Máis que partido da xornada poderíamos chamarlle partido da temporada. Enfróntanse os dous mellores equipos da Primeira Autonómica, ou iso di a clasificación. O líder, a S.D. Sarriana con 66 puntos recibe a visita do segundo clasificado con tan só un punto menos, o C.D. Foz. Será este domingo ás 17 horas na Ribela.
Salvo na primeira volta de campionato, na que Xove Lago, Chantada, Riotorto e Lemos parecían poder disputalo ascenso, desde o comezo deste 2018, os dous equipos que se verán as caras nesta xornada foron os grandes dominadores da competición. Pero hai veces que as apariencias enganan, e o equipo que salla derrotado, se o Lemos é quen de sacar adiante o seu encontro ante a U.D. Pastoricense, unido aos enfrontamentos directos de próximas xornadas, pode apretar a clasificación.
A S.D. Sarriana non perde desde que o fixera no Municipal de Xove o 3 de decembro do pasado ano. Moito choveu desde aquela. Catorce xornadas sen coñecela derrota, doce triunfos e tan só dous empates, que fixeron que os de Julio Corral asaltaran o liderato e confirmaron o que se presaxiaba a comezos de liga, cando foron considerados grandes favoritos para o retorno a Preferente. No que vai de campionato, só caeu derrotado no seu feudo nunha ocasión, na terceira xornada de liga ante o Riotorto.
«Afrontamos o encontro con moitas ganas de facelo ben, de seguir na liña que estamos e con ganas de revancha despois do encontro da primeira volta, no que non estivemos acertados, nin de cara a portería nin no xogo. Sabemos que o Foz é un rival duro e que o están a facer moi ben, pero imos polo partido ao cen por cen«, afirma Héctor, xogador da S.D. Sarriana e fichaxe de luxo para esta temporada, logo de ser un home importante no Castro en Terceira División. Pra o xogador sarriao, o rival «pode meternos en apuros se non estamos centrados, teñen xente de calidade arriba e defensivamente é un equipo duro e intenso no xogo, pero eu confío moito no meu equipo e son consciente do que somos capaces. O único que me pode preocupar é que non nos sintamos cómodos levándoos ao noso terreo na Ribela«. O cadro adestrado por Julio Corral, chegará a este partido con plantel case que ao completo, «estaremos todos, malia que temos unha plantilla algo curta e algún un pouco mermado, poderán as ganas que temos de afrontar este partido«. Ante unha eventual derrota, e que a pelexa se prolongue ata as últimas xornadas, Héctor é claro, «levamos moitas xornadas convivindo con esa posibilidade, pero nós ao noso, sabendo que o Lemos estará á espera dun tropezo dos de arriba, pero sendo conscientes que dependemos de nós mesmos e se loitamos cada partido como ata agora teremos moito gañado»
Pola súa banda, o C.D. Foz chega ao encontro do domingo na Ribela nunha posición inmellorable. E cunha traxectoria das que tamén meten, cando menos respecto. Dos últimos dezaoito partidos só perdeu no Sangoñedo ante o Chantada e cedeu un empate na Medela ante o Taboada. O resto foron victorias e ademáis facendo goles, sendo o equipo máis goleador da categoría xunto co Lemos. Asier, Manolo e Ibán Gayol suman 49 dos 72 goles dos focenses. «Será un encontro moi intenso porque creo que os dous equios imos saír a gañar, xa que, unha victoria máis a estas alturas de temporada é un paso de xigante de cara a acadalo obxectivo, pero nós temos que saber agardalo momento e non volvernos tolos sexa cal sexa o resultado» di Asier Burundarena. Consciente da dificultade de cada encontro nesta categoría, para o xogador focense «cada xornada que pasa é máis complicado gañar, os de arriba ven que poden achegarse ao ascenso e os de abaixo ven que poden perigar nun ano que vai haber arrastres. No último encontro ante o Monterroso soubemos manter a calma e ao final remontamos pero aínda así creo que queda moito e non hai nada feito«. Asier ve ao rival do domingo «como un equipo moi serio, marca poucos goles, pero encaixa menos aínda. Temos que pensar en nós e facer o mellor encontro posible para sacalo adiante, malia que temos a importante baixa de Ibán Gayol por acumulación de tarxetas, pero somos unha plantilla ampla, de vinte xogadores e iso nótase«.
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER…
– Polvorín S.D. – Xallas F.C. (Domingo ás 12 horas no Anxo Carro): gran esceario pra un encontro onde o filial lucense pode dar un paso de xigante de cara ao ascenso. Non será doado, xa que, os de Santa Comba son un dos mellores equipos da segunda volta.
– S.D. Residencia – C.D. As Pontes (Domingo ás 18 horas na Cheda): encontro de alto risco para os de Meilán. Unha derrota complicaría a permanencia, pero o rival non é o máis axeitado. Un C.D. As Pontes xogándose boa parte das súas opcións de ascenso directo.
– Viveiro C.F. – C.S.D. Arzúa (Domingo ás 18 horas en Cantarrana): logo da derrota no derbi mariñán, os pupilos de Chusky teñen que facerse fortes no seu campo para atar a permanencia. O rival xa dixo adeus ás opcións de ascenso.
– Ribadeo F.C. – Atlético Escairón (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): derbi provincial entre polos opostos. Os de Fiz Rodríguez con opcións de ascenso buscarán recompensar a súa afección logo de desplazarse ás Valgas a pasada semana. Os do Saviñao fundidos na clasificación, vense obrigados a sumar en tódolos campos.
Primeira Autonómica
– A.D.C. Valadouro – A.C.D. Xermade (Domingo ás 17 horas no Árbol): os chairegos, colistas e con remotas opcións de permanencia visitan aos de Julio Castro, que non queren sorpresas para fuxir dos postos de perigo.
– Club Lemos – U.D. Pastoricense (Domngo ás 17:30 na Pinguela): cun ollo na Ribela, os monfortinos buscarán recurtar distancias co dúo cabeceiro e chegar ás últimas xornadas con opcións. Os de Vitín venderán cara a súa pel, na procura dos puntos precisos para vivir as últimas xornadas con tranquilidade.
– S.D.C. Cabreiros – E.D. Lourenzá (Sábado ás 17 horas na Cea): duelo entre aspirantes ao ascenso. Ao final, un ou os dous dirán adeus ao seu obxectivo. O gañador seguirá con vida ata, cando menos, a seguinte xornada.
– S.D.C. San Lázaro – S.C.D. Santa Comba (Domingo ás 17:30 na Ponte): última opción para os locales de engancharse ao ascenso. Un triunfo manteríaos con vida. O rival porallo complicado, está tan só catro puntos por debaixo na táboa.
– C.D. Sober – A.D. Catro Roldas (Domingo ás 17 horas en Centeás): Trascendetal encontro pra ámbolos conxuntos. Os locales poden certificalo ascenso no caso de acadala victoria, pero os vilalbeses xóganse seguir con vida na última xornada. Un triunfo dos de Román mantería a emoción ata a final.
– S.D. Laxosa – C.D. Guntín (Domingo ás 17 horas no Municipal): os locales sen aspiracións reciben ao líder, que no caso de gañar e que o Paradela non o faga clasificaríase pra definitiva eliminatoria polo ascenso ante o Muimenta.