Palabra de Iván Calaza…O sentir do equipo da vila

Xa parece que nos afixeramos a que a partir de agora os luns polas tardes había sorteo, que ía tocar lonxe de novo, que os rivais tiñan que colocar a Vilalba no mapa ou que o teu veciño, que non ten ningún interese no fútbol, che preguntara a onde ía o Vilalbés desta volta. Non obstante, é malo que se convirta en rutina algo que non é habitual porque non se lle adoita dar a importancia que merece. É por iso, que esta semana, despois de disfrutar, débese valorar.

Hai algo máis dun ano, Helena del Río escribía en Futbolinlugo sobre a “Escala de valores”. Situaba ao fútbol local como a “cousa máis importante das cousas menos importantes dunha vila ou dunha parroquia”. E facía referencia ás sensacións que lle deixaba o equipo do seu pobo, pasara o que pasara: “sufrín descensos e ascensos frustrados, pero nunca estiven triste e o primeiro que sentía sempre era orgullo”.

Orgullo é a palabra que deben sentir os máis de 370 quilómetros cadrados que ocupa o concello de Vilalba, despois de que o Racing Vilalbés puxese a vila no mapa na fase de ascenso á Segunda B. Porque o fútbol local ten esa maxia que o fai único. Porque aínda que non che importe, sempre vas querer que gañen os teus; non da lugar a ningún tipo de discusión entre distintas crenzas futbolísticas. O Racing Vilalbés vén de facer a mellor temporada da súa historia. Nunca estivo tan arriba na clasificación da Terceira División (3º), nunca fixo tantos puntos (71) e nunca chegou tan lonxe nunha fase de ascenso (segunda eliminatoria).

Están os que manteñen que o equipo da vila está moi ben, pero que con el non podes disfrutar de títulos nin de celebracións gloriosas. Pensábase que igual nunca se podía viaxar máis de mil quilómetros para ver pasar os do teu pobo unha eliminatoria na tanda de penaltis. Ou que os que quedamos non podíamos vivir unha emoción parecida xuntándonos para velo nun bar pola televisión. Moitos dicían que iso só se pode ver nun Mundial ou nunha Champions.

Por unha vez, voulle quitala razón a miña nai que me cuestiona cando berro ca televisión vendo un partido. Ela argumenta: “para que berras se non che van facer caso, para que sufres se eles non sufren por ti, para que te emocionas se nunca cho van agradecer”. Neste caso mamá, non tes razón. Foron os teus veciños e os seus compañeiros os que actuaban nun terreo de xogo. Os que ó día seguinte vas ver no bar ou cos que dentro duns anos lembrarás este momento cos cativos no parque. E só cabe dicir: orgullo, como aquel cancelo que iniciamos o seis de maio e terminou usando o mesmo Roberto Trashorras. Grazas por facer a Vilalba de play-off.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario