Palabra de… Esther Núñez: Chegamos para quedarnos!

O camiño foi difícil e permanecerá así no futuro, pero que o fútbol feminino creceu e evolucionou xa é unha realidade. O fútbol feminino chegou para quedarse. Cada día máis mulleres xogan ao fútbol, pero aínda hai moito traballo que facer.

Cando empecei a xogar ao fútbol, sendo moi pequena, lembro que os meus compañeiros eran todos nenos. Nunca houbo ningún problema no entorno, senón todo o contrario, tiven a sorte de ser moi ben acollida por todos, compañeiros, adestradores e pais. Pola contra moitos pais dos equipos contra os que xogábamos quedaban abraiados ao verme, sorprendíalles o feito de ver a unha nena xogando ao fútbol. Cando era pequena había só un par de equipos femininos sénior, que estaban constituidos por xogadoras que xogaran de pequenas con nenos ou de xogadoras que comezaron a xogar ao fútbol sen ningunha base. Pero pouco a pouco e tras moito traballo e esforzo, as cousas foron evolucionando e cambiando e con iso tamén as mentalidades.

Esther, na súa etapa na base da Residencia

Grazas a todo ese traballo hoxe en día ver a unha nena xogando ao fútbol xa non é unha sorpresa, senón algo habitual e agora xa se acepta que unha muller tamén pode xogar ben ao fútbol. O número de equipos femininos medrou e cada día anótanse máis nenas a este deporte. En Lugo contamos con catro equipos femininos sénior e cun aumento de nenas considerable no fútbol base. A S.C.D. Milagrosa aposta pola súa canteira e conta nas súas filas con doce xogadoras alevíns e benxamíns e cun equipo infantil feminino. Na miña opinión a canteira é moi importante, xa que é a clave na formación e no desenvolvemento  das xogadoras e é a base para o futuro.

Sería fascinante poder contar nun porvir con equipos femininos desde a base que competiran en ligas femininas, pero como dixen antes queda moito traballo por facer e aínda que cada día se apuntan máis nenas segue sendo moi difícil xuntar xogadoras para facer un equipo enteiro. Por iso, quero animar a todas esas nenas ás que lles gusta o fútbol e os seus pais a que se inscriban neste maravilloso deporte que é o fútbol. Aínda queda moito traballo por facer e moitas cousas que mellorar e por iso hai que seguir loitando para continuar abríndolle paso ás novas xeracións de xogadoras. O fútbol feminino é xa unha realidade con proxección de futuro e non un proxecto en dúbida.

Esther Núñez Arias. Xogadora da SCD Milagrosa.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 752

Deja un comentario