#Fútbol afeccionado #Entrevistas #Preferente Futgal

Roberto Fdez: «Vai haber bastante movemento ata final de tempada»

Un dos mitos vivintes do fútbol provincial lucense. Roberto Fernández colgou as luvas tempadas atrás para adicarse á súa nova paixón: adestrar. Despois dun inicio marcado pola preparación dos porteiros pasou a ser primeiro adestrador de equipos de base, chegando ao Polvorín de Terceira RFEF a campaña pasada.

Este verán, o exgardamallas chantadino sorprendía coa súa fichaxe polo Pol, recén ascendido a Preferente. Seis xornadas despois conseguiu esa ansiada primeira vitoria. E non lle quedou outra que pasar polos micrófonos de Radio Lugo Cadena Ser coma o gran protagonista da xornada.

O noso redactor Diego Díaz e o presentador do Ser Deportivos Lugo Alex Gato, exerceron de mestres de cerimonias dunha longa entrevista, que deixou varios titulares.

Pódese escoitar a nosa participación íntegra aquí (ademais, analizamos as citas sobranceiras da fin de semana na Terceira RFEF e a Preferente).



Nas próximas liñas resumimos todo o que conversamos con Roberto Fernández. Desde ese primeiro triunfo histórico ata os últimos movementos no seu cadro de xogadores. Pasando por outros moitos temas, que non vos van deixar indiferentes!

Valoración dun triunfo histórico. «Primeira vitoria do Pol no Preferente e que se fixo agardar máis do esperado. Nalgúns partidos, tanto Arzúa como Lalín ou Paiosaco, o equipo mereceu moito máis en momentos puntuais. Afrontabamos o derbi co Ribadeo con moitas gañas e conseguímolo. Era importante para a confianza e relaxación dos xogadores».

Que cambiou esta vez para poder sumar de tres? «Queriamos darlle continuidade ao feito. Moitas veces, aínda que non se consigan os tres puntos, hai moitas cousas que o equipo estaba facendo ben. Ao equipo gústalle ser dominador pero é case imposible selo durante os 90 minutos. Hai que saber dominar as fases do xogo e agardar o momento de partido para atacar. Fomos penalizados por abrir moito os partidos e nos últimos minutos. Analizamos con tranquilidade e entendémolo ben».



Roberto Fernández foi adestrador dun dos combinados do I All Star Futbolinlugo (Burela, 2019). Logo repetiu noutras dúas edicións

O Pol só ten 17 licenzas de xogadores… «Queremos seguir asinando e reforzando o cadro de xogadores. Sabiamos que era un ano difícil nese aspecto. Intentamos saír adiante e asinar xogadores de presente e futuro. Estamos intentando encaixar todo. Os inicios son sempre complicados. Faltan dúas ou tres fichaxes e temos o cadro de xogadores aberto».

Un carrusel de movementos cada mes. «Esta semana tivemos un xogador que non vai continuar con nós, que é Roi. E incorporamos a Alesito, do Polvorín. Cambiamos o cadro de xogadores continuamente e creo que así será ata final de tempada, con bastantes cambios».

O adeus de Roi Campos.«Hai que entender aos xogadores. Aínda que dispoñen de minutos, queren outro tipo de minutos. Ou estar máis arroupados… Queren un cambio de aires. O importante é que estén contentos e felices. El decidiu que había outras situacións que lle gustaban máis e vai camiño a Ribadeo».

Recorda que podes seguir toda a actualidade do fútbol galego en www.futbolingalicia.es

Como é esta Preferente? «Sempre me pareceu unha categoría de enlace supercompetitiva. Hai xogadores moi ben preparados a nivel físico e de calidade. Co cambio de categorías a Preferente reforzouse moitísimo. Unha categoría supercompetitiva e superbonita».

O cambio de adestrar porteiros ao equipo enteiro. «O de adestrador de porteiros é unha vocación de sempre. É unha figura moi importante nos corpor técnicos que anos atrás non se valoraba. Iniciei por aí e sigo tendo o mono e quédome con Manu Cedrón e Marcos a adestrar ao final das sesións. Tamén tes outras funcións: análise de equipos, balón parado… Vin que dentro do grupo me gustaba ter ese outro tipo de roles e teño gañas de seguir aprendendo e de formarme constantemente».



A portería do CD Lugo. «A portería do Lugo é unha das posicións mellor gardadas e reforzadas nos últimos anos. Marcos Lavín é un porteiro moi sobrio, coa súa experiencia. Está facendo unha boa campaña. E logo, Pablo Cacharrón que é da casa e ao que lle aconsellei saír no seu día. Está moito máis preparado e é un porteiro de garantías. Ao equipo estalle custando arrincar, con moitos cambios. Hai que seguir confiando e ter tranquilidade. A portería dame moita tranquilidade».

Roberto Fdez: «Vai haber bastante movemento ata final de tempada»

Aarón Bermúdez, CD Foz: «Ao principio pensei

Roberto Fdez: «Vai haber bastante movemento ata final de tempada»

A Sarriana sitúase a punto do líder

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *