A Terceira Rexional volveu de novo á competición despois do segundo parón case consecutivo e como curiosidade, o Quiroga regresou á cabeza da clasificación sen xogar esta xornada, debido a derrota do Paradela. No zona norte, o Muimenta continúa mandando no liderado pero co Celta Barreiros e co Fonsagrada moi de preto. Nunha fin de semana na que tamén prolongou o seu período sen partidos o Río Sil.
No grupo norte, o Muimenta estreou nova equipación e continúa como líder ao remontar o seu partido ante un Lugo Unión que volveu deixar unha boa imaxe pero non foi quen de trasladala ao resultado. Diego na defensa e Hugo e Fer no ataque foron os destacados do cadro celeste. Séguelle en postos de ascenso directo o Celta Barreiros que venceu con claridade ao Friol B nun choque no que luciu Álvaro con dous goles; un a balón parado e outro de vaselina dende fóra da área despois dunha carreira na que se anticipou aos rivais. Tamén se estreou como goleador a última fichaxe, o dianteiro Xian. Empatado a puntos co cadro da Mariña atópase a Fonsagrada que volveu ao camiño da vitoria nun encontro con alternativas ante un Catro Roldas que non puido sumar a terceira consecutiva. Javi Freijo foi o xogador máis diferencial nos locais. Forlín tivo que volver poñerse baixo paus nos visitantes pola falta de porteiros e Mario foi o máis sobranceiro dos seus.
Tamén mantivo a boa dinámica o Matela diante do Celeiro. Maikel, con tres goles, e Xurxo guiaron ao conxunto de Outeiro. Cos mesmos puntos están o Alfoz, o equipo máis en forma do grupo ao sumar o cuarto triunfo consecutivo ante o Cazás, e a Milagrosa que venceu con claridade no marcador ao Rioaveso. No cadro alfocense Dani, que marcou o primeiro gol, Sousa, que anotou o segundo e Jonathan foron os máis destacados ante un Cazás no que salientou o traballo de Héctor.
No grupo sur, o Quiroga descansou pero ao mesmo tempo recuperou o primeiro posto xa que o Paradela caeu ante o Castroverde e pasa a ter un gol menos a favor ca o Quiroga no global de goles. Encontro no que cambiaron a orde das voltas e foi disputado no Veiga do Olmo xa que o Gandarón aínda non está dispoñible. David Muñiz marcou os dous goles e xunto con Marcos Gemelo foron os guías da vitoria. Ademais regresou ao equipo Alberto Rois, o gardamallas xogou o seu primeiro encontro do curso e non encaixou ningún gol. Non quere renunciar aos postos de ascenso directo o Antas que está nunha boa xeira e venceu ao Lemos B. Xurxo foi un dos protagonistas cun dobrete, acompañado tamén polo bo traballo de Cristian e de Miguel. Aínda así, o resultado foi máis abultado para o visto sobre o terreo de xogo.
O Sober métese en postos de promoción de ascenso coa súa vitoria ante un Rubián que non foi quen de termar do 0-2 que tiña o seu favor (cun gran gol de Gerardo incluído). No último tramo do choque o cadro soberino recuperou o ritmo competitivo e foi quen de remontar cun gran papel de Jacobo Saa e Carlos Viana que marcou un dobrete. A xornada tamén nos deixou o derbi inédito taboadense que se xogou en Antas (por obras na Medela) e con vitoria contundente do Relámpago fronte ao Taboada B. Yoni sobresaíu con tres goles e dous pases de gol.