#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O play off comeza sen triunfos locais

Chega o primeiro Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia da fase final da Terceira Futgal. Deu comezo o play off de ascenso e fíxoo con máxima igualdade. No grupo norte, Abadín e Muimenta impuxéronse pola mínima nos campos de Cazás e Rioaveso, respectivamente. No sur ninguén foi quen de gañar. Incio e Quiroga por un lado, e Piringalla e Taboada B por outro, firmaron táboas.

Analizamos tamén os encontros da primeira xornada do Torneo Delegación.

PLAY OFF ASCENSO – GRUPO NORTE

A Abadín remonta na segunda metade e colle vantaxe fronte ao Cazás (2-3). O Catro Ventos luciu as súas mellores galas para ver aos seus por segundo ano consecutivo pelexar polo ascenso. O campo encheuse de afeccionados dos dous equipos e viviuse unha gran terde de fútbol. O partido foi de moita disputa, cun Cazás máis enchufado de saída, pero foi o Abadín o que golpeou primeiro cun tanto de Ferre a tiro cruzado. Non tardaron en reaccionar os locais e Bruno remachou na liña un centro de Vizo. O Cazás creou boas ocasións de gol e o gardameta Iker salvou ao Abadín en varias delas. Nada puido facer nun remate de Juan que fixo o segundo para os xermadinos.

No segundo tempo o encontro equilibrouse e ámbolos conxuntos gozaron de ocasións de gol. Tamén houbo polémica. Os locais reclamaron un penalti a Vizo que o colexiado non sinalou, e pouco despois si o fixo na área contraria, servindo para que Ferre fixera o segundo. Non lle sentou ben ao Cazás o empate e o Abadín sentiuse máis cómodo no campo. Logo dunha xogada desafortunda dos xermadinos, Álex culminou a remontada.

Seijas decide un choque igualado entre Rioaveso e Muimenta en Paraños (0-1). Encontro igualado e sen excesivo ritmo no que o Muimenta saiu mellor e buscou xerar perigo por banda dereita. A boa presión dos de Fran Veiga impediu que os locais estiveran cómodos. As ocasións foron moi escasas no primeiro tempo e só os visitantes foron quen de estrelar un balón no longueiro.

No segundo tempo, o Muimenta novamente saiu mellor e logrou o único tanto do partido logo dunha boa combinación entre Jairo e Seijas que resolveu este último. O conxunto local protestou a acción ao considerar que existía fóra de xogo. O encontro abriuse e o Rioaveso buscou o empate cun bo xogo, pero os de Asier Lozano non estiveron atinados na definición. Noé non atinou nun man a man e Gabeiras rematou fóra no segundo pao logo dun saque desde o curruncho.. Seijas e Jesús tamén tiveron a oportunidade de facer o segundo para os de Fran Veiga.

PLAY OFF ASCENSO – GRUPO SUR

Un final trepidante pero todo por decidir entre Incio e Quiroga (1-1). Partido moi intenso o disputado no Carboeiro con dúas metades ben diferenciadas. Na primeira saiu mellor o Quiroga e foi quen de levar perigo á área contraria, sobre todo gracias ás internadas de Cebolas por banda dereita.

Tras o paso por vestiarios foi o Incio o que levou a iniciativa do xogo e contou con dúas boas ocasións para facer gol. O final do encontro foi unha tolemia. A piques de cumprirse o tempo regulamentario, Valenzuela aproveitou unha boa contra para adiantar aos locais. E cando o encontro xa esmorecía, Manúas disparou desde tres cuartos de campo e o balón rematou dentro da portería, o que deixa todo por decidir para o encontro de volta.

Piringalla e Taboada B tamén deixan os deberes para a volta (2-2). Encontro trepidante e cun ritmo moi alto que tivo fases moi diferencias e con dominio para os dous conxuntos. A primeira media hora de xogo tivo clara cor visitante. Os de Jacobo Vázquez dominaron o xogo e contaron con varias ocasións de gol. Lograron adiantarse cun tanto de Pita. O último cuarto de hora foi de dominio local e a Piringalla empatou cun gol de Cristóbal. Os de Jony Lombardía tamén tiveron varias ocasións para darlle a volta ao marcador.

A segunda metada tivo un guión semellante. O Taboada B comezou mellor e volveu a poñerse por diante grazas a un gol de Santi, pero non foi quen de manter a vantaxe no marcador. A Piringalla reaccionou e preto do final, Hugo estableceu o definitivo empate.

TORNEO DELEGACIÓN

Grupo 1.

Pol B 3 – Comercial 1. Encontro sen moita continuidade no xogo no que o Pol B atopou en Balado a súa gran baza ofensiva acadando un hat-trick. A Comercial contou cun bo número de ocasións que non foron quen de aproveitar, en boa parte grazas á actuación do gardameta Salah. A velocidade de Balado foi clave para aproveitar os balóns á espalda dunha defensa moi adiantada da Comercial e el só foi suficiente para dobregar aos visitantes.

Catro Roldas 0 – Mondoñedo 1. Os dous ascendidos de xeito directo fronte a fronte, e o partido resultou semellante aos disputados na fase regular de liga. O choque decidiuse nunha acción na que Vázquez estivo listo e sacou de falta co Catro Roldas desprevido. No último minuto, o gardameta Alberto resultou decisivo ao deter un lanzamento de penalti. O Mondoñedo contou con ocasións na primeira metade e o Catro Roldas tivo nas botas de Yáñez a máis clara nun man a man.

Grupo 2.

Corgo 8 – Relámpago Taboada 1. Os visitantes adiantáronse no primeiro minuto por medio de Fran, pero na seguinte xogada o Corgo estableceu o empate. A partir de aí, os de Abel Rochela convertíronse en completos dominadores do choque e o encontro non tivo historia. Co paso dos minutos foron caendo os goles, dous deles do defensor Stalin.

Carballedo 5 – Rubián 1. O encontro máis completo da temporada do Carballedo diante dun Rubián que saiu cunha marcha menos. Os locais marcharon con dous goles ao descanso e a reacción dos visitantes na segunda parte viuse freada co terceiro tanto, obra de Roberto Carlos. Marcos, con tres tantos, foi o xogador máis destacado dos de David Guerra.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

O play off comeza sen triunfos locais

Dobrete de Pablo Porto e o Matela

O play off comeza sen triunfos locais

O Sangoñedo pode volver ver á SD