Os sobranceiros da Terceira Galicia

A pasada fin de semana comezou a Terceira Galicia e o seu novo modelo de competición. Ó Friol B no grupo centro e o Relámpago Taboada no sur tocoulles descansar na xornada inaugural. A clasificación deixa ao Catro Roldas, Corgo e o Quiroga como os primeiros líderes dunha primeira fase da competición que será máis curta do normal e rematará en decembro.

O grupo norte deixou dous protagonistas no Catro Ventos. Por unha parte a actuación de Diego no Catro Roldas cun gol olímpico e unha asistencia de gol; e por outra o golazo dende o centro do campo de Iván Bellas para o Cazás. Na portería, Javier “Teso” foi crucial na vitoria do Celeiro diante do Rioaveso. No resto do grupo o Cervo colleitou unha importante vitoria en Muimenta e o Celta Barreiros derrotou na casa ao Goiriz.

No centro, Jonatan pasa a historia do fútbol rexional como o primeiro xogador que mete un gol en competición oficial do novo Rábade nunha contra perfecta. Aínda así, quen gañou foi o Fonsagrada grazas a un gran partido de todo o equipo no que sobresae Lucas González con dous goles.  No derbi do Corgo, o conxunto da capital derrotou ao Laxosa que fallou un penalti nos últimos instantes. No outro encontro a Comercial derrtou ao Guntín pola mínima.

No sur, o Quiroga venceu con claridade ao Becerreá FC nunha goleada na que destacou a actuación de Marcos Fradejas que culminou cun gol. No lado contrario, Tomás tivo unha gran actuación a pesar de encaixar seis goles, o equipo viña sen cambios e quedouse cun menos por lesión durante o enconto. No derbi de Sober o empate foi o resultado final, despois de que o Río Sil puidese aumentar a vantaxe cando o marcador ía 1-1, pero o balón petou no pau e paseouse pola liña de gol sen que entrase. Cando o encontro ía 1-2 favorable ao Río Sil, Bruno igualou o choque para o Sober cun potente disparo. No outro choque o Incio gañou con solvencia ao Paradela.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario