O Lemos dá un primeiro paso firme
-
Eros López | 01/06/2026
- 0
- 3min de lectura
O Lemos acadou unha gran vitoria por 1-0 na Pinguela ante o Negreira que lle permite dar un primeiro paso na eliminatoria moi sólido e que puido ser maior. O tanto de Adri Díaz bastou para que os de Marquitos puidesen coller a vantaxe no cruce. Iso sí, puideron ter máis goles de renda de cara a volta porque conseguiron ter un importante número de ocasións que puido facer que a diferencia incrementase. Esta fin de semana afrontarán a volta no García Calvo e o club xa anunciou que vai haber un autobús gratuito para os afeccionados que queiran viaxar.
O encontro comezou co tanteo propio do primeiro medio tempo dunha eliminatoria a 180 minutos. As aproximacións foron para o Lemos, que colleu o control do centro do campo de Iñaki e Dafonte e tiña en Borja ao seu principal gardián na defensa. Os monfortinos chegaban máis, como nun disparo do lateral desde fóra da área e outro de Adri Díaz que marcharon por pouco.
Antes da chegada do descanso, o Negreira tivo a súa oportunidade máis importante da primeira parte cunha xogada de estratexia na que Gonzalo rematou demasiado picado e non atopou a portería. Chegaba o descanso e Youness conseguía forzar unha falta ao borde da área nunha das súas arrincadas. Iñaki petou na barreira, pero o balón chegoulle a Adri Díaz, que aproveitou a armar a perna para soltar un disparo ante o que Dacuña non puido facer máis.
Os de Marquitos non comezaron a segunda metade moi ben, xa que o Negreira arrincou con moita forza e tivo nun gran centro que non conseguiu rematar o seu máximo goleador, Alberto Freire, a súa mellor oportunidade. Pese a que tiveron algún disparo máis, o Lemos retomou o control do encontro e Brais gozou dun man a man ante Dacuña que o porteiro puido deter.

Os Monfortinos beneficiáronse dos espazos para ameazar con facer o segundo tanto do encontro. A falta dun cuarto de hora, Íker fixo unha gran xogada individual para servirlle un balón a Fito, que non puido rematar nunha posición cómoda para rematar o encontro. Nos últimos minutos, o Lemos aguantou o resultado e conseguiron levar para a casa un gran resultado para o partido de volta, no que terán que manter a vantaxe para non acudir á prórroga ou aos penaltis.
Foto de Aurea_Jpg.
