O Castroverde suma a décima vitoria consecutiva
-
- 0
- 8min de lectura
Este Tres en Raia En Boas Mans déixanos, no grupo norte, a racha intratable do Castroverde. O triunfo diante do Rioaveso supuxo o décimo consecutivo. Os de Iago Núñez contan con sete puntos de vantaxe sobre o terceiro clasificado. O Goiriz segue no liderado tras gañar con solvencia ao Celeiro. Matela e Cazás igualaron nun encontro con moitos goles.
No grupo sur, o Sporting Lucense segue no liderado tras vencer, con máis dificultades das previsibles, ao Relámpago Taboada. O Sober gañou nun choque moi parello, ao Carballedo e é segundo por diante dun Monterroso B que foi quen de derrotar a domicilio á Sarriana B.
O Goiriz decide o encontro no primeiro cuarto de hora diante dun Celeiro lastrado polas baixas (6-0). O lider finiquitou o encontro no primeiro tramo. Xoel, Fidel e Nico marcaron antes de que se cumprira o cuarto de hora de xogo e Muñiz fixo o cuarto antes do intermedio. Os de Manu Veiga xogaron a placer nun primeiro tempo no que o marcador puido ser aínda máis amplo. O Celeiro, plagado de baixas, mellorou o seu nivel competitivo no segundo tempo, pero non foi dabondo para meter o medo no corpo a un Goiriz que completou o set en blanco.
O Castroverde vence ao Rioaveso e suma a décima consecutiva (0-2). Nen a lama de Paraños frena ao Castroverde. Os de Iago Núñez sumaron a décima vitoria consecutiva e xa aventaxan en sete puntos ao terceiro clasificado. A primeira media hora do cadro verde foi a mellor da temporada. Cun improvisado Borja na portería, os visitantes apenas concederon ocasións e dominaron o balón. David e Gelo gozaron de ocasións antes de que Cancela abrira a lata cun zurdazo axustado ao pao. Antes do intermedio, de novo Cancela tras varios rexeites, ampliou a diferencia no marcador. No segundo tempo o Rioaveso fíxose co mando do encontro. Paraños enlamouse e o fútbol directo predominou en ámbolos conxuntos. Os de Asier Lozano contaron con ocasións para reducir diferencias. A falta de acerto e un Borja inspirado na portería impediron que os locais se achegaran.
Matela e Cazás empatan nun choque vibrante entre asipirantes (3-3). Encontro disputado no campo da Fonte en Cospeito. O Cazás foi mellor no primeiro tempo e non tardou en adiantarse cun golazo de Vizo desde o vértice da área. Maikel igualou para o Matela tras convertir un claro penalti, pero os visitantes volveron darlle a volta ao marcador por medio de Diego á saída dun córner. Nun ida e volta continuo foi o Cazás o que estivo mellor e puido ampliar diferencias antes do intermedio. No segundo tempo o Matela deu un paso adiante e acumulou moitos xogadores en campo contrario fronte a un Cazás que especulou co resultado. O marcador non se moveu ata o minuto 87. Álex Muñiz, ao rematar unha falta, facía o terceiro para os visitantes que parecían sentenciar. Pero o desconto faríase longo para os chairegos. Bruno convertiuse en heroe ao anotar dous goles e darlle un punto ao Matela.
O Abadín vence á Comercial e abre fenda nos postos de play off (4-1). Saíron moi ben ao campo os pupilos de David Lorenzo. Ferreiro e Alberto gozaron de boas ocasións antes de que este último abrira o marcador ao aproveitar un rexeite tras un lanzamento de falta ao pao de Tontxu. Ao minuto seguinte Grilo puxo as tablas cun lanzamento desde fóra da área. O encontro igualouse e ámbolos equipos tiveron ocasións para facer o segundo antes do descanso. Logrouno o Abadín tras unha boa xogada persoal de Ferre. No segundo tempo a Comercial deu un baixón por mor das baixas e lesións e o Abadín aproveitouno. Os locais xogaron en campo contrario. Izan fixo o terceiro tras un rexeite e Noé, cunha boa vaselina, certificou a vitoria do Abadín.
O Catro Roldas confirma a súa melloría cun triunfo claro fronte ao Friol B (1-4). Segunda vitoria nos tres últimos partidos do cadro chairego. Na Reigosa foi o Catro Roldas o que abriu o marcador por medio de Óscar á saída dun córner. O encontro igualouse no primeiro tempo e o Friol B achegouse con certo perigo por banda dereita. De aí surxiu o tanto do empate, obra de Samuel tras aproveitar un rexeite. Os de Bruno Castro tiveron dúas boas ocasións antes do descanso que non foron quen de aproveitar. O parón veulle ben aos de Coto que foron quen de correxir as eivas. Dopico non tardou en poñer por diante ao Catro Roldas. Foron os mellores minutos dos visitantes que marcaron dous novos goles en poucos minutos, ambos de Santi. O colexiado expulsou por doble cartón amarela ao visitante Samu e o Friol tentou recurtar diferencias sen éxito.
O Sporting Lucense segue líder tras vencer con certa dificultade a un mellorado Relámpago Taboada (2-4). Encontro máis parello que o que indicaba a clasificación. Os visitantes adiantáronse con goles de Aarón e Cristian, pero o Relámpago non se veu abaixo e foi quen de recurtar diferencias no primeiro tempo cun tanto de Fran tras unha boa xogada de Moure. Nada máis comezar o segundo tempo Ezzahir empatou o choque tras un lanzamento de falta. O Sporting Lucense tiña o balón e buscou poñerse de novo por diante. Logrouno por medio de Santi nunha xogada protestada polo cadro local. O Relámpago buscou empatar de novo o choque, pero preto do final Santi nunha contra sentenciou para o líder.
O Sober acada os tres puntos nun choque igualado fronte ao Carballedo (1-2). Triunfo importante do Sober no sempre difícil campo do Catro Ventos. Adiantáronse os de Adrián Pateiro nun saque de esquina ben rematado por Chej. Os visitantes, malia contar con ocasións, non eran quen de empatar, ata que xusto antes do descanso Martín transformou un penalti cometido sobre David Piñeiro. No segundo tempo o encontro estivo moi disputado. O Carballedo tivo ocasións que non aproveitou e David Piñeiro, tras unha xogada embarullada, deulle os tres puntos aos de Ibán Lagoa.
O Monterroso B volve á senda da vitoria tras derrotar a domicilio á Sarriana B (2-4). Primeira metade de dominio visitante, malia que aos de Pampín costoulles atopar espazos ante un rival ben situado. Isma, de vaselina, fixo o primeiro para o filial monterrosino, e Yoni transformou un penalti tras un derribo na área de Manu. Javi recurtou diferencias para os sarriaos cun bo disparo tras un saque de córner. Os locais tentaron darlle outro aire ao encontro no segundo tempo, pero as imprecisións e os erros defensivos impediron que os de Raúl puideran igualar. Carlos e Yoni tiveron ocasións para os visitantes ata que Isma fixo o terceiro. A Sarriana B quedou con dez por expulsión de Michi, pero foi quen de reaccionar e apretar o marcador co segundo tampo. Pero Yoni fixo o cuarto na seguinte xogada e certificou o triunfo para o Monterroso B.
O Taboada B suma a sétima xornada sen perder no campo do Chantada Atlético B (2-2). Primeiro tempo parello no que o filial do Taboada comezou tendo máis o balón e xogando en campo contrario. Ao cuarto de hora o encontro parou durante máis de media hora pola lesión do xogador visitante Nico que mancou un xeonllo e tivo que ser evacuado en ambulancia. O Chantada Atlético B foi mellor tras o parón e logrou adiantarse por medio de Miguel. Adán puido empatar antes do descanso pero non estivo atinado. Nun encontro emocionalmente complexo para os xogadores visitantes pola lesión dun compañeiro, os de Jacobo Vázquez lograron empatar cun gol de Pita. Pero un inspirado Miguel volveu poñer por diante aos de Ivi Gayoso que contaron con boas ocasións para ampliar as diferencias no último tramo de encontro. O Taboada B logrou empatar no minuto 97 por medio de Andrés antes as protestas locais ao considerar excesivo o tempo de desconto.
O Río Sil vence con claridade ao Bóveda na Carqueixa (5-0). Encontro sen moitas historia no que o conxunto local foi quen de adiantarse no primeiro minuto de xogo cun gol de Jorge. César ampliou diferencias antes do descanso e no segundo tempo, malia que os visitantes tentaron meterse no encontro foi o Rio Sil o que sentenciou cun gol de Manu. Co paso dos minutos o Bóveda baixou o ton físico e os locais marcaron dous goles para completar a manciña.