#Preferente Futgal #Terceira RFEF

Polvorín e Racing Vilalbés distáncianse do perigo nunha mala xornada na Preferente

O Trío de Ases desta xornada déixanos un pleno de triunfos na Terceira. O Polvorín tumbou ao Compostela no Anxo Carro e o Racing Vilalbés acadou unha vitoria importante na Madalena diante do Pontellas. Na Preferente tan só gañou o Viveiro no derbi provincial ante a Sarriana. O Ribadeo perdeu nas Valgas co Boiro e o Lemos no campo do Sigüeiro. A Residencia caeu no último suspiro en Carballo ante o Sofán e o Foz volveu caer, desta volta no campo do Dubra.

O Polvorín derrotou ao Compostela no Anxo Carro nun gran encontro (2-0). O filial do C.D. Lugo realizou un encontro moi completo, confirmou o seu gran estado de forma e dobregou a un Compostela que se mantiña invicto desde a oitava xornada ligueira. Comezaron os santiagueses tentando impoñer o seu ritmo e chegando con perigo á porta de Julen con boas acción combinativas. Pero o Polvorín deseguida se meteu no partido e Chiqui tivo a primeira ocasión de perigo logo dunha gran xogada individual. Coa liña defensiva moi activa, na que se incrustou tamén Juan Brunet, os de José Durán desactivaron a un Compos que caeu en continuas imprecisións. A falta de catro minutos para o descanso, Álex Rey inventou un preciso pase para Morais que non errou ante o Pato Guillén. Na segunda metade un roubo de balón de Álex Rey foi o xerme do segundo tanto. O pase do mediapunta a Morais foi definido polo atacante que puxo terra de por medio. Os de Yago Iglesias dominaron o balón, pero apenas crearon perigo de gol. A máis clara tívoa Hugo Sanmartín, pero o seu disparo saiu lixeiramente alto.  Nos últimos minutos, Rayco puido sentenciar pero disparou demasiado cruzado.

A canteira salvou ao Racing Vilalbés e sumou un importante triunfo ante o Pontellas (3-1). Non estivo cómodo no campo o conxunto chairego, aínda que se adiantou rápido no marcador. Aos once minutos, unha parede por banda esquerda entre Buyo e Sandá rematou co balón nas botas de Cuadrado e desde o pico da área, o dianteiro acomodou o disparo ao segundo pao lonxe do alcance do porteiro visitante. Un tanto que auguraba un camiño máis sinxelo para os de Simón Lamas, pero o Pontellas medrou co paso dos minutos e aínda que non xeraban moitas ocasións de gol, o cadro local non era quen de saír do seu campo. Antes do descanso, nunha xogada desafortunada, un rexeite fixo que Vérez marcase na súa propia portería. Logo do intermedio, a dinámica do partido non trocou. Ao Racing costáballe saír e xerar ocasións. Pero todo cambiou co segundo gol. Moreda recibiu o balón e disparou cruzado para poñer aos chairegos por diante. Terceiro tanto da temporada para o focense. O propio Moreda aínda tivo outra boa opción logo dunha boa xogada entre Cuadrado e Buyo. O Pontellas xa non inquietaba a portería de Javi Pita e houbo tempo para a estrea goleadora do xuvenil Rares, que fixo o terceiro para o seu equipo cun remate desde dentro da área. Triunfo necesario para o Racing logo de cinco xornadas sen gañar.



Volveu gañar o Viveiro e fíxoo en Cantarrana pola mínina ante a Sarriana (1-0). O derbi provincial quedou na casa. Un solitario tanto de Álex Meitín logo dunha boa xogada combinativa de tódolos xogadores de ataque viveirense deulle os tres puntos aos de Chusky. A Sarriana tivo opcións de gol por medio de Carnero e de Mauro, ante o que Manu Cedrón, que volveu á titularidade, tivo que intervir. Marino, cun lanzamento ao longueiro, gozou doutra clara ocasión de gol. Tamén Xaime, estrelou o balón no pao nun lanzamento de falta e Gerardo e Arturo obrigaron a Peti a facer paradas de autentico mérito. Preto do final, Omar puido acadalo empate, pero non estivo acertado no seu disparo.

Os erros defensivos costáronlle caro ao Ribadeo que caeu diante do Boiro (1-3). De novo o vento fixo acto de presencia nas Valgas, aínda que desta volta non foi decisivo como noutras ocasións. O Boiro adiantouse nos primeiros minutos logo dun mal despexe da zaga local que aproveitou Pablo Vidal, incorporado ao ataque, para batir a Hugo cun tiro cruzado. Os de Rafa Casanova metéronse deseguida no partido e contaron cunha boa ocasión de Diego Hermida que detivo moi acertado Alberto. Sobrepasada a media hora de partido, Santi viu adiantado ao gardameta visitante e disparou desde cincuenta metros. O balón colouse pola escadra no que foi un dos mellores goles da temporada. Na segunda parte, o Ribadeo amosouse moi impreciso e iso aproveitono o Boiro para crear perigo. Na primeira ocasión clara chegou o gol. Nunha pérdida de balón na zona esquerda da defensa, o esférico chega ao histórico Changui, que non perdoou ante a saída de Hugo. Noutro erro na saída de balón, Kuman conectou con Óscar Martínez que logo dun rexeite fixo o terceiro. Poratti volveu a disfrutar de minutos dous meses despois da súa lesión.

A Residencia perdeu da forma máis cruel no campo do Sofán (3-2). A primeira metade resultou insulsa e ámbolos conxuntos abusaron do fútbol directo. Apenas houbo ocasións de gol, salvo un tanto anulado ao Sofán por fóra de xogo. O cadro local adiantouse ao borde do descanso logo de que Fabián estivese máis listo que a zaga lucense e este conectou con Alexandre que batiu a Diego Bravos. Logo do paso por vestiarios, o partido animouse e foron os de Carballo os que puideron facer o segundo en sendas ocasións de Raúl e Alexandre. Pero en tres minutos máxicos a Residencia deulle a volta ao partido. Lucas, que entrou no campo no canto do lesionado Róber, fixo o empate, e Veloso nunha gran definición, superou de vaselina a Brais. Co marcador en contra, o Sofán dominou o partido e Raúl estableceu o empate logo dun bo pase de Luis. No tempo de desconto, e cando xa non quedaba tempo nin para sacar de centro, Paulo rematou no segundo pao un saque desde o curruncho.



O Lemos foi superior ao Sigüeiro pero saiu derrotado do Lino Balado (1-0). O cadro monfortino costoulle adaptarse ás reducidas dimiensións do campo do Sigüeiro e os locales comezaron mandando, pero sen a profundidade necesaria para xerar situacións de perigo. Os de Edu Rodríguez lograron facerse co balón, pero cando mellor estaban chegou o tanto dos de Tomás Mougán. Nun saque de esquina, Juan Caneda cun bo testarazo fixo o único tanto do encontro. O Lemos creou varias ocasións de perigo. Adrián Díaz e Castañer tiveron dúas prácticamente consecutivas e Ivo nun remate de cabeza tamén puido lograr a igualada. Na segunda metade, e logo duns minutos de igualdade, o Lemos voltou a dominar o encontro, aínda que sen chegar con tanto perigo como antes do intermedio. Adrián Díaz cun lanzamento de falta a piques estivo de empatar.

O Foz saiu goleado do campo do Dubra e segue afundido no último posto (4-1). Xa son dez as derrotas consecutivas e quince as xornadas sen gañar as que suma o Foz. Onte ademáis nun campo dun conxunto que pelexaba por saír da zona de perigo. Adiantouse rápido o cadro local cun tanto do ex xogador do Castro Adrián Iglesias. Nada máis comezala segunda metade, Bouso empatou ao cabecear unha falta sacada con precisión por Iban Gayol. Pouco lle durou a alegría aos mariñáns, xa que ao minuto seguinte o Dubra volveu poñerse por diante. A falta de vinte para o final, Bouso fixo penalti e viu o segundo cartón amarelo. Adrián Iglesias non errou e con dez fíxoselle costa arriba aos de Javi Chinchón.

Polvorín e Racing Vilalbés distáncianse do perigo nunha mala xornada na Preferente

Palabra de… Ruchi: «O respecto e a

Polvorín e Racing Vilalbés distáncianse do perigo nunha mala xornada na Preferente

O partido en imaxes: Brollón-Páramo (2-1)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *