O San Roque está a revivir no barrio de Montirón. Logo de quedar conveniado coas EF Polvorín, o club verdibranco loita por voltar á Primeira Futgal, categoría onde agarda consolidarse nos vindeiros anos. O proxecto comezado uns anos atrás deu un salto este curso da man de Rubén Sanjurjo ‘Piru’, que asumiu o mando pleno do primeiro equipo lucense no verán de 2024.
O experimentado técnico compaxina a súa labor á fronte do San Roque coa dirección do infantil e do xuvenil das EF Polvorín, polo que xa é un dos técnicos de referencia en ambas entidades, que están a medrar da man.
Futbolinlugo: Como estás vivindo esta temporada?
Rubén Sanjurjo: É a temporada da estabilización. Este ano era para estabilizar o club, e agora a ver se logramos acadar os mesmos resultados que na miña primeira etapa (ascenso).


Fil: Cal é o obxectivo real do San Roque?
RS: A idea orixinal era estabilizar todo. O club levaba unhas temporadas inestable, e eu collín o equipo coa condición de estabilizalo. Desde as últimas dez xornadas do ano pasado, esa é a intención. Pero a día de hoxe, aínda co cambio do sistema de competición na categoría, temos que ser realistas e tratar de loitar por esas dúas prazas ata o último intre. Non te podes poñer límites, máis tendo en conta as xeracións que chegan por detrás.
Fil: Está claro que a Segunda Futgal é unha categoría durísima.

RS: Si, entre 34 puntos e 30 hai 5 equipos, pero considero que tanto Friol como Portomarín poden engancharse tamén. O Friol vén nunha dinámica boísima, ten a un dos mellores xogadores da categoría nun estado de forma espectacular… Agora mesmo temos que ter en conta a moitos rivais. Nós eramos líderes a semana pasada, hoxe somos terceiros… Aínda acaba de comezar a segunda volta e todo é cuestión de dinámicas, pero todo está moi interesante e as vindeiras 3-4 xornadas van ser chaves.
Fil: Esta semana tedes un duelo esixente fronte ao Portomarín.
RS: Si, e se conseguisen a victoria van gañar no aspecto moral e igual son quen de engancharse. É un partido trampa para nós. Cando ascendín na miña primeira etapa no San Roque estabamos en terra de ninguén, collimos unha boa xeira e logramos ascender. Para eles é a última oportunidade, se nos gañan poden engancharse, e se non…
O San Roque é filial das EF Polvorín tamén no fútbol base
Fil: É certo que tamén hai bastantes equipos en terra de ninguén.
RS: Si, e ademais hai que ter en conta que se un equipo dos de arriba encadena 2-3 xornadas sen un resultado positivo, pode desengancharse da loita. Agora mesmo está todo masificado, pero se se dan varios resultados negativos de forma consecutiva pode haber máis equipos que deixen de «competir».

Fil: No voso caso, esta temporada tardastes en ter un «fogar» fixo para adestramentos e partidos.
RS: Si. Nese sentido dimos un paso cara atrás. Nós tivemos a sorte de que a Residencia nos cedeu as instalacións e puidemos adestrar, pero o caso dos xuvenís, adestrando nos campos de San Fiz, foi unha mágoa. Adestramentos sen luz, a loxística moi complicada… pero non nos podemos queixar porque seguro que hai equipos en condicións peores. Agora o San Roque e o Polvorín teñen unhas instalacións boas, que facían falta para este club de barrio, e agora o noso labor é contaxiar a competitividade en todas as categorías, especialmente xa en Fútbol 11. Estamos a conseguilo e a ver se logramos estabilizalo.

Fil: Chegaron reforzos de nome á Polvoreira.
RS: Si. Jul, Yelko e Chipi son boas fichaxes coas que contabamos. O San Roque levaba sen perder 11 xornadas antes da súa incorporación e xusto chegaron e perdemos en Rubián. Tiñamos un bo grupo xa, pero xurdiu a posibilidade de Jul e Yelko e pechamos a incorporación en dous días. Aportan moitísimo calquera dos dous, pero o cadro de xogadores xa estaba moi enchufado. A chegada de Chipi pecha o grupo, pero nun principio non tiñamos en mente reforzar a un grupo que estaba traballando moi ben, e segue traballando igual.
Fil: Está saíndo un bo número de xogadores da casa.
RS: Si, traballamos nesa liña, é o proxecto. En Brollón xogaron tres xuvenís titulares: Luca, Vidal e Bruno. Unha das condicións era esa. Temos unha xeración moi boa de xuvenís, tanto a nivel de mellora como de traballo. Luca e Vidal están consolidándose no primeiro equipo, hai 4-5 máis entrando en dinámica de adestramentos… e son os seus propios méritos os que os fan incorporarse, non porque teñamos baixas ou porque o cadro de xogadores sexa curto. Vidal ten 16 anos e está a merecer el só, con traballo, xogar con nós. Tamén temos unha gran xeración de cadetes e o San Roque ten que pensar en tirar pouco a pouco dos xogadores de abaixo cara arriba.
Fil: É difícil compaxinar sénior, xuvenís e infantís?
RS: Si. Pero a gran diferenza é nos infantís. Nos xuvenís e sénior vai todo unido, en adestramentos, idea de xogo… e os xogadores teñen moita fame de competir e saben ben o que lles pido. Ninguén alza a voz e todos os esforzos son máis doados con eles.
Fil: A nivel persoal estás facendo un sacrificio enorme, con viaxes cotiás.
RS: Si, pero fago o que me gusta. Viaxo 4 días a adestrar e os días de partido, desde Viveiro a Lugo. Pero cando un fai o que lle gusta, todo doe menos. É certo que os domingos á noite xa ansías ese momento de relax, pero o club sempre se portou de 10 comigo. Tamén hai que recoñecer que cando os resultados acompañan, todo vai de cara! Eu estou encantado e eu fago o esforzo porque quero, ninguén me obliga, e creo que é recíproco entre as dúas partes.