Deporte rei sí, pero… por qué non aprender do rugbi? A nova de que un árbitro suspendera un partido no grupo balear da Terceira División porque lle chamaran “tonto” e “gilipollas” ata en tres ocasións, segundo él mesmo afirmou, foi protagonista a pasada fin de semana. Algúns diarios deportivos de calado nacional, para o meu asombro, titulaban o seu artigo do sucedido entre exclamacións, coma se fose algo sorprendente, digno de risa.
No meu afán por ler todo o que se me pon por diante, fai unhos días atopei, nun lugar web de contido baloncestístico, outra interesante referencia. Pedía o autor ós afeccionados do ‘basket’ que non se convertesen en ‘futboleiros’; triste, pero certa realidade. O deporte rei queda manchado. Por culpa duns poucos, certo é. Pero, ata cando?
Nos últimos días tamén foi o VAR quen encheu portadas e abriu informativos. Semella que, moi lentamente, o fútbol vai avanzando no aspecto tecnolóxico e acurtando camiños respecto a outros deportes. Un dos pioneiros en empregar un sistema de arbitraxe externo foi o rugbi. E por qué non ‘importar’ tamén outras cousas del?
Adoito presenciar partidos de rugby. Grazas ao meu pai, gran afeccionado a este nobre deporte. Por encima da competición e do espectáculo, ensina valores. Honestidade, lealtade, respecto polo rival. Aquí, en Lugo, temos a un humilde clube coma o Muralla, na 1ª Territorial Galega. Nos seus encontros, os linieres son os propios xogadores de ambos equipos, un de cada un, que axudan ao colexiado. Nunca hai unha soa protesta. Viral foi unha acción dun España-Georgia, nunha xogada no que un xeorxiano protestou unha infracción e a grada enteira lle respondeu ao grito de «Futbolero!”. Sería de parvos negar que a pasión coa que o vivimos converte ao noso deporte no que é: o deporte rei. Pero… por que non aprender do rugbi?


Manu Amor (@ManuAmor1), redactor na ADG, en Galifútbol e colaborador da Cadena COPE