#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Seijo e Samba elevan o ritmo goleador na Segunda

Ter un referente que marque goles no teu equipo non garantiza un ascenso, pero si pode ser determinante en diversos partidos. Dous dos protagonistas da xornada xa nos teñen afeitos a facer moitos tantos, pero a súa facilidade para ver porta sempre merece ser salientada. Tres goles de Seijo no norte e catro de Samba no sur animaron unha fin de semana na 2ª que contamos do seguinte xeito nos #OncesFutbolinlugo.

Na terceira xornada da fase polo ascenso na zona norte, queda como reflexión que a igualdade é a protagonista. O Cospeito mantense como primeiro clasificado, aínda que igualado a puntos co Meira e co Sanci. O conxunto preparado por Luis ten un punto de diferenza co seu rival da pasada finde, a Candelaria. O cadro da Rúa conseguiu os tres puntos na súa casa.

No outro dos grandes partidos da finde, o Sanci non desaproveitou a oportunidade de impedir que o Meira se escapara na clasificación. Os pupilos preparados por Jaime Méndez repuxéronse ben da derrota en Cospeito e conseguiron tres importantes puntos como locais, a primeira vitoria desta 2ª fase.

Cabreiros e Celta Barreiros sumánse á pelexa ao conseguir o primeiro triunfo deste tramo de competición. O conxunto xermadino venceu con claridade ao Guitiriz. Atopou de novo en Seijo a súa mellor baza para superar aos rivais a base de goles. O dianteiro abadinense marcou un hat-trick. Acumula cinco xa nesta parte do campionato e anotara 7 na 1ª fase.



Pola súa banda, o Celta Barreiros impúxose na súa casa ao Muimenta, equipo ao que supera na táboa clasificatoria. O Cabreiros e o Celta Barreiros colócanse no tren perseguidor con seis puntos e o Guitiriz e o Muimenta quedan con catro.

Na terceira xornada da fase pola permanencia na zona norte, o Xermade e o Iberia continúan no bo camiño. A súa distancia coa praza de descenso directo é de 10 puntos. O cadro xermadino segue co seu pleno nesta 2ª fase. Terceira vitoria seguida e recuperando o olfacto goleador que botou de menos no primeiro tramo de competición. Desta volta gañoulle ao Goiriz. Entre os que recuperaron a puntería atópase Diego Bellas, coñecido ultimamente como ‘Piti’.

Con claridade tamén logrou os tres puntos o Iberia sobre o Matela. No equipo de Outeiro de Rei debutou Roberto como central e entrou tamén no segundo tempo Mauricio, a outra das incoporacións que estaba pendente de estrearse.



O Fonsagrada colócase 3º e suma nove puntos logo de sumar tres nun duelo clave ante o Mondoñedo. O Viñas da Veiga albergou un bo ambiente, tal e como planificaron dende o club mindioniense. Pero novamente o resultado a favor non estivo do seu lado. O tanto de Igor e o dobrete no segundo tempo de Rubén rematou coas aspiracións locais. O Mondoñedo queda agora a tres puntos da salvación.

No outro duelo directo da xornada, triunfo capital do Roupar sobre o Abadín. Ambos equipos están na zona baixa do grupo e o conxunto verde non gañara nesta 2ª fase. Pellón foi un dos grandes protagonistas do choque ao marcar os dous goles que lle deron o triunfo aos seus.

Samba acumula doce goles no que vai de temporada segundo os datos aportados pola Futgal. Foto: III Guía Futbolinlugo

Na segunda xornada da fase polo ascenso na zona sur, o Becerreá continúa dando bos pasos para chegar ben posicionado á recta final. É líder con tres puntos de marxe sobre o Ferreira, o seu vindeiro rival no Municipal. Na pasada fin de semana foi quen de vencer a domicilio ao Oural. O cadro preparado por Negrete queda provisionalmente unha miga afastado dos primeiros postos.

Pola súa parte, o Ferreira conseguiu o primeiro triunfo da 2ª fase nun duelo directo ante o Paradela ao que agora supera en dous puntos. Foi un partido moi desputado e con moitos goles. Adiantáronse os do Baliño por dúas veces antes do tempo de descanso. Das dúas empatou o Paradela; nunha delas cun bo gol de falta directa de Raúl.

No segundo tempo os locais aproveitaron o contragolpe para facer dous goles máis. O Paradela marcou o terceiro xa contra o final nunha xogada embarullada. De todas as veces que marcou o Ferreira a autoría foi de Samba. O dianteiro de orixe senegalés xa nos ten afeitos a actuacións similares. O atacante xunta estes catro tantos cos once que marcou no primeiro tramo de competición.



Segue medrando o Antas ocupando o 3º posto, a catro puntos da praza de ascenso. Superaron a domicilio ao filial da SD Chantada cun solitario gol de Álex Diéguez no primeiro tempo; ben asistido polo mediocentro Cristian, un dos protagonistas do encontro. O bo facer defensivo do cadro da Ulloa no segundo tempo mantivo intacto o resultado e mesmo puideron ampliar a vantaxe.

Por outra banda, na Carqueixa o encontro entre o Río Sil e a Milagrosa rematou con empate a un gol. O balón parado custoulle un gol aos locais que se volcaron ao ataque no tramo final. Jordi antou de falta directa para igualar o marcador.

Na terceira xornada da fase pola permanencia no grupo de cinco equipos na zona sur, tocoulle descansar ao Santa Comba. O Sporting Lucense lidera este grupo con nove puntos logo da vitoria ante o colista. O Quiroga queda a dous puntos da salvación.

Entre medias o Páramo e o Brollón empataron a un gol. Tito volveu ser un dos grandes destacados no cadro preparado por Santi López. O central de Guntín de 44 anos está nun bo momento.

Na segunda xornada da fase pola permanencia no grupo de catro equipos da zona sur, o Corgo e o Incio están igualados a puntos na cabeza. Ambos suman sete. O Corgo derrotou nesta xornada ao Bóveda, último clasificado a catro da salvación.

Pola súa parte o Incio perdeu na súa visita ao Palas nos Chacotes. O club da Ulloa ponse con seis puntos e afástase momentaneamente da praza que ningúen quere.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *