A previsión de choiva durante toda a fin de semana unido ao xa pésimo estado do Pepe Barrera, fixeron que a directiva do clube ribadense buscase a alternativa menos gravosa para o seu público: xogar o derbi mariñán no campo máis próximo, o das Valgas en San Miguel, onde xoga de local o Iberia. Ademáis pon autobús á disposición da súa afección para o desplazamento.
Santi: «Gañarlle ao Paiosaco encheunos de moral para seguir optando ao ascenso directo»
O certo é que un derbi mariñán con tanto en xogo como o deste domingo ás 17 horas merecía un esceario onde ámbolos equipos poidesen desenrolar todo o seu fútbol. O encontro entre Ribadeo e Viveiro pasa por ser o derbi con máis en xogo dos últimos anos. O cadro local, cuarto na clasificación, e a falta de disputalo encontro adiado ante o Dubra aspira a dar o salto de categoría, mentras que os homes de Chusky, nunha temporada convulsa son decimoséptimos, fóra do descenso directo pero en claro perigo por mor dos arrastres de categorías superiores.
O Ribadeo F.C. chega ao derbi con baixas importantes. Criss na parte final da súa recuperación non será da partida, ao igual que Dani Prieto, e moi probablemente Poratti. Por acumulación de cartóns perderase o encontro David Rodríguez. Malia todo, para o xogador ribadense Santi «afrontamos o encontro con moitas ganas, ademáis de polo feito de ser un derbi, pola importancia do partido para seguir pelexando polos postos altos da clasificación«.
Logo do triunfo no campo do Paiosaco na última xornada, os homes de Fiz Rodríguez mantéñense en posto de promoción e mirando de reollo o ascenso directo. «Pese a ir con moitas baixas fomos capaces de gañar nun campo onde case ninguén o fixera, e iso encheunos de moral para seguir con opción de ascenso directo» apunta Santi. Pese ao mal estado do Pepe Barrera, o Ribadeo non coñece a derrota como local nos últimos cinco meses. Para o xogador ribadense o disputalo partido nas Valgas «é unha mágoa polo que supón para a nosa afección. Agardo que a maioría nos veña animar a San Miguel, pero quizáis outros o teñan máis complicado. Pero vendo como está o noso campo creo que é unha boa decisión«. Do Viveiro, Santi non dubida en afirmar que «agardo un rival moi motivado, por ser un derbi e polo moito que se xogan. Teñen a baixa importante de Xaime pero nós tamén teremos ausencias, polo que debemos facer un bo partido para poder levalos tres puntos«.
Álex Meitín: «O vestiario está máis forte e unido ca nunca»
O Viveiro C.F., logo do balón de osíxeno que supuxo a victoria ante un rival directo como o Atlético Escairón chega ao derbi nun bo momento de xogo e resultados, pero apremiado por unha clasificación que non da tregua. Álex Meitín, extremo do cadro viveirense di que «levamos tres partidos seguidos moi bos nos que sacamos sendas victorias ante rivais directos e un empate co Paiosaco. A situación na táboa non é a máis óptima pero chegamos reforzados e coa moral moi alta. O vestiario está máis forte e unido ca nunca e iso estase a ver no terreo de xogo«. Para él o derbi mariñán «é un partido máis, pero ten o aliciente de enfrontarse co outro equipo da Mariña e contra xogadores que todos coñecemos e que algunha vez compartimos vestiario con eles. Sen dúbida que é un encontro que moitos agardan toda a temporada, sobre todo a xente da Mariña á que lle gusta o fútbol«. Sobre o rival que se atoparán nas Valgas, Álex Meitín non dubida que «é un equipo feito xa unhas cantas temporadas atrás, con xogadores moi experimentados e de gran calidade, cun adestrador que ten as cousas claras e coñece a categoría. Sen dúbida o que máis me preocupa é o seu poderío ofensivo e xogadores como Rafa, Poratti ou Tichu que marcan a diferenza»
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
TERCEIRA DIVISIÓN
– Racing Vilalbés – S.D. Negreira (Domingo ás 17:30 na Magdalena): os chairegos a por tres puntos de ouro de cara a consolidar o cuarto posto, ante un Negreira adestrado polo focense Nacho, que chega en postos de descenso.
PREFERENTE NORTE
– Atlético Escairón – Atlético Arteixo (Domingo ás 18 h. no Municipal do Saviñao): encontro vital para os locales, que non poden permitirse erros no seu feudo. O rival non será doado, xa que, aínda aspira a unha praza de promoción de ascenso.
– C.D. Castro – S.D. Outeiro de Rei (Sábado ás 19 h. no Arturo Pereiro): derbi provincial no que os de Javi López buscarán seguir a estela dos equipos cabeceiros. Os visitantes, case sen opcións de permanencia quererán unha victoria de prestixio.
– C.D. As Pontes – Polvorín S.D. (Domingo ás 18:30 no Poboado): encontro clave para o filial lucense, que logo de dúas derrotas consecutivas visita ao seu máis inmediato perseguidor. Unha victoria deixaría o ascenso de cara para os de Durán.
PRIMEIRA AUTONÓMICA
– S.D. O Páramo – C.D. San Ciprián (Domingo ás 17 h. nas Rapadas): ámbolos equipos están fóra dos postos de descenso directo pero á expensa dos arrastres de categorías superiores. Encontro vital para fuxir do perigo.
– C.D. Foz – S.D. Monterroso (Domingo ás 18 h. no Martínez Otero): os de Gayol, logo de perdelo liderato, buscarán un triunfo que os achegue un pouco máis á Preferente. Difícil rival, un Monterroso séptimo clasificado que gañou catro dos seus últimos cinco encontros.
SEGUNDA AUTONÓMICA
– Guitiriz S.D. – S.D.C. Cabreiros (Sábado ás 17 h. no Suso Cruz): encontro entre aspirantes ao ascenso. Para os de José Manuel unha derrota suporía decir adeus, mentras que os locales tentarán asaltalo segundo posto que ocupa o Pol.
– S.D. Oural – Friol C.F. (Sábado ás 17 h. no Luís Pallín): o triunfo dos de Rafa Casanova deixaríaos a tiro de pedra do ascenso, pero o Oural, cuarto clasificado, se gaña métese de cheo no loita polo salto de categoría.
TERCEIRA AUTONÓMICA
– A.D. Catro Roldas – C.D. Goiriz (Domingo ás 17 h. na Canteira): derbi nun momento chave da fase de ascenso. Os de Román non poden permitirse fallar na casa pra seguir con aspiracións, mentras que o Goiriz pode certificar na Canteira o ascenso.
SEGUNDA FEMININA
– Ribadeo F.C. – C.F. Deportivo Orzán (Domingo ás 19 h. na Mina): cuarto contra terceiro. Un triunfo das de Nacho Pérez mantería as opcións da promoción de ascenso.