#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Pol e Escairón fuxen do perigo

O Trío de Ases O Cantón déixanos dúas vitorias para os conxuntos lucenses de Terceira RFEF. Foron as do Polvorín na Cheda diante do Boiro. e a da Sarriana na Ribela fronte ao Silva. Racing Vilalbés e Viveiro caeron como locais fronte a Somozas e Estradense respectivamente.

Na Preferente, o Escairón venceu ao Mugardos e o Pol fixo o propio diante do Sofán. O Lemos perdeu pola mínima no feudo do Cidade de Ribeira, mentres que o Ribadeo alonga a súa mala xeira na súa visita ao Sigüeiro.

A Sarriana mantén a segunda praza tras derrotar ao Silva na Ribela (4-2)

Encontro complexo na Ribela ante un rival que dificultou moito o xogo dos locais. A Sarriana adiantouse aos cinco minutos no marcador cun gol de Brais ao rematar un saque de esquina. O empate do Silva chegou tras un penalti que transformou Parafita. O cadro coruñés xogou moi directo sobre a área local e a Sarriana logrou dous tantos en poucos minutos. Santi Gegunde fixo o segundo e Brais Lema anotou en propia porta o terceiro para os sarriaos. Xusto antes do intermedio, Parafita recurtou distancias no marcador.



A segunda parte resultou moi bronca e con moitas imprecisións e interrupcións no xogo. O colexiado amosou un bo número de cartóns e o fútbol escaseou na Ribela neste periodo final. A falta de dez minutos para o final Diego Rey dictou sentencia co cuarto gol.

Un mal primeiro tempo condea ao Racing Vilalbés fronte ao Somozas (0-1)

Non saiu ben ao campo o Racing, que se viu superado por un Somozas que realizou unha presión alta. A primeira ocasión visitante non tardou en chegar. Bruno Bellas quedou só diante de Álex Santomé e enviou o balón fóra. O dominio visitante tivo premio. Iñaki aproveitou un erro do mediocampo chairego para facer o gol da vitoria. Nos últimos intres da primeira parte mellorou o cadro local e Asier, Fito e Cañi tiveron ocasións para acadar o empate.



Os de Alberto López melloraron nun segundo tempo que dominaron desde o comezo. Cadra, cun testarazo, e Anthony contaron con boas coasións ao igual que Cañi, que atopou a boa resposta de Paco ao lanzamento desde o perfil esquerdo do ataque.

O Polvorín vence ao Boiro e suma a terceira xornada sen perder (2-0)

O filial albivermello achégase á zona de privilexio tras vencer ao Boiro na Cheda nun encontro con moitas alternativas no xogo. O Polvorín, a través do balón, tivo o control no primeiro tramo e púxose moi rápido por diante cun tanto de Padín, tras unha boa xogada combinativa tras asistencia de Antón. Pouco máis tarde Victor Casais tivo outra gran ocasión para facer o segundo. O Boiro, co paso dos minutos, igualou a contenda e obrigou ao Polvorín a xogar en longo co que dificultou o habitual xogo albivermello. Malia todo, os do Barbanza non xeraron perigo sobre a portería de Candal.

No segundo tempo, o Boiro tivo a ocasión máis clara do encontro tras unha boa xogada colectiva que rematou Dani Pedrosa e obrigou a intervir a Candal con gran acerto. A partir do minuto dez, os de Dani Galán voltaron a controlar o balón e chegaron con perigo á porta contraria. Víctor Casais, en dúas ocasións, e Padín contaron coas máis claras. Xa no desconto, nunha boa contra, chegou a sentencia cun gol de Mateo.

Outro encontro cheo de goles remata coa cuarta derrota consecutiva do Viveiro (3-4)



Sete goles a favor e nove encontro para un total de cero puntos a favor. É o resumo das dúas últimas xornadas do Viveiro, que dilapida con catro derrotas consecutivas o seu gran inicio de campaña. Visitaba Cantarrana o Estradense, líder da categoría e de contado deu mostras do seu potencial cun gol de Jaichenko. Reaccionou ben o Viveiro e empatou por medio de German, que rematou de cabeza un medido centro de Adri Lombao. O encontro púxose de cara para os celestes coa expulsión do gardameta visitante Coke. O Viveiro colleu o temón e contou con ocasións de Santín e German para poñerse por diante. O gol chegou nunha gran xogada de Adri Lombao, que definiu á perfección xusto antes do intermedio.

O descanso espoleou ao Estradense que saiu ao campo disposto a darlle a volta ao marcador. Non se notou a inferioridade numérica en pouco máis de quince minutos chegaron tres goles dos visitantes. Mella, Miguel e Gamarra puxeron en clara vantaxe aos de Manuti. Diego Santín recurtou diferencias con dez minutos para o final, pero o Estradense defendeu sen apuros o marcador.

O Lemos cae nun encontro parello fronte ao Cidade de Ribeira (1-0)

O primeiro tempo resultou igualado. O Lemos comezou mellor e contou con dúas boas ocasións para adiantarse no marcador, a máis clara obra de César. O dianteiro de Carballedo superou no un contra un a Flori, pero un zagueiro despexou preto da liña. Adri Salgado tamén estivo a piques de marcar. No ecuador do primeiro tempo, o cadro local deu un paso adiante e logrou poñerse por diante tras un penalti cometido por Arca. Aguado disparou e Losada detivo de xeito providencial, pero no rexeite non foi quen de deter o segundo lanzamento de Aguado.

No segundo tempo Juanlu Bernal modificou posicións e o Lemos estivo mellor sobre o céspede da Fieiteira. Diego Torres e Adri Salgado tiveron ocasións para igualar, pero a sorte non estaba de cara para os monfortinos. O Cidade de Ribeira só chegou á portería rival cun lanzamento de falta de Anxo que se estrelou no pao.

O Escairón domina e vence ao Mugardos (3-1)

Bo encontro dos do Saviñao no Municipal. Os de Óscar Moure foron superiores na maior parte do encontro. O primeiro gol chegou nunha contra que Sanginés conectou un centro chut que se colou na portería visitante. Os locais contaron con varias ocasións para marchar cun marcador máis abultado ao descanso.

Tras o paso por vestiarios o encontro seguiu o mesmo guión. Vilachá aproveitou un rexeite na área para facer o segundo. A partir de ahí o Mugardos comezou a ter máis balón en campo contrario e logrou recurtar nunha boa xogada que culminou Do Carmo. O Escairón reaccionou ben e non tardou en facer o terceiro. Unha contra ben levada centrou Vilachá e rematou ao fondo da portería Sanginés.

Un gol de Iago Buján dalle ao Pol unha importante vitoria diante do Sofán (1-0)

Segunda vitoria da campaña para os chairegos diante dun Sofán que realizou un bo xogo combinativo. O Pol contou cunha gran ocasión de Omar, que errou no remate na área pequena. Os visitantes buscaron xerar perigo a través de centros laterais, sin que chegaran a inquedar a Manu Cedrón. Preto do intermedio chegou o único gol do partido. Iago Buján de tiro cruzado superou a estirada de Pablo.

Tras o paso por vestiarios, o Sofán tivo máis balón e o Pol xogou máis repregado. Á contra, os de Roberto Fernández tiveron varias chegadas perigosas, sen que fora posible sentenciar. A falta de dez minutos para o final, os visitantes desperdiciaron unha pena máxima para lograr o empate. O lanzamento de Eloy marchou fóra. O Pol defendeu o resultado nos últimos intres de encontro.

A boa imaxe do Ribadeo no debut de Luchi non foi suficiente fronte ao Sigüeiro (2-0)

Mereceu un mellor resultado o Ribadeo na súa visita ao Lino Balado. O conxunto mariñán, no que debutaba Luchi no banquiño axudado por Criss, lenda do club, contou con boas ocasións para adiantarse no marcador. Pero foi o filial compostelanista quen logrou o gol nunha xogada desafortunada que rematou Martín Traba cara a súa propia portería.

No segundo tempo, o Ribadeo embotellou na súa área ao Sigüeiro e contou con boas ocasións de gol, que non chegaron a fructificar. Nunha contra, un mal despexe aproveitouno Pereira para facer o segundo.

Pol e Escairón fuxen do perigo

Moita emoción nos Máxicos da 1ª

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *