A visita do Polvorín ao campo de Barraña non resultou satisfactoria. Ademáis da mala posta en escea dos de Álex Ortiz fronte a un Boiro á alza, o ribadense Pedrosa esnaquizou a zaga dos lucenses con tres tantos en apenas media hora de xogo.
Pedrosa, tras un exitoso paso pola canteira do CD Lugo, un periplo en Segunda B na filas de Somozas, Cerceda, Valladolid B ou Bergantiños, e na Terceira RFEF defendendo as cores da UD Ourense ou Racing Vilalbés, chegou este ano a un recén ascendido, o Boiro, que apostou forte polo dianteiro para tentar cando menos manter a categoría.
O dianteiro ribadense pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo e respostou ás preguntas de Álex Gato, presentador do espazo radiofónico, e de Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo.
Podes escoitar aquí a conversa completa: Cadena SER: Escucha SER Deportivos Lugo. A partir do min. 24:50


Tres goles en media hora. «En partido oficial en categoría sénior creo que nunca marcara tantos goles en tan pouco tempo. A verdade é que se nos deu moi ben o partido. Soubemos aproveitar os erros que tivo o Polvorín e puidemos encarrilar o partido«.
Un extra de motivación. «Non é unha motivación adicional, si un aliciente por volver a ver a xente coa que coincidín na miña etapa no CD Lugo«.
A temporada no Boiro. «Está a custarnos, tamén é lóxico ao ser un club recén ascendido á categoría. É certo que o club fichou ben e mantivo un bo bloque do ano pasado en Preferente, pero a Terceira é unha categoría complexa na que moitos xogadores debutan este ano. Ás veces pecamos un pouco desa xuventude ou inexperiencia. A ver se logramos unha boa xeira de puntos para acadara permanencia, que debe ser o gran obxectivo agora mesmo«.

O pichichi. «Intentarémolo. Estou a catro goles de Rodri Parafita e quedan dez xornadas. Sempre fixen bos números nos últimos tramos de liga, polo que a ver se é posible meterlle presión a Rodri ou a quen esté por aí arriba«.
O retorno a Ribadeo. «Sempre dixen que me gustaría volver a xogar en Ribadeo. Agora mesmo por motivos laborais é complexo. É un dos motivos polo que estou en Boiro ao quedarme cerca de Santiago, que é onde vivo. Gustaríame voltar ao fútbol lucense e en especial ao Ribadeo, pero agora mesmo non é doado«.
A labor dun nutricionista no Ramadán (Pedrosa desenrola a labor de nutricionista no RC Deportivo): «É fundamental manter unha boa comunicación co futbolista. O propio xogador me indica que eu mesmo teño máis medo ca él. Intentas darlle moitas recomendacións, xa que, o futbolista durme e descansa peor, ten unha hidratación máis mala . . . , pero con boas recomedacións non debe ter ningún problema«.
