Pedro López, Unionistas de Salamanca CF: “Hai que desfrutar cada ano, non estar amargado”

É o líder da zaga desde os seus comezos no fútbol base e unha das grandes esperanzas futbolísticas da nosa provincia. Tras varios anos no filial do CD Lugo, este ano marchouse fóra dos nosos lindes por primeira vez. Aínda que non moi lonxe. Pedro López Rodríguez (Lugo, 27/01/1997) foi cedido polo CD Lugo no verán de 2019 a Unionistas de Salamanca -clube que milita na Segunda División “B”-, para continuar a súa progresión como xogador e voltar ao clube da súa cidade preparado para ser futbolista profesional. Con apenas 23 anos, Pedro xa sabe o que é debutar na Segunda División ou na Copa do Rei, ademáis de contar con practicamente 1000 minutos na división de bronce do fútbol español.

Porén, detrás de todos estes éxitos hai moito traballo. Para dar o salto á Segunda “B”, Pedro tivo que ser un dos pilares fundamentales do Polvorín (CD Lugo “B”) e doutros equipos de base albivermellos. Nada máis rematar a súa etapa como xogador xuvenil na División de Honra, Pedro converteuse nun dos xogadores esenciales do filial na Preferente Norte na 2016/2017 e na 2017/2018, cando o conxunto acadou o ansiado ascenso á Terceira División.

Tamén na Terceira deu Pedro mostras da súa valía como futbolista, o que levou á dirección deportiva do cadro lucense a buscar unha cesión para o defensa, de cara a unha mellor preparación. O seu destino sería Salamanca, unha cidade moi futbolera que nos últimos anos se acha dividida entre Unionistas de Salamanca e o Salamanca CF UDS. Pedro asinaría por un ano polo Unionistas de Salamanca, que curiosamente foi tendencia a nivel nacional pola súa andaina na Copa do Rei, que os levou a enfrontarse ao Real Madrid.

Hoxe, desde Futbolinlugo, quixemos falar con Pedro para saber como está a vivir o seu primeiro ano lonxe da súa casa, así como cales son os seus desexos ou soños a cumprir da man do CD Lugo.

Futbolinlugo: Cóntanos como estaba a ser este ano, antes do parón das competicións. 

Pedro López: Ao principio un pouco intermitente, aínda que a nivel persoal ben, e de novembro para diante moito mellor, con moita máis regularidade, en todos os aspectos.

Imaxe: Manuel Laya en www.elnortedecastilla.com

FIL: Como xestionades ti e o clube ante a situación que estamos a vivir?

PL: Adestramos todas as mañás “xuntos” por medio dunha aplicación de videochamadas e despois cada un adestra o que pode en función da súa situación, de onde viva… intentando manter a forma. A situación colleunos a todos por sorpresa, eu vin para Lugo con maleta para tres días e ata hoxe, así que cando antes pase, mellor.

FIL: Como é a vida dun xogador de Segunda División “B”?

PL: Para min non cambiou nada, a rutina diaria é similar: levantaste para ir adestrar, chegas a casa, comes, o que teña que estudiar estudia, algún fai outras cousas, algún día vas ao ximnasio… e intentando cuidarse día a día.

FIL: Que é o que máis se bota de menos con respecto á vida en Lugo?

PL: A verdade é que a adaptación foi moi boa. Comparado con Lugo, Salamanca é unha cidade moi futbolera. Ademáis, eu agardaba atoparme cun vestiario algo máis frío, de ir adestrar e punto… pero é todo o contrario. En certo modo recordame ao primeiro ano no filial do CD Lugo, con todos os amigos xuntos, con moi bo rollo, sempre estamos uns con outros bromeando… iso sempre che facilita as cousas cando non estás na casa.

Gustaríame poder ter xogado contra o Real Madrid na Copa do Rei.

FIL: Participaches na histórica fazaña na Copa do Rei contra o Atlético Baleares e o Deportivo, pero non disfrutaches de minutos contra o Real Madrid. Quédache esa espina?

PL: Cando firmei aquí non pensei na situación da Copa en ningún momento. O partido contra o Baleares foi como un partido de liga máis, pero contra o Depor si que había outro ambiente. Non era presión, porque ninguén nos obrigaba a gañar, pero eramos conscientes de que podíamos eliminar a un Segunda, e a todo un histórico como o Depor. Fixemos as cousas ben e gañamos, penso que merecidamente. En canto ao Madrid, creo que a calquera que estea nun equipo que xogue contra un clube de clase mundial lle gustaría xogar. Quédache a experiencia de ver a todos eses xogadores en primeira persoa, pero fáltache o poder velos de ti a ti no campo.

FIL: Xa contas con minutos en Segunda División e na Copa do Rei. Como lembras os teus debuts?

PL: É algo que queda para toda a vida. O debut na liga non o esperaba, unha semana antes empecei a ver que podía ser e ao final foi. Ao principio con nervios, pero unha vez fas a primeira xogada empézaste a soltar e teño un recordó moi positivo e gratificante e, por suposto, a camiseta enmarcada na casa.

Pedro, durante o seu debut en Segunda División.
Imaxe: Grada3

FIL: No verán volves ao CD Lugo… voltas pra quedar?

PL: Si, sempre o dixen. É algo que todo o mundo querería, xogar no equipo da casa. Aínda non se sabe como vai acabar todo este tema co Covid-19, pero se a temporada que vén empeza como as anteriores non sei onde vou estar. Se teño que facer a pretemporada aquí en Lugo para quedarme, apretarei ao máximo, e tamén se toca saír outra vez cedido.

A nivel humano, quédome con Antonio Gómez de entre todos os adestradores.

FIL: Tiveches moitos adestradores, desde a base ata o primeiro equipo. Con cal te quedas a nivel futbolístico?

PL: Se falamos da base, con José Durán, técnico actual do filial do Lugo. Botamos catro anos xuntos, desde Preferente até Terceira, tamén o bo ano que firmamos en xuvenís… a nivel futbolístico e de conceptos defensivos foi co que máis aprendín. A nivel do primeiro equipo, teño un moi bo recordo de Francisco, que foi con quen debutei.

FIL: E a nivel humano?

PL: Sen dudalo, con Antonio Gómez, que agora está na Residencia. Para min sempre vai ser “o meu adestrador”. Sempre me cuidou, sempre nos apretaba e berraba… pero aprendimos a competir con el e o pasabamos ben, cada vez que saíamos ao campo era para gañar.

Hai xente con talento desde Primeira ata Terceira Autonómica, pero inflúen as ganas de chegar, a sorte, as lesións…

FIL: Contas con experiencia en Preferente, Terceira, Segunda “B”, Segunda… que diferenzas cres que existen entre as distintas categorías? Existe realmente unha diferencia na calidade dos rivais?

PL: En todas as categorías hai xente con talento para estar na élite, na miña opinión. Despois inflúen factores como as ganas de chegar, sorte, lesións… pero a principal diferenza entre as categorías é o ritmo. En categorías altas os xogadores van todos duros, os controis non se fallan… e de Segunda “B” para arriba esto aínda se acentúa máis. Eu penso que cada un ten un teito. Por exemplo, o salto de Preferente a Terceira non foi sinxelo. A min persoalmente levame dous ou tres partidos adaptarme, pero unha vez estás centrado xa non hai problema.

FIL: A que aspira Pedro López nisto do fútbol?

PL: Aspirar, sempre se aspira ao máximo. Pero eu penso que hai que ir pouquiño a pouco, disfrutar cada ano porque non vai volver. Se chegas a Segunda “B”, ben, a Terceira, tamén. A cuestión é non estar “amargado”, non estar mal a gusto. Se se pode chegar a Segunda, perfecto, pero intentando quedarte coa sensación de ter dado o máximo.

FIL: Eres todo un exemplo para rapaces da túa cidade. Que lles dirías a todos eles?

PL: Fundamentalmente, que o tomen con paciencia. Eu non sei os anos que botei indo ver ao Lugo, 13 ou 14, e nunca estiven obsesionado con “teño que chegar a esto” nin os meus pais me dixeron “temos que chegar a tal”. Hai que ir tranquilo e se ves que che pode chegar o momento, estar o máximo preparado posible: estar centrado, ser serio e traballar para que salga ben.

Pedro López en curto: 

Un partido→ Aínda que a nivel persoal non foi o mellor, o día do ascenso á Terceira no segundo ano en Preferente. Era algo que tiñamos pendente, eu tiña moitas ganas de deixar ao equipo en Terceira, e conseguímolo gracias a todos.

Un grupo de compañeiros→ O primeiro ano no filial do Lugo, sen dubidar. Teño lembranzas moi especiais de ese vestiario.

Unha temporada→ De rematar así, esta 2019/2020. A nivel persoal estou moi contento, e a nivel colectivo, pese a que tivemos épocas malas, se remataramos a liga demostraríamos que merecemos estar moito máis arriba, estou seguro.

A bon seguro que máis cedo que tarde Pedro nos deleitará coas súas actuacións defensivas sobre o céspede do Anxo Carro.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 458

Deja un comentario