Pedro Posada (Ribadeo F.C.): “Debemos recuperar a filosofía dun clube que conta con 107 anos de historia”

Non foi un verán doado para o Ribadeo F.C. A directiva presidida por Ana Vázquez cumpriu o ciclo de catro anos e deixou paso a un vello coñecido da afección ribadense: Pedro Posada Navia, que se fai cargo do equipo nun momento delicado. Destacado futbolista no C.D. Lugo, Astorga ou Real Avilés, este en Segunda B, comezou e rematou a súa traxectoria no equipo do seu pobo, ao que retorna para coller o timón dun Ribadeo ao que pretende renovar en tódolos ámbitos axudado por unha longa xunta directiva formada maioritariamente por ex xogadores da entidade.

FUTBOLINLUGO: Ola Pedro. Como decides dar o paso e presentarte a presidente do Ribadeo?

PEDRO: Retornei vivir a Ribadeo unha vez xubilado e xurdiu a oportunidade de facerme cargo do clube xunto con moitos ex compañeiros da miña época como xogador, como César, Dito, Lolo Rivas, etc, e con eles comezo este novo e ilusionante proxecto.

Non serei nada presidencialista e delegarei moitos aspectos noutros membros da xunta

FIL: Cómo atopache o clube á tua chegada?

P: Moi mal, non se podía atopar peor. Cun déficit elevadísimo, de 90.000 euros, pero ademáis é un clube desorganizado en tódolos ámbitos, cun cadro de xogadores a piques de saír… De non collelo nós estaría abocado á desaparición.

Pedro Posada, novo presidente do Ribadeo FC. Foto: Xaime Ramallal en LVG

FIL: Cómo se afronta o futuro nesta situación?

P: Con moita ilusión. O máis importante é recuperar a filosofía dun clube que  conta con 107 anos de historia. Debemos ser moi organizados nos aspectos económico, de xestión e deportivo. Non serei nada presidencialista e delegarei en moitos aspectos noutros membros da xunta directiva. Cándido Iravedra “Dito”, encargarase da tesourería e unha vez comece setembro faremos unha asemblea de socios, cos que queremos ser completamente transparentes, para dar conta do novo presuposto.  José Manuel Castro Piñeiro, que conta cunha ampla experiencia na base será o encargado da parcela técnica. Debemos tender pontes coa S.D. Ribadeo, que conta con 250 rapaces nas distintas categorías. Non pode ser que un número tan elevado de nenos non teñan un futuro deportivo no seu pobo. Non estamos en condicións de pelexar polo ascenso de ningunha forma, pero loitaremos por acadar un posto digno na Preferente.

Se a competición comeza en xaneiro tentaremos organizar o Enma Cuervo ou a inauguración do Pepe Barrera

FIL: Contémplades unha fusión coa S.D.?

P: Non, non se contempla. Sería ideal que o Ribadeo F.C. tivera as súas propias categorías inferiores, pero agora mesmo a S.D. está a facer un gran traballo e ámbolos dous clubes temos a nosa identidade propia. Non sería aconsellable unha fusión.

FIL: A pandemia do Covid-19 vai dificultar o comezo e o desenrolo da competición, o cal tamén afectará aos ingresos que poda ter o clube. Como contemplas esta posibilidade?

P: O  novo orzamento vai ser moi básico e imos ceñirnos a él. Na situación na que estamos non podería ser doutro xeito. Somos conscientes de que non teremos os mesmos ingresos, e aos xogadores xa se lles ofreceu unha renovación a dúas temporadas para ir salvando a débeda deste xeito. A competición comezará en outubro, e se non pode ser, farao en xaneiro tal e como nos indicou a Federación. Neste último caso tentaremos organizar algún amigable para a disputa do Enma Cuervo, ou ben un encontro que sirva para inaugurar o Pepe Barrera, no que as institucións realizaron un forte desembolso económico.

“Coñezo poucos adestradores co ribandesismo de Rafa Casanova”

FIL: Un dos temas máis importates dos que había sobre a mesa era a continuidade ou non de Rafa Casanova como adestrador. Como foi o acordo?

P: Teño que decir que descoñecía a maior parte dos xogadores e adestrador. Era obrigado comezar os contactos coa plantilla e tamén con Rafa Casanova. Comezamos por él e teño que decir que non haberá moitos adestradores co ribadensismo que ten Rafa, e tamén co gran coñecemento de todo o fútbol lucense. Foi moi doado o acordo e amosouse moi comprensivo con nós. Podo decir que será o noso adestrador non só esta temporada, senón que bastantes máis.

FIL: Os xogadores amosaron unha predisposición total a seguir. Contabas con tal unanimidade?

P: Creo que influiu moito a forma de expoñer o noso proxecto. Viñan de realizar unha gran temporada a nivel deportivo, pero nunhas condicións moi malas. Sen cobrar, sen medios, sen transporte moitas das veces. . .  Antepuxeron o grupo aos cartos, todos e cada un dos que renovaron. Son unha piña.

FIL: Quedan pendente de renovación Roi e Mario. Como están as negociacións?

P: Estamos en conversas con eles, e en ámbolos casos será complexo que continúen no equipo. Pero esta directiva é comprensiva con cada un dos xogadores, e as portas do Ribadeo quedarán abertas para eles, ao igual que para outros xogadores que marcharon antes xa da nosa chegada por diversas circunstancias.

FIL: Para completar o cadro de xogadores, apostaredes pola canteira ou tentaredes algún fichaxe?

P: Seguimos en conversacións con varios xogadores, pero a estas alturas xa está case todo o peixe vendido. De tódolos xeitos o secretario técnico traballa arreo e nos vindeiros días poderíamos concretar algunha incorporación.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario