A promoción de ascenso á Preferente Futgal deixou aos representantes lucenses cun sabor de boca amargo. Ningún dos dous conxuntos conseguiu a victoria, pero —ao mesmo tempo— ambos seguen moi vivos na loita pola clasificación á final do playoff. Calo e Gondomar demostraron que son conxuntos moi traballados e que non lles van poñer as cousas fáciles aos conxuntos da nosa provincia. Porén, os nosos tamén demostraron o alto nivel futbolístico e condicional que hai dentro dos nosos marcos.
O Monterroso marcha de Teo moi amolado e cunha derrota (1-0). Os de Cerdeiriños controlaron o partido desde o comezo e tiveron o peso do xogo durante a primeira media hora, na que o balón parado visitante era o principal protagonista. Porén, o colexiado sinalou unha dubidosa pena máxima a prol do Calo no 35′, que se traduciu no 1-0. Co gol local chegaron os nervios dos vermellos, que non se repuxeron ata o tempo de lecer.
Na segunda metade, o Monterroso saíu renovado e dispuxo de moitas oportunidades para igualar o resultado: un disparo ao pau, un balón que sacou baixo paus a zaga local, opcións dentro da área… e tamén un posible penalti na recta final que non se castigou. Os visitantes voltaron á casa amolados e cargados de cartóns amarelos, pero conscientes de que terán o factor-campo ao seu prol a vindeira fin de semana en Cerdeiriños, que levará aos seus en volandas na procura da final da promoción de ascenso.
Os conxuntos lucenses terán que superar resultados adversos no segundo partido da promoción de ascenso
O Ribadeo deixa escapar a victoria nun final de tolos (1-1). Foi un choque pechado, propio dunha promoción, o que se viviu no Pepe Barrera. O Ribadeo viu como se lles anulaba un gol por fóra de xogo antes do descanso, mentres que o Gondomar deu por bon o empate durante todo o choque. Os celestes estiraron liñas na segunda metade, protestaron un penalti por man e tiveron numerosas chegadas nas que inquedaban á defensa pontevedresa.

Porén, pese a xerar perigo con centros, o gol mariñán non chegou ata un saque de esquina no tempo engadido. A reacción visitante, por desgraza, foi instantánea. No único disparo a portería do Gondomar chegou un 1-1 que non fai xustiza ao visto sobre o terreo de xogo e que deixa todo aberto para o partido de volta lonxe de Ribadeo.


