Un só triunfo dos conxuntos lucenses de Segunda RFEF, Terceira RFEF e Preferente. O Racing Vilalbés empatou sen goles na Madalena diante do Zamora, líder da categoría. Un chanzo máis abaixo, o Polvorín caeu na Cheda diante do Alondras e a Sarriana fixo o propia na Ribela fronte ao Arousa. O Viveiro caeu por primeira vez a domicilio no campo do Gran Peña. Na Preferente o Castro acadou un triunfo de moito prestixio no campo do Noia. Ribadeo, Lemos e Residencia caeron no campo de Sofán, San Tirso e Miño, respectivamente.
O Racing Vilalbés fixolle fronte ao líder na Madalena (0-0)
A visita do Zamora ao feudo racinguista saldouse con empate. Partido moi táctico o que plantexaron ambos técnicos no que se impuxeron as defensas. Unha riqueza táctica que propiciou que non sora o encontro máis atractivo para o espectador.
Izan, que partiu desde o once titular, protagonizou a mellor ocasión de gol dos chairegos na primeira parte. Na segunda, unha opción non moi clara para cada equipo nun encontro no que o Racing recuperou a súa solidez defensiva diante dun rival que non encaixou gol en nove dos dez encontros disputados.


O Polvorín perde na Cheda diante dun Alondras que foi quen de remontar (1-2)
Posiblemente se viu o gol máis tempraneiro da temporada. Aos dezaoito segundos, o Polvorín adiantouse no marcador. Julio roubou o balón tras o saque de centro dos visitantes e o disparo deste rexeitouno o porteiro. O rexeito aproveitouno Anwar para poñer por diante ao filial albivermello. Alesito contou cunha boa ocasión para incrementar a diferencia no marcador. O Polvorín reclamou penalti nun derribo de Anwar na área, así como un inexistente fóra de xogo cando o dianteiro local encaraba a portería. O Alondras pouco a pouco mellorou no seu xogo e logrou empatar nun balón ao espazo que Manu define ante Brais.
Na segunda metade o Alondras adiantouse no marcador nunha acción a balón parado que rematou Manu acadando o doblete. O Polvorín tivo unha boa ocasión cun testarazo de Arhon a centro de Maceira para lograr o empate e rematou o encontro volcado na procura dun tanto que non chegou

A Sarriana perde co Arousa e suma catro derrotas consecutivas como local (0-3)
O cadro local tivo máis balón, pero sen a profundidade suficiente para poñer en apretos a un Arousa que mellora as súas prestacións co paso das xornadas. Os de Luisito deixaron o encontro visto pra sentencia na primeira parte. O primeiro tanto visitante chegou desde os once metros. O remate de cabeza de Rubo bateu na man dun defensor sarriao e Antón Concheiro transformou a pena máxima. Sobrepasada a media hora de xogo, o Arousa fixo o segundo cun lanzamento desde fóra da área de Martín Diz que debuxou unha parábola estrana e cólase na porta dun Javi Liz que sufriu un resbalón ao intentar deter o balón. Antes do descanso, chegou o terceiro, tamén con fortuna para os arousáns. O disparo de Antón Concheiro bateu nun defensor e despistou a Javi Liz.
Na segunda metade os de Jorge Cuesta tentaron recurtar diferencias diante dun Arousa que xogou máis repregado. Tomás e Ale tentáron con lanzamentos lonxanos, sen éxito.
O Viveiro perde a condición de invicto a domicilio no campo do Gran Peña (2-0)
Encontro igualado nunha primeira metade sen apenas ocasións. Corenta e cinco minutos moi tácticos nos que ámbolos conxunto trocaron de sistema na procura de xerar unhas ocasións que non chegaron.

No comezo da segunda metade o Viveiro disfrutou dos seus mellores minutos. Os de Alberto López dominaron o centro do campo e chegaron á área rival con perigo por ambas bandas con Nacho e Barroso, que debutaba coa camisola celeste na súa segunda etapa no club, como protagonistas. No mellor momento dos mariñáns chegou o gol local. Un mal despexe aproveitouno Lucas Antañón para adiantar ao Gran Peña cun bo tiro cruzado. Preto do final, Mario fixo o segundo e sentenciou o encontro. Gamarra e Cora contaron con ocasións para o Viveiro, pero non estiveron atinados.
O Ribadeo cae no campo do Sofán e racha unha xeira de catro encontros sen perder (2-1)
Primeira metade moi parella a xogada no campo do Carral na que apenas se viron ocasións. Un disparo lonxano de Álex Meitín foi a máis clara para o Ribadeo, mentres que Carrerra esforzouse para deter un centro chut xusto antes do descanso. O rexeite cabeceouno fóra o atacante do Sofán.
A segunda parte comezou cun guión semellante á primeira, pero rachou no minuto 52 cando o cadro local logrou adiantarse no marcador cun tanto do veterán David Bandera que rematou un bo servizo desde a banda. O gol deixou tocado ao Ribadeo e só cinco minutos máis tarde nunha segunda xogada tras un saque de falta, o Sofán consigue o segundo por medio de Luca. Os de Dani Moirón buscaron reducir diferencias no marcador e acadárono a falta dun cuarto de hora para o final. Un centro de Asier meteuno en propia porta un defensor local. Desde aí ata o final o Ribadeo xogou en campo rival na procura do empate e contou con ocasións para logralo, pero o balón non entrou.
Un doblete de Fito dalle ao Castro a vitoria no campo do Noia (1-2)
O Castro venceu ao Noia, firme candidato ao ascenso, no seu campo, nun encontro no que os de Rafa Casanova amosaron un alto nivel defensivo. O cadro local tivo o balón, pero non foi quen de xerar ocasións claras no primeiro tempo. O Castro buscaba rápidas transicións para chegar a área rival. Nun delas chegou o primeiro tanto. Foi desde o punto de penalti logo dunha acción na que Fito foi protagonista. Él mesmo foi o encargado de transformalo. Nun saque desde o curruncho chegou o segundo tanto, tamén obra de Fito.
No segundo tempo o Noia seguiu tendo o control do balón, aínda que sen inquedar en exceso a portería chairega, ata que con vinte minutos gastados Braian batiu a Josema. Na última parte do encontro os de Iván Carril buscaron o tanto do empate diante dun Castro ao que lle custaba máis saír á contra. Malia todo Fito e Mangel contaron con dous man a man para sentenciar o encontro. O colexiado engadiu dez minutos e no último intre o Noia contou coa ocasión máis clara ao estrelar o balón no longueiro.
O Lemos perdeu pola mínima no campo do San Tirso (1-0)
Encontro no que as reducidas dimensións do terreo de xogo fixo que ámbolos conxuntos optaron polo xogo directo, o que propiciou un partido trabado e insulso para o espectador. A primeira metade resultou igualada, aínda que o San Tirso contou coa ocasión máis clara para facer gol. Foi xusto antes do descanso e Miguel despexou o balón enriba da liña.
Ao comezo do segundo tempo chegou o único tanto do encontro, obra de Xian de penalti. Óscar Moure deulle entrada a Varela, Brais Pardo e Aissa e modificou o sistema de xogo na procura de xerar máis ocasións de gol. Mauro, que volvía a vestir a camisola do Lemos logo do seu paso polo Viveiro, e Diego Torres tiveron o empate nas súas botas.
A Residencia cae goleada no campo do Miño e suma a cuarta derrota nos últimos cinco encontros (5-1)
As numerosas baixas condicionaron á Residencia diante dun sorprendente Miño, novo líder da Preferente no que foi titular o ex ribadense Prosi. En dous minutos, o cadro local logrou dous tantos, o primeiro de Ipi e o segundo do ex do As Pontes Sergio. A Residencia buscou recurtar diferencias sen éxito e o Miño logrou o terceiro por medio de Fran Ares.
A segunda metade non comezou mellor para os de Dani Galán. Kevin anotou o cuarto para o conxunto local. A Resi logrou recurtar diferencias nun remate de Pereira a centro de Edrosa. O Miño redondeou o resultado co quinto tanto, obra de Ipi.
