Palabra de… Paula Insua: “Unha familia loitadora, o mellor agasallo”

Hoxe é día de partido. Estes días sempre me levanto ca mesma sensación de sentimentos encontrados. Por unha parte con moitas ganas de poñer as botas, saír ao campo e dar o mellor de min. E por outro, eses nervios por non saber o que me vou atopar e se este xeonllo rebelde vai aguantar ou se vai querer coller unhas vacacións.

Montamos no coche e boto a vista atrás. Aquel día no que o meu amigo Rial me dixo que ía facer un equipo, porque no que xogaba a súa moza se desfixera, e que contaba comigo. O primeiro que se me veu á mente foi que ese home estaba tolo, “¡Pero se eu… eu non toquei un balón na miña vida!” Iso foi o que lle dixen a pesares de que tanto el coma min sabiamos cal era a resposta: “Ata a fin do mundo, xa o sabes

E aquí me tedes, de camiño a outro partido máis, tamén cunhas cantas canas máis (non o vamos negar) ca aquel día no que empezamos esta aventura. Aínda que todo saíra ben, non todo o camiño para chegar ata aquí foi doado. Empezamos con típicos torneos de verán nos que os bos momentos vividos neles daban paso á sensación de baleiro que se nos quedaba unha vez que remataban. Sabiamos que tiñamos que esperar un ano para volver competir. Pero a ilusión por xogar non se vía nublada por ese tempo de espera: adestrabamos sempre coas mesmas ganas e paixón como se fosemos xogar esa fin de semana. 

Co que iamos ganando nos nosos torneos e algunha axuda máis, convertimos o campo de area e pedra no que xogabamos nun de céspede. A día de hoxe, de vez en cando, as miñas costas aínda se lembran de todas as pedras que sacamos daquela terra que lle botamos ao campo…

Todo isto ata que un día nos chamou a Milagrosa de Lugo e nos recibiu cos brazos abertos na súa casa. Ata que escontrasemos un club no cal non tivesemos que facer 100 quilómetros para ir adestrar e xogar.

E aquí estamos, chegando ao estadio da Marosa en Burela, a nosa nova casa, pero coas mesmas ganas e forzas do primeiro día. Porque o fútbol non é só un deporte, o fútbol é loita, esforzo, corazón… E deume unha das mellores cousas que teño: un grupo de compañeiras e amigas incribles e un míster que; a pesares das lesións, dos días donde nada sae ben e dos momentos de frustración, me agasallou unha nova familia.

ATA A FIN DO MUNDO!!

 

Paula Insua López. Xogadora do Burela

Fotografías: Javier Sánchez

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 755

Deja un comentario