Roberto Osorio ‘Sementa’ é un dos adestradores de moda do fútbol lucense. O seu Carballedo só sabe gañar en Liga neste 2024 e xa van sete triunfos consecutivos dunhas ‘Guerreiras’ que non atopan o seu teito.

Despois do descanso obrigado da pasada semana, quixemos dar voz ao fútbol feminino nos micrófonos de Radio Lugo Cadena Ser. Sendo así fieis ao noso compromiso co balompé das mulleres da provincia. Elas nunca paran!
O noso redactor Diego Díaz e o presentador da Cadena Ser Alex Gato, exerceron de mestres de cerimonias dunha entrevista que nos deixou momentos ben interesantes.
Pódese escoitar a nosa participación íntegra aquí (ademais, analizamos as citas sobranceiras da fin de semana no fútbol estatal feminino, na Segunda e Terceira RFEF e a Preferente como cada xoves).


Nas próximas liñas resumimos todo o que conversamos con Sementa. Desde esa espectacular xeira de resultados ata a orixe do seu alcume, pasando polas aspiracións do Carballedo de aquí a finais de tempada.
Sete triunfos consecutivos na Liga «Imos partido a partido. As rapazas saben que todo o que fan é por elas e para elas. Se queren seguir gañando saben o que teñen que facer. O único que lles podo dar é catro ‘pautiñas’. O resto é grazas a elas».

Consecuencias dunha parada obrigada? «Este parón pode afectarnos un pouco. Estamos traballando duro durante toda a semana para que isto non suceda. Respectando horarios e traballo. Sen traballo non chegamos a ningún lado. Hai que dalo todo pola semana para que saia a fin de semana».

O ascenso é un obxectivo ou un premio? «O ascenso nunca foi un obxectivo. O obxectivo é ter un grupo como teño: 22 rapazas que se levan de marabilla entre elas e se apoian. En ningún momento quixen obxectivos e así llo dixen á directiva. O grupo está unido e funciona. Se chega o ascenso pensaremos nel, pero partido a partido».
Xogar no Carballedo era incompatible con adestrar? «Incompatible non. Os horarios non coinciden. A miña vida laboral, a casa, a muller, os fillos… Habería que deixar moitas cousas do lado. O fútbol é moi importante pero a familia tamén. E a familia do Carballedo, tamén».

O mérito do Carballedo. 2.000 habitantes e equipo masculino e feminino! «Iso créase montando unha base onde todos os concellos de arredor forman parte: Chantada, Cea, Ourense, Lugo… Creando unha boa piña, os ‘eslabóns’ vanse empatando. Sería inviable que nun concello de 2.000 habitantes, haxa 50 persoas para xogar ao fútbol. Coa xente do concello, máis as que lle arrimas dos concellos do lado; van vendo que a piña funciona… Están contentos e traen un amigo ou amiga, e por iso está este club».
O alcume de Sementa? «O ‘mote’ vén da casa de meu pai. Vén de meu avó, de cando era moi novo. Daquelas xuntábanse todos para facer traballos. Había un cativo que era o que máis adiante ía cando se sementaba o millo. Comezou a chamárselle ‘Sementamillos’ e o diminutivo é ‘Sementa’ e aí quedou».
