#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Residencia e Ribadeo comezan o ano gañando fóra

Comezou o ano novo futbolístico con dous empates dos nosos representantes na Terceira RFEF. O Racing Vilalbés igualou no campo do Arousa, un dos principais candidatos ao ascenso, mentres que o Viveiro fixo o propio en Cantarrana fronte ao Arteixo. Na Preferente, a Sarriana non deu opción ao Victoria na Ribela. Residencia e Ribadeo acadaron dous triunfos de mérito nos campos do Betanzos e o Montañeros respectivamente. O Lemos cedeu no tramo final no seu campo diante do Ordes, mentres que o Portomarín rematou goleado na súa visita ao San Tirso.

O Racing Vilalbés suma un punto no campo dun Arousa que segue detrás dos chairegos (1-1)

Decimo terceira xornada sen perder para un Racing Vilalbés que se tivo que adaptar ao mal estado do terreo de xogo. Ámbolos conxuntos optaron por un fútbol directo e por minimizar erros que puideran poñer en apretos as porterías. Corenta e cinco primeiros minutos con escasas ocasións, salvo algúns centros laterais sen demasiado perigo.

Logo do descanso o encontro abriuse e o Racing Vilalbés xerou máis perigo con Santi Gegunde e Pablo Rey entre liñas. Nun saque desde o curruncho chegou o gol dos de Simón Lamas. Marcos Álvarez aproveitou un servizo de Santi Gegunde para batir a Manu Táboas. O Racing non soubo aproveitar os intres de precipitación dos arousáns e nun centro lateral Sylla igualou a contenda. Javi Rey puido desnivelar a contenda nun man a man que desbaratou o porteiro na que foi a mellor ocasión para os chairegos.



O Viveiro suma o seu terceiro empate consecutivo diante do Arteixo en Cantarrana (1-1)

O encontro veu marcado polo impracticable estado do céspede de Cantarrana por mor das intesas choivas das últimas horas. As xogadas a balón parado foron determinantes ao longo de todo o partido. O Viveiro comezou mellor con Sane desbordando pola banda dereita. O gol local chegou moi preto da media hora de xogo ao transformar Rolle un claro penalti cometido sobre él mesmo. Preto do intermedio o Arteixo logrou o empate nunha falta lateral na que non houbo entendemento entre a zaga local e o gardameta e que rematou co gol de Antonio.

A segunda metade caracterizouse pola igualdade e o fútbol directo. Un man a man de Arturo tras pase de Lucas e un remate de Schuster á saída dun córner foron as mellor opcións de gol para os de Alberto López. O Arteixo só inquedou no tramo final nunha falta lateral que rematou o ex racinguista Otero.



A Sarriana achégase ao liderado ao vencer ao Victoria (3-0)

O triunfo na Ribela xunto ao empate do Noia no Pino deixan aos de Brais Prados a catro puntos da primeira praza. O cadro coruñés impuxo un ritmo alto e buscou roubar o balón en zona de ataque, pero os sarriaos apenas cometeron erros en zonas de perigo, sobre todo co paso dos minutos. Logo de varias ocasións, o primeiro tanto chegou moi preto do descanso. Nun roubo de balón a Sarriana saiu rápido ao ataque con Diego Rey que asistiu a Adri Díaz e o monfortino definiu ben ante o porteiro.

Comezou moi ben a Sarriana na segunda parte e Julio Camba puxo terra de por medio. O Victoria xerou dúas ocasións claras nun momento de troco de sistema do cadro local. Brais Prados moveu o banquiño e o conxunto local voltou a recuperar o mando do encontro e Adri Díaz sentenciou co seu segundo tanto.

A Residencia realiza o mellor encontro da temporada e vence no campo do Betanzos (1-3)

Gran encontro dos pupilos de Dani Galán ante un dos rivais máis complicados da Preferente no seu campo. Iso si, o Betanzos non atravesa o seu mellor momento da temporada, cunha vitoria nos últimos sete encontros. O primeiro tanto no se fixo agardar. Un centro de Rois rematouno Poratti no segundo pao ao fondo da rede. A Residencia amosouse moi superior e contou con claras ocasións para deixar o encontro sentenciado na primeira metade. Sergio cun tiro cruzado, Dani Renda, cun penalti que saiu alto e Rober que errou tras reagatear ao gardameta, tiveron as máis claras. O Betanzos optou por un fútbol directo que non inquedou aos lucenses.



Na segunda metade un disparo de Sergio desviouno Róber e convertiuse no segundo tanto para a Residencia. Yeray estivo preto de sentenciar pouco despois, pero o terceiro chegou por medio de Dani Renda, que sacou a espiña do penalti errado cun golazo pola escadra. Xa nos últimos compases David recurtou diferencias cun remate no primeiro pao.

Tres puntos de ouro para o Ribadeo na súa visita ao Montañeros (1-2)

Cuarta vitoria nos cinco últimos encontros para o cadro mariñán que o sitúan nunha zona máis cómoda da clasificación. O triunfo na Grela diante dun Montañeros chamado a pelexar polo ascenso é outro paso cara a estabilidade nun conxunto que comezou a temporada moi lastrado polas lesións. Aínda que a iniciativa do xogo levouna o cadro local, o Ribadeo foi quen chegou con máis perigo ás áreas. No minuto 36 unha combinación entre Asier e Álex Meitín rematouna Iván García ao fondo da portería defendida por Dani Moreno.

Na reanudación a intensidade do Montañeros deseguido se traduciu no empate, obra de Currás ao gañarlle a espalda á defensa ribadense. Os de Dani Moirón non se viñeron abaixo co empate e Álex Meitín puxo a proba ao gardameta local cun bo testarazo. O conxunto morado tentou o gol pero non estivo atinado ao contrario que Xaime que aproveitou un rexeite do gardameta a tiro de Asier para marcar o tanto do triunfo.

O Lemos cae pola mínima na Pinguela fronte ao Ordes (0-1)

Encontro igualado no que o conxunto monfortino rachou a súa xeira de tres encontros sen coñecer a derrota. Os de Óscar Moure foron lixeiramente superiores nunha primeira metade con escasas ocasións de gol e con moito mediocampismo.

Na segunda metade o Lemos estivo máis precipitado e con moitas perdas de balón o que fixo que o Ordes medrara co paso dos minutos ata que no minuto 80 Brais acadou o único tanto do encontro cun bo remate no primeiro pao logo dun centro lateral.

Resultado enganoso na visita do Portomarín ao campo do San Tirso (6-0)

O conxunto miñoto realizou unha das mellores primeiras metades do que vai de liga, pero os erros defensivos seguen a penalizar en exceso ao conxunto de Fernando. Nun desaxuste chegou o único tanto que se viu nos primeiros corenta e cinco minutos. Á saída dun córner o veterán César puxo en vantaxe ao San Tirso. O Portomarín repúxose e contou con varias ocasións para marcar. Barrio puxo a proba ao gardameta David e Fente estrelou o balón na madeira.

Aos cinco minutos da reanudación Nacho, nunha xogada desafortunado anotou en propia porta, e o Portomarín malia resentirse, seguiu tentando recurtar diferencias. Nunha perda de balón en medio campo a falta de vinte minutos para o final Denis sentenciou o choque e nos últimos minutos o San Tirso completou a goleada.

Residencia e Ribadeo comezan o ano gañando fóra

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 17

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *