#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

A Sarriana sitúase a punto do líder

O Trío de Ases O Cantón tráenos unha sóa vitoria lucense nesta xornada. A da Sarriana no ata de agora infranqueable campo do Estradense, líder da Terceira RFEF. O Racing Vilalbés e o Polvorín igualaron no campo de Boiro e Vilalonga, respectivamente. O Viveiro desaproveitou unha importante vantaxe e caeu na súa visita ao Gran Peña.

Na Preferente, o derbi provincial entre Ribadeo e Escairón rematou nun empate que supuxo o cese do adestrador local Ramón Labrada. O Lemos caeu na Pinguela fronte ao intratable Montañeros e o Pol sufriu a remontada do Mugardos na Pedreira.

A Sarriana remonta e sitúase a só un punto do Estradense (1-2)

Caeu o líder por primeira vez no curso e foi diante dunha Sarriana que se sitúa a un só punto do liderado. Os de Jaime Paz trocaron o sistema de xogo coa intención de danar o entramado defensivo dun Estradense que só encaixara tres goles no campionato. Non deu os seus froitos e á Sarriana costoulle xerar situacións de perigo. O Estradense non inquedou demasiado as inmediacións de Javi Liz, pero nunha contra o ex viveirense Gamarra superou ao gardameta lucense.



Resultou moi diferente o segundo tempo. Jaime Paz deulle entrada a Santi Gegunde e a Sarriana amouse dominadora e xogou os corenta e cinco minutos en campo contrario. O empate non tardou en chegar tras unha xogada por banda esquerda que rematou Álex Millán. O Estradense acusou o empate e a Sarriana seguiu xerando perigo ata que Boedo, tras unha boa xogada combinativa, anotou o segundo. O cadro local buscou a igualada por medio de balóns colgados á área sen éxito.

As defensas impóñense en Barraña entre Boiro e Racing Vilalbés (0-0)

Foi mellor o Racing Vilalbés no primeiro tempo. O conxunto local non chegou á portería de Álex Santomé e os de Alberto López tiveron varias ocasións para adiantarse no marcador. Borja Míguez contou coas máis claras para os chairegos.



No segundo tempo viuse pouco fútbol e as defensas impuxéronse con claridade aos ataques. Nen Boiro nen Racing Vilalbés foron quen de chegar con claridade á área rival

Un cuarto de hora fatídica provoca a derrota do Viveiro fronte ao Gran Peña (5-4)

Aínda que pareza incrible polo transcurso do encontro, o Viveiro retornou de Vigo sen puntos. O Gran Peña foi quen de remontar no último cuarto de hora unha vantaxe de dous goles dos mariñáns. Os de Jandri Rego lograron adiantarse no ecuador do primeiro tempo por medio de Diego Santín ao aproveitar unha mala cesión ao porteiro local. Pouco despois, nunha gran contra dos celestes, Diego Santín volveu a marcar. Xusto antes do intermedio, Dani Rosas rematou un saque de esquina para darlle vida ao Gran Peña.

O segundo tempo comezou da mellor maneira para o Viveiro. Rolle, con só dous minutos gastados, recolleu un balón solto e superou a Andrés. O Gran Peña nin moito menos se veu abaixo e Breo fixo o segundo cun disparo desde a frontal. No minuto 78 chegou o que parecía o gol da sentencia do Viveiro, obra de German. Os últimos intres ninguén os presaxiaba. No 85, Mateo rematou de cabeza un bo centro e só dous minutos máis tarde, Ayoub non atinou a despexar e Jon igualou o encontoro. Xa no desconto, o debutante Thiago cometeu penalti que Edu transformou culminando unha remontada que parecía imposible.

O bo encontro do Polvorín tivo escaso premio no campo do Vilalonga (1-1)



O filial albivermello amosouse moi superior ao seu rival ao longo de todo o partido, malia que fora o Vilalonga o que logrou adiantarse no marcador nun erro en cadea do Polvorín, que pecou de falta de contundencia. Marcos Blanco puxo por diante aos locais na que sería das únicas chegadas do primeiro tempo. Os de Dani Galán contaron con varias ocasións claras antes de que Maceira rematara de forma maxistral ao fondo da portería.

O segundo tempo resultou un monólogo dos lucenses. O Vilalonga deu un baixón físico e o Polvorín fíxose dono do encontro. Maceira e Víctor Casais puxeron a proba ao gardameta Rodri, que realizou dúas paradas de gran mérito. Rubal tamén contou con dúas boas ocasións que saíron fóra por pouco. A falta de acerto privoulle aos albivermellos de sumar tres puntos a domicilio.

O Lemos sucumbe diante dun intratable Montañeros (0-4)

O conxunto monfortino competiu ben na primeira metade fronte a un Montañeros que conta por vitorias todos os seus encontros. Os de Juanlu Bernal contaron con ocasións para adiantarse no marcador, a máis clara un lanzamento de Armesto que se estrelou no pao. Nun erro defensivo local chegou o primeiro gol dos coruñeses. Un centrol lateral rematouno Pape ao fondo da portería. Os seguintes minutos transcorreron con domino alterno, e sen claras ocasións.

Tras o paso por vestiarios, o Lemos arriscou na procura do empate e o Montañeros aproveitou á perfección os espazos á contra.

O Ribadeo e o Escairón empatan nun derbi que deixa distinto sabor de boca (1-1)

O derbi provincial deixou consecuencias drásticas no Ribadeo. O club mariñan anunciou a destitución do adestrador Ramón Labrada logo de o equipo non fora capaz de vencer e ocupe a derradeira plaza da clasificación despois de sete encontros disputados.

Encontro moi disputado no Pepe Barrera con dúas metades ben diferenciadas. Os mariñáns sacudiron de contado a ansiedade polos malos resultados. Aos sete minutos, un despexe de Macía bateu en Álex Meitín, que realizou unha boa presión, e o balón rematou no fondo da portería. O tanto fíxolle dano a un Escairón que aínda non lle tomara a medida ao encontro. O Ribadeo colleu o temón e protagonizou numerosas chegadas á área rival, principalmente pola banda dun omnipresente Castrín. O de Riotorto colocou varios centros perigosos que non atoparon rematador. Echavarri, de chilena, tivo a máis clara para os locais. Os de Óscar Moure chegaron nunha soa ocasión á portería rival, pero con gran perigo. Nunha boa xogada de equipo, Julito disparou ao longueiro.

O segundo tempo resultou moi diferente. O técnico visitante deulle entrada ao veterán Iago Sanginés e o Escairón gañou presenza en ataque. Julito e Brais Meco contaron con boas ocasións para establecer o empate, xusto antes de que Echavarri rematara fóra de cabeza cando estaba completamente só un saque de córner para facer o segundo. Na seguinte xogada, Álex Meitín disparou co gardameta xa vencido e Josu sacou baixo paos. No minuto 60 chegou o empate. Unha xogada combinativa do Escairón, finalizouna Brais Meco cun tiro desde a frontal que sorprendeu a Javi Pita. No último tramo de encontro, os do Saviñao contaron con opcións para gañar o encontro. Iago Sanginés puxo a proba a Javi Pita, que desta volta respostou cunha gran intervención. Pouco despois, o vicedense volveu a intervir para desviar o tiro cruzado de Xoel.

O Pol adiántase, pero o Mugardos remonta e vence na Pedreira (2-1)

O estado do céspede condicinou o xogo e ámbolos conxuntos optaron por un fútbol directo no que o Pol sentiuse máis cómodo no primeiro tempo. Os pupilos de Roberto Fernández contaron con boas ocasións para marcar. Tras varias desaproveitadas, chegou o gol. Nunha acción a balón parado, Julio Camba aproveitou un rexeite para rematar ao fondo da portería. Xusto antes do intermedio, Do Carmo aproveitou un esbarón dun defensor chairego para superar a Manu Cedrón.

No segundo tempo, as condicións do campo empeoraron e non foi posible ver moito fúbol na Pedreira. O Pol non renunciou a levar os tres puntos e Álex Pérez e Mauro contaron con dúas claras ocasións para voltar adiantarse no marcador. Sen embargo, foi o Mugardos quen levou o gato á auga. Gabarre, ex do Polvorín, conectou un potente disparo pegado á base do pao que resultou definitivo. Quedaban dez minutos por diante nos que apenas se xogou con moitas interrupcións.

A Sarriana sitúase a punto do líder

Os 7ºs Máxicos deixan moitas remontadas

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *