Polvorín e Sarriana camiñan con paso firme

Variedade de resultados dos equipos lucense de Terceira na quinta xornada. O Polvorín gañou no sempre difícil campo do Sofán, o Racing Vilalbés arrancou un punto no feudo do Alondras e o Viveiro caeu na súa visita ao Xuvenil de Ponteareas. Na cuarta xornada de Preferente os dous derbis provinciais tiveron clara cor local. A Sarriana venceu ao Ribadeo e o Lemos á Residencia. O Santaballés sacou un valioso punto no Poboado diante do As Pontes e o Atlético Escairón non foi quen de puntuar en Betanzos.

O Polvorín mantense invicto logo de gañar en Carballo diante do Sofán (1-2).

Importante triunfo do filial albivermello nun dos campos máis complexos da categoría, polas súas dimensións e polo partido que o cadro local lle saca ás xogadas de estratexia.

O primeiro tanto non tardou en chegar. Xa no minuto 3, Paulo adiantou ao Sofán cun tanto de bela factura. O Polvorín reaccionou de inmediato e o empate non se fixo agardar. Un claro penalti cometido sobre Álex Ramos tranformouno Rojo. Case sen tempo para que os locales dixerirán o empate chegou a remontada, obra de Martín nunha internada pola banda esquerda.

O partido tranquilizouse e os de Álex Ortiz souberon controlar á perfección as chegadas dun Sofán que non xerou excesivo perigo sobre a meta de Brais Vázquez. Xa nos últimos compases, o Polvorín puido matar o partido en varias contras por medio de Leandro ou Álex Ramos.

O Racing Vilalbés cortou a xeira de dúas derrotas cun empate diante do Alondras (0-0).

Encontro igualado o disputado no Morrazo. Costoulle ao Racing adaptarse ao troco de sistema do conxunto local, o que ocasionou varias chegadas con perigo do Alondras. Co paso dos minutos os chairegos asentáronse mellor sobre o céspede e puideron adiantarse nun par de ocasións de Cuadrado, unha delas saiu lambedo o largueiro, e en sendas ocasións de Javi Rey e Pedrosa. As situacións de balón parado xeraron bastante perigo sobre a portería defendida por Ángel Fraga.

Na segunda metade o Racing Vilalbés saiu moito mellor e controulou mellor as acometidas do Alondras. Incluso, en varias xogadas dentro da área rival, a falta de acerto á hora de tomar a última decisión privou aos de Simón Lamas de acadar o tanto. No ecuador da segunda metade o encontro abriuse moito e preto do final os locales foron superiores e puxeron en serios apretos a un Racing que sumou un importante punto.

O Viveiro pagou unha mala segunda metade e perdeu no campo do Xuvenil de Ponteareas (3-1).

Segunda derrota consecutiva do Viveiro lonxe de Cantarrana. A primeira metade dos mariñáns convidaba ao optimismo. Foron superiores ao conxunto local e apenas sufriron en defensa. Ademáis, preto do descanso, os celestes adiantáronse no marcador. Dani Sampayo non puido chapar un disparo de Xaime e o rexeite empurrouno a gol Sidibé, moi atento para marcar o seu cuarto gol da temporada.

O que parecía un encontro controlado veuse abaixo na segunda metade. O Xuvenil de Ponteareas fíxose o dono do encontro e xerou claras ocasións de perigo. Nunha delas chegou o empate por medio de Miguel. Con case vinte minutos por diante, Chusky decidiu trocar de sistema e xogar con cinco defensas, pero a variante táctica non deu os seus froitos e nos últimos intres chegaron os dous tantos, ambos obra de Carlos Cora, que foi quen de definir dous man a man diante de Manu Cedrón.

A Sarriana aproveitou a segunda metade para golear ao Ribadeo (3-0).

Vendo só a primeira metade parecía complicado adiviñar o resultado final. O Ribadeo sorprendeu na Ribela á Sarriana co seu troco de sistema. Os de Edu Rodríguez tiveron algunha chegada a área rival, pero foi o Ribadeo o que máis preto estivo de marcar en dous remates de Diego Núñez que despexou moi ben Parapar. Os mariñáns atopábanse máis cómodos defendendo a circulación de balón da Sarriana.

Na segunda metade a Sarriana pasou a xogar con tres centrais e dous carrileiros e foi quen de anotar na primeira xogada por medio de Omar. O Ribadeo veuse abaixo e ao mesmo tempo os locais fixéronse donos do encontro. Gerardo puxo terra de por medio e xa moi preto do final Diego Rey sentenciou o choque. A Sarriana conta os seus encontros por vitorias, mentres que os de Dani Moirón quedan con dous puntos na zona baixa da clasificaicón.

O derbi da Pinguela entre o Lemos e a Residencia tivo cor local (2-0).

A primeira metade tivo unha clara cor local. O Lemos foi superior a unha Residencia que non se atopou cómoda en ningún momento sobre o céspede da Pinguela. Adiantouse o conxunto local cun tanto de Varela e puideron chegar máis tantos por medio de Mauro e Armesto e o colexiado anulou un tanto anotado de novo por Varela.

Na segunda metade mellorou o rendimento da Residencia que chegou con claridade á área rival. O cadro lucense reclamou o segundo cartón amarelo a Dafonte aos dez minutos da reanudación por unha falta sobre Dani Renda cando este se dirixía a área, pero o colexiado non a apreciou como acción merecedora de cartón. Veloso tivo a máis clara para os de Dani Galán nun balón que, con Losada batido, non chegou a rematar. No minuto 70, nun erro defensivo dos lucenses chegou o segundo do Lemos, obra de Armesto. A partir de ahí, os de Alberto López dominaron os tempos do partido e o marcador non se moveu.

O gran partido do Santaballés no Poboado resólvese cun valioso empate (2-2).

Os chairegos realizaron un encontro moi completo ante un dos favoritos ao ascenso e acadaron un punto importante, pero que vistos os noventa minutos puido ser escaso para a labor realizada polos de Juan Rodríguez.

O Santaballés comezou cedendo a posesión ao conxunto local, pero moi ben posicionado defensivamente e saíndo á contra con perigo. Nunha delas, nun penalti cometido sobre Palomo chegou o primeiro tanto, obra de Novás desde os once metros. Non mudou a tónica do partido, co As Pontes dominando o esférico, pero sen chegar con perigo á portería de Ivo. Sobrepasada a primeira media hora, no primeiro tiro entre os tres paos do As Pontes chegou o empate, por medio de Dani Bellas. Antes do descanso, un tiro de Palomo bateu na man dun defensor local, pero o colexiado non sinalou penalti.

Nada máis comezar o segundo tempo, unha gran xogada persoal de Palomo remata co pase deste a Hugo que fai o segundo para o Santaballés. Os de Rafa Casanova metéronlle unha marcha máis ao encontro na procura do empate, pero os chairegos puideron sentenciar en varias contras claras. Non o fixeron e a falta de dez minutos para o final chegou a igualada por medio de Aitor Moreda

A fraqueza defensiva xógalle unha mala pasada ao Escairón no campo do Betanzos (4-2).

O encontro púxoselle moi costa arriba ao Escairón xa nos primeiros compases. O Betanzos aproveitou os continuos desaxustes defensivos dos de Julio Corral e no primeiro cuarto de hora xa foron quen de anotar dous tantos.

A nivel ofensivo, o Escairón xerou ocasións de gol, malia non ter acerto de cara a portería. O Betanzos sentenciou nada máis comezar a segunda metade, pero os do Saviñao non se rendiron e reduciron as diferencias no marcador por medio de Marzán, que volveu ás convocatorias logo de recuperarse da súa lesión. Xa nos últimos intres de encontros chegou un gol máis para cada equipo. O do Escairón obra de Moha Kebé.

.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 416

Deja un comentario