#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Os sobranceiros da Terceira na sexta xornada da 2ª fase

 

Cambio á fronte da clasificación na fase polo ascenso da Terceira Galicia logo de disputarse o duelo entre os dous primeiros con vitoria para o Corgo sobre o Goiriz. Houbo troco de equipos tamén nunha das prazas que da acceso á Segunda Galicia. No Trofeo Delegación de Lugo mantéñense o Muimenta e o Paradela como líderes, nnha fin de semana na que descansou o Rábade no norte e o Quiroga no sur.

Na fase polo ascenso o Corgo é o novo líder ao vencer nun dos duelos da xornada ao anterior primeiro clasificado, o Goiriz. O equipo corgués foi mellor no cómputo global cunha gran actuación do gardamallas Manu que debutaba nesta fase e do mediocentro Patxi que foi un dos piares do equipo e culminou o seu gran partido pechando o encontro co cuarto gol. Segundo é agora o Incio (empatado a puntos co Goiriz) que tamén venceu por 4-0 á Comercial. Nun dominio coral do equipo local Urdi, co seu dobrete, e Vila, colocando o balón na escadra da portería rival para pechalo resultado, foron do máis destacado do enfrontamento.

Cuarto é o Catro Roldas que sumou un triunfo de mérito pola mínima diante do Sober. O conxunto adestrado por David Lorenzo presentouse só con once xogadores disponibles, que quedaron en dez no último cuarto de hora por lesión dun compañeiro. Volveu a posicións de ascenso o Cervo (empatado coa Comercial que é sexta) que empatou a dous goles diante dun Fonsagrada que non acaba de arrincar nesta fase, pero que foi quen de igualar o 2-0 que tiña de vantaxe o equipo local.



 

No Trofeo Delegación de Lugo, no grupo norte, o Muimenta é máis líder ao gañar o quinto enfrontamento consecutivo, desta volta ante o Rioaveso a domicilio. O grupo adestrado por Basi volveu amosar unha gran solidez encabezada por Julio (autor dun dos cinco goles) e Adrián na liña defensiva, xunto co traballo de Hugo Engroba na dianteira. A boa nova para o equipo do Rioaveso estivo no regreso de Cleno. A catro puntos queda agora o filial do Friol, despois de empatar a catro goles ante o Celeiro (acabou o partido con nove xogadores) nun partido vibrante e con varias alternativas no marcador. Issam e Isaac sobresaíron no conxunto friolés con cadanseu dobrete; mentres que no Celeiro nun bo encontro de todo o equipo, Martín Prado destacou cos dous primeiros goles do choque. O Cazás sumou a primeira vitoria desta fase ao derrotar a domicilio a un Celta Barreiros indignado coa actuación arbitral. Juan Rey foi un dos destacados ao marcar un gol olímpico.

No grupo sur, o Paradela suma e segue ao conseguir a súa cuarta vitoria no seu cuarto partido de campionato. Derrotou pola mínima a un Relámpago Taboada que puxo resistencia, pero que se atopou co gardamallas Víctor. A tres puntos está o Guntín que sumou o seu segundo triunfo seguido vencendo con claridade ao Laxosa. Tamén a tres do líder está o Río Sil que venceu ao FC Becerreá nun partido no que o Becerrá sempre estivo metido. O conxunto preparado por Juan Diéguez tivo a boa nova do regreso de Dani Melo que volveu con gol despois de estar cinco meses lesionado.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *