O Tres en Raia O Cantón achéganos unha vitoria fundamental do Racing Vilalbés diante do Fabril, rival directo pola permanencia e co que iguala na clasificación. Na Terceira RFEF pleno de triunfos lucenses. A Sarriana tamén finiquitou a súa xeira negativa cun triunfo in extremis diante do Betanzos, mentres que o Viveiro deu boa conta do Paiosaco en Cantarrana. O Polvorín venceu ao Pontevedra B a domicilio, nun encontro clave pola permanencia. A xornada na Preferente pouco tivo que ver coa de Terceira. Ribadeo e Residencia sumaron un punto como locais diante de As Pontes e Dubra, respectivamente. O Castro caeu no Arturo Pereiro co Miño, mentres que o Lemos caeu con estrépito no campo do Montañeros.
Un golazo de Quico dálle aire ao Racing (1-0)
O Racing Vilalbés puxo fin a súa mala dinámica. Gañou por primeira vez en 2024; levaba dez partidos sen gañar. Tamén rematou coa seca goleadora; acumulaba oito xornadas sen marcar. Venceu pola mínima nun duelo moi igualado ao Fabril do ex adestrador racinguista Óscar Gilsanz.
No primeiro tempo, os locais apertaron e roubaron en campo rival. Con todo, non lograron converte esas chegadas en grandes ocasións. No primeiro tramo do segundo acto, entrou ben o Fabril e tivo algunha oportunidade para poñerse por diante. O encontro rompeuno o central vilalbés Quico cun gran gol. Tras unha acción a balón parado, Nathan envou o balón a dentro da área. Quico controlou e definiu con elegancia en dous toques ante o gardamallas rival.
Un tanto de Cuadrado nos últimos intres dalle tres puntos de ouro á Sarriana (1-1)
Rachou a Sarriana cunha xeira de seis xornadas sen coñecer a vitoria e fíxoo diante do Betanzos cun solitario tanto de Cuadrado cando o encontro xa esmorecía. Os de Jorge Cuesta apostaron polo dominio do balón fronte a un cadro visitante que ofreceu un fútbol máis directo e vertical. A primeira metade rematou sen ocasións claras para ningún dos dous conxuntos. A Sarriana chegou con certo perigo por medio de Tijan pero os seus centro foron despexados pola zaga betanceira.
A segunda metade seguiu a mesma tónica, sen apenas ocasións para ningún dos dous equipos. Marcos Souto tivo que intervir nun disparo con pouco ángulo de Tijan, mentres que o Betanzos buscou o tanto sobre todo a balón parado. Pero no desconto chegou o único tanto do partido. Nunha internada de German na área, desfaise do seu par e o centro ao segundo pao remátao ao fondo da portería Cuadrado. Na última xogada do encontro, nun saque desde o curruncho, Marcos Souto incorporouse ao ataque e rematou fóra.
O Polvorín conseguiu a primeira vitoria con Dani Galán (0-2)
O filial do CD Lugo deu un paso adiante de cara a salvación. Derrotou a un rival directo como o Pontevedra B, ao que deixa a nove puntos na penúltima posición. Tras dous partidos dirixindo dende o banco, Dani Galán suma un empate e un triunfo.
O partido tivo dous momentos clave ao principio de cada parte con protagonismo para Julio Lansade. Aos seis minutos, o ’10’ albivermello aproveitou un balón morto dentro da área para adiantar aos seus. Logo, costoulle xerar máis profundidade ao Polvorín. Os locais trataron de chegar á área rival, pero non fixeron intervir a Fernando.
O inicio do segundo tempo, Julio marcou o segundo cun tiro dende a frontal. Os xogadores do cadro lucense controlaron moito mellor o encontro. O Pontevedra B tivo algunha que outra opción para meterse no partido, pero non foron capaces de batir a Fernando.
O Viveiro vence e convence fronte ao Paiosaco (2-0)
Sae de descenso o Viveiro coa súa vitoria diante do Paiosaco en Cantarrana, onde sumou a súa terceira vitoria consecutiva. Os de Alberto López dominaron o encontro desde o comezo. O Paiosaco non estivo cómodo en ningún momento e Nacho e Martín levaron moito perigo por ambas bandas. Unha chegada deste último finalizouna Manu cun disparo que supuxo o primeiro tanto viveirense á media hora de xogo. O propio Manu contou con outra boa ocasión para facer o segundo pouco despois.
A segunda metade seguiu os mesmos derroteiros. A entrada no campo de Barroso e Franco deulle maior dominio ao medio do campo e máis profundidade dos de Alberto López. O tanto da sentencia anotouno Rolle, que definiu con calidade tras un bo servizo de Barroso. Gamarra, Cora e Dani contaron con boas ocasións para facer o terceiro. Na única chegada do Paiosaco estivo moi atinado o gardameta Ayoub.
O Ribadeo non pasa do empate cun bo As Pontes no Pepe Barrera (0-0)
Sorprendeu o conxunto visitante no primeiro tempo cun ritmo moi alto de xogo co que superou ao Ribadeo. Aos vinte minutos de xogo Castrín tivo que abandonar o terreo de xogo cunha lesión muscular. O cadro pontés contou con varias ocasións ás que respostou ben o gardameta Carrera, a máis clara preto do descanso nun man a man no que o porteiro saíu vitorioso.
Os trocos melloraron ao Ribadeo nun segundo tempo no que as forzas se igualaron e os de Pichi foron que de xerar algunha ocasión de gol, principalmente a balón parado.
O Lemos sae goleado polo Montañeros no peor encontro da temporada (5-0)
Encontro malo sen paliativos do conxunto monfortino que nada máis saír ao campo xa viu como o Montañeros o superou en todos os aspectos do xogo. Aos cinco minutos, o cadro local xa tiña dous goles a favor. O primeiro nunha acción a balón parado que rematou Andre Pose e o segundo cun disparo lonxano de Rubén Sande. O Lemos non foi quen de ter o balón nin xerar ocasións de gol. Antes do descanso Miguel Real fixo o terceiro.
No intermedio, Juanlu Bernal realizou un cuádruple troco na procura dunha reacción que non chegou. O comezo resultou moi semellante ao do primeiro tempo. Cinco minutos e dous goles cos que o Montañeros completou a goleada, obra de Toni e Andre Pose. A goleada puido ser maior, pero o cadro coruñés non estivo atinado cara a porta contraria.
A Residencia empate sen goles co Dubra e suma a quinta xornada sen perder (0-0)
Encontro trabado e con moi poucas ocasións. Malia todo foi a Residencia quen se achegou con máis perigo á portería defendida por Fedello. Na primeira metade o gardameta do Dubra voou para sacar na mesma escadra un gran disparo de Dani Renda e na segunda parte un remate de Rober que rozou no pao e marchou fóra. O conxunto visitante non inquedou a portería de Diego en ningún momento.
Con este empate a Residencia conta con tres puntos de marxe sobre o descenso e encadea cinco xornadas invicto.
Derrota do Castro no Arturo Pereiro que prolonga a súa mala xeira diante do Miño (2-3)
Encontro con dúas metades ben diferenciadas. A primeira metade tivo cor visitante. O Castro non soubo ler ben as situacións de ataque e perdeu varios balóns que propiciaron ocasións perigosas do rival. O primeiro gol do Miño chegou nunha acción a balón parado que rematou Damián ao fondo da portería libre de marca. Preto do descanso Dani Montes cometeu penalti que transformou Kevin.
No descanso o técnico local replantexou o partido e o Castro saiu mellor ao terreo de xogo. A entrada ao campo de Álex Goás e Iago Buján déronlle outro aire ao equipo, sobre todo nas chegadas por banda. Rober recurtou diferencias ao rematar unha boa xogada de Iago Buján, pero poucos minutos máis tarde o Miño ampliou diferencias nunha xogada moi semellante á do primeiro tanto. Nunha falta lateral o propio Damián fixo o segundo tanto da súa conta particular. A falta de doce minutos para o final, Fito logrou recurtar diferencias e o killer chairego tivo unha gran ocasión para empatar ao errar unha pena máxima. O colexiado anulou un tanto nos últimos intres nunha acción moi protestado polo Castro.