para o Ribadeo, que caeu na súa visita ao Sigüeiro (3-1)

Foi superior o Ribadeo na primeira metade, ben plantado no terreo de xogo e sen sufrir defensivamente. O tanto ribadense chegou nun saque desde o curruncho botado por Castrín que rematou Tichu ao fondo da portería. Antes do descanso, os de Dani Moirón puideron ampliar as diferencias no marcador con dúas boas ocasións de Tichu e Castrín que sacaron dous defensores sobre a liña.

O segundo tempo comezou cun guión moi semellante ao visto na primeira metade. No minuto 63, no que era o primeiro achegamento do cadro local á portería de Carrera chegou o empate. Un balón á espalda da defensa, mal defendido pola zaga ribadense, Munin estableceu o empate. O Ribadeo seguiu procurando o segundo, pero nunha xogada semellante á do primeiro gol, chegou o segundo tanto local, obra de Yago. Os mariñáns volcáronse na procura do empate e o Sigüeiro sentenciou no minuto 94.

A Residencia cae no campo do Noia nun encontro marcado pola actuación arbitral (3-0)

A primeira metade foi de dominio local. O Noia amosouse superior a unha Residencia que sobreviviu gracias á boa labor do gardameta Marcos que desbaratou tres claras ocasións dos de Iván Carril. O conxunto lucense anotou un tanto, obra de Pereira, que foi anulado ao considerar que existía fóra de xogo.

A segunda metade comezou nivelada. O Noia seguiu xerando ocasións que Marcos detivo e a Resi tamén inquedou a portería de Cristopher cun disparo de Sergio. No minuto 55, Brian aproveitou un erro defensivo e puxo por diante ao Noia. Cinco minutos máis tarde prodúxose a xogada que marcou o devir do encontro. Txiki só dentro da área pequena foi derribado por detrás cando ía marcar. O colexiado non sinalou o que parecía un claro penalti e expulsou a Rois por protestar esa decisión. A xogada rematou en córner e Iago rematou ao pao. Iker Carril e Piñeiro sentenciaron en dúas contras o choque.

Foto de portada: Redes Sociais Racing Club Villalbés.

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés gaña en Valladolid e ocupa praza de play off de ascenso

O partido en imaxes: Residencia – Victoria

Trío de Ases O Cantón. O Racing Vilalbés gaña en Valladolid e ocupa praza de play off de ascenso

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 12

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *