Paco Ruiz: «O Racing ten que tender á profesionalización»

Este luns abriuse o período electoral no Racing Villalbés. Ata o 14 de marzo está aberto o prazo para a presentación de candidaturas á presidencia do club. O venres 19 (festivo de San Xosé) celebraríanse as eleccións no caso de presentarse máis dunha candidatura. Senón, o día anterior convocaríase a Asemblea Xeral Extraordinaria para tratar o futuro da entidade.

Paco Ruiz deixa definitivamente a presidencia logo de oito anos á fronte. Disolverase a directiva actual conformada tamén por Jose Otero, Fernando Cillero, Juan Vázquez Carreiras, Pablo Vivero e Carlos Vázquez ‘Charli’. O presidente pon fin a unha etapa, aínda que non ao Racing. Ao club leva ligado boa parte da súa vida. Xogador, adestrador, directivo e presidente. A cor vermella e verde sempre presente, pero dun xeito diferente.

Futbolinlugo: Cales son os motivos de non seguir ?

Paco Ruiz: É unha idea moi meditada. Creo que nas últimas tres Asembleas xa dixemos que o deixabamos. Sempre se insistiu para seguir outro ano máis. Levamos tres anos facendo así e decidimos que este é o definitivo. Xa son oito anos para min como presidente. Dúas lexislaturas. Non podemos estar toda a vida así. Nalgún momento hai que dicir “ata aquí”. A nivel persoal agora mesmo non podo nin quero seguir. As sociedades teñen que ter dinamismo. Ten que vir xente con novas ilusións, ideas e proxectos. Iso é o que fai que as sociedades estean vivas.

Fil: Podería haber volta atrás?

PR: Realmente non. Estou intentando transmitir que é definitivo. Para que non colla a ninguén de sorpresa. A decisión está tomada ao 100%. Por iso facemos isto con tempo. Este presidente non vai seguir de ningunha maneira. A Asemblea decidirá.

Fil: Hai xente en Vilalba preparada ou terá que vir un magnate?

PR: Esperemos que non (risas). O do magnate saíu mal en todos os sitios. O Racing ten que seguir sendo o club máis representantivo de Vilalba e da comarca. E ten que estar dirixido por vilalbeses.

Fil: En todo caso, a actual directiva acabaría esta temporada 20/21. Con que obxectivo se convocan as eleccións en marzo?

PR: Comprometémonos a rematar esta temporada e ímolo facer. A intención nosa é convocar as eleccións e a Asemblea para permitir que a finais de marzo haxa unha nova directiva e un novo presidente de cara o curso que vén. E se eles o cren oportuno, que estean o máis cerca nosa para que vexan o funcionamento do club nos últimos meses desta campaña. Así poden saber todo o funcionamento interno. Loxicamente, despois tamén estaremos a disposición deles.

«O que ten que motivar é o cariño ao club e as ganas de facer cousas»

Fil: Cansa ser presidente?

PR: Moitísimo. Son practicamente os 365 días ao ano. O club medrou moito. Son quince equipos. Durante a temporada todos os días hai calquera cousa. Practicamente non paras. Cando remata a competición tes que estar xa preparando a que vén.

Fil: Gánanse cartos?

PR: Pérdense. Realmente se nos poñemos a mirar os gastos que temos todos os da directiva, entre ir a aquí e alí… Xa non imos falar do tempo porque ti ofréceste a facer iso e non te preocupas do tempo. Pero evidentemente que vai ao peto. Iso dicho calquera ao que lle preguntes.

Fil: Con estes antecedentes, dende fóra parece que non é fácil animarse. Que debe motivar a alguén dar o paso ou que te motivou a ti no seu día?

PR: Eu sempre dixen que algún día ía ser presidente do Villalbés. Primeiro porque lle debo moito. Axudou a formarme como persoa. Estoulle moi agradecido ao Racing. Logo sempre me gustou meterme nestes fregados. No seu momento fíxeno. Despois de oito anos non estou arrepentido. O que ten que motivar é o cariño ao club e as ganas de facer cousas.

Escucha «Paco Ruiz: «O Racing ten que tender á profesionalización»» en Spreaker.

Fil: A opción de profesionalizar o club é a única?

PR: Non. Ao mellor se queren planificar outros obxectivos. En lugar de estar en Terceira e ter catorce equipos na base, pénsase cambiar. Por exemplo, baixar a Preferente ou reducir a oito equipos por poñer unha cifra. Facelo doutra maneira. Iso terao que decidir a Asemblea. Co nivel que hai, é imposible levar o club de maneira afeccionada.

Fil: Por que?

PR: A nivel burocrático multiplicáronse as xestións. As esixencias son máximas. E non falo deste ano. O deste curso foi unha auténtica locura. Pero sen pandemia o nivel de burocracia que ten que soportar un club como o Villalbés é moitísimo. Subvencións, contratos, trámites federativos,… Vai todo relacionado tamén. A máis equipos, máis burocracia.

Fil: E máis adestradores…

PR: Se o club decide ter os equipos que ten, hainos que ter ben atendidos. Se o equipo presume de que formamos xogadores o que tes que ter é xente formada e titulada. O primeiro ano ou o segundo démonos conta diso. Fixéronse dous cursos de adestradores en Vilalba para que xente da vila poidera adestrar o equipo. Actualmente, temos catorce adestradores na base todos coa titulación correspondente. Non sei se haberá moitos equipos afeccionados que teñan o nivel de titulación dos nosos adestradores. Iso repercute na formación dos rapaces.

Fil: E tamén no aspecto económico…

PR: Por pouco que lles pagues, cobran bastante menos do que merecen. Temos a gran sorte de que non o fan polos cartos. Intentamos cubrirlle os gastos. Polo menos que non lles vaia ao peto.

«A quen primeiro lle hai que preguntar porque non xogou en Terceira é ao xogador»

Fil: De todo este período como presidente, de que te sentes máis orgulloso?

PR: Sobre todo da base. Chegamos a ter un xuvenil na División de Honra e catorce equipos de fútbol base. Agora mesmo temos tres en categorías superiores: o xuvenil de Liga Nacional, o xuvenil de Liga Galega e o cadete de Liga Galega. Quédame a espiña do Infantil de Liga Galega. Non puido ser. Ter máis de douscentos rapaces na base é o principal orgullo. Unido ao sénior. Non é fácil telo tantos anos en 3ª. Hai multitude de exemplos. Ata este curso que ascendeu o Viveiro, nos últimas tempadas eramos o único da provincia. Iso demostra que non é fácil.

Fil: Haberá quen diga que poucos xogadores hai no 1º equipo dos que ascenderon a División de Honra…

PR: Xogar en Terceira saíndo da base non é fácil. Dar o salto é complicado. Agora mesmo os rapaces tampouco teñen moita paciencia para chegar ao 1º equipo. Sempre se fala: “Por que non xogan máis de Vilalba no Racing?”. Ao primeiro que lle había que preguntar porque non xogou no Racing é ao xogador. O máis seguro é que o rapaz, pasados uns anos, teña algunha explicación. No caso de que non a teña el, os adestradores téñena seguro. Temos o exemplo claro en Vérez. O primeiro ano de sénior xogou moi pouco. Soubo ter esa paciencia e seguir traballando. Agora é practicamente titular indiscutible e será probablemente o central do Villalbés para moitos anos. Probablemente fora fallo deles e tamén fora algo noso.

Escucha «Paco Ruiz: «A espiña máis grande que me queda é a de non acondicionar o Roca»» en Spreaker.

Fil: Outra espiña pode ser a escasa asistencia de público á Magdalena? Cal é a razón?

PR: Non sei cal é. Levamos moito tempo con isto. O Racing ten practicamente 700 socios. A media de presenza de público na Magdalena (sen pandemia) é de uns 200. Iso ten unha dobre lectura. A xente non baixa. Pero ten outra boa; segue sendo socia. O fútbol dimensionouse moito. Hai fútbol no redor, haino na televisión, de veteráns,…

«Ao mellor é que eu non souben xuntar esa rede de colaboradores»

Fil: Ao marxe das espiñas, ao longo do mandato houbo situacións moi complicadas como a marcha de Jorge, Rosendo e Suso. Como se leva iso?

PR: Calquera dos tres vivino en primeira persoa. Sobre todo, o de Jorge pola idade e polas circunstancias. A min persoalmente afectoume e foi moi duro para o club. Son cousas que te marcan. Son xeiras nas que dis que parece que estás gafado. Todo iso vai sumando e vaiche afectando.

Fil: Xente como Rosendo e Suso exemplifican esa rede de colaboradores que foi sempre un dos principais activos do Racing. É complicado mantela?

PR: Ao mellor é que eu non souben xuntar esa rede de colaboradores. Cada vez é máis complicado. O ideal sería buscar un delegado para cada equipo. Un delegado para catorce equipos é moi difícil. Eu non era partidiario de que os pais participaran activamente no club. Os pais son parte interesada e non creo que podan ser obxectivos á hora de valorar o rol do seu fillo no conxunto.

Fil: E o presidente tamén ten fillos no club…

PR: Si, pero nunca fun como delegado nin como presidente. Fun como espectador, séntome e calo a boca. Tamén é certo que todos os pais imos aprendendo nisto do fútbol. Nós aprendimos como directiva e eles tamén. Quizais agora si sería posible que os pais participaran activamente; incluso, no equipo dos seus fillos. Sabendo o que poden facer e o que non.

Fil: No seu momento, prohibirlle aos pais a asistencia aos partidos foi unha medida polémica…

PR: Fixémola porque non nos parecía lóxico que en adestramentos de cativos houbera vinte ou trinta pais. Xa porque os propios nenos se despistan. Non nos parecía o ideal. Deixamos a última semana de mes para que os pais podan ir aos adestramentos. Veuse que ao final era unha decisión acertada. Agora a sociedade está máis preparada para a relación pai – fillo e club.

«Paréceme demasiado risco que haxa ascensos e non descensos»

Fil: Semella que finalmente as competicións poñeranse en marcha. O Racing optou sempre por competir a pesar da situación. Por que?

PR: Estamos convencidos de que se poden desenvolver os adestramentos e os partidos con seguridade. Fomos dos primeiros en comezar os adestramentos na base. Tomando as medidas de prevención necesarias e facendo as cousas o mellor posible, o deporte é imprescindible. Non obstante, as cousas hainas que ver no contexto. Aquí en Vilalba sería posible. Nos campos da Torre da Coruña igual non pola cantidade de nenos.

Fil: Que che parecen os formatos de competición rápida?

PR: Paréceme demasiado risco que haxa ascensos e non descensos. Creo que hai unha posibilidade de que se altere a competición. Por exemplo, na Preferente van participar dezaoito equipos. Uns moi interesados en ascender e outros non. Ao mellor estou equivocado. Logo en Ligas Galegas pode que pase algo similar. É o principal problema que vexo.

Fil: O Racing é un dos equipos que forma parte como club da Asemblea Xeral da RFGF. Que opina da actual situación do presidente da Federación?

PR: Ante unha resolución da xustiza pouco se pode dicir. Eu, persoalmente, dimitiría para centrarme totalmente en demostrar a miña inocencia se é o caso. Se non o é, pouco máis hai que dicir. De todas formas, a situación non creo que beneficie a ninguén. De non darse as circunstancias actuais, probablemente se tería formado mais revolta e o tema acelerariase. Dáme a sensación de que todos estamos centrados en sacar adiante o noso, que bastante temos xa.

Fil: Cal é o obxectivo do primeiro equipo nesta recta final da 1ª fase?

PR: Estar nos seis primeiros clasificados. E unha vez aí, se se pode estar nos tres primeiros, mellor. Iso permitirá xogar a segunda fase máis tranquilos. Temos que pensar que de 3ª baixan oito equipos dos doce que estarán na 2ª fase. O risco é moi grande.

«Preocupábame non ser o presidente que desfixo o Racing»

Fil: Como che gustaría ser lembrado como presidente do Racing?

PR: Tampouco teño moito interese en ser lembrado. O que me preocupaba cando empecei, dixo o outro, era non “ser o Presidente que desfixo o Racing”. Todas as decisións que tomei e que tomou a directiva sempre foron pensando o mellor para o Racing. Ningunha foi pensando en aspectos particulares. Nalgunhas cousas acertamos, noutras equivocámonos. Foi con toda a mellor intención do mundo.

Fil: De que maneira vas seguir ligado ao balompé?

PR: Ao fútbol e ao Racing vou seguir ligado seguro. Agora unha temporada vou estar desconectado. Si que me gustaría nun tempo seguir adestrando pequenos. E desfrutarei o fútbol doutra maneira. Ir ver o Santaballés, o Goiriz, o Catro Roldas,… desfrutar da familia e do tempo libre que poda ter.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza
Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 274

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.