Dúas xornadas quedan por disputarse na Segunda Galicia con tres prazas de ascenso en xogo e nove equipos loitando por elas. No norte, manteñen os seus postos Burela e Pol, pero seguidos de preto polo Folgueiro e con algo máis de distancia por Guitiriz e Cabreiros. No sur, o Friol xa é campión pero a segunda posición está moi apretada co Chantada Atlético, Chantada B, San Lázaro e Oural na pelexa.
Friol celebra o campeonato de Liga 2017/2018 pic.twitter.com/NDGTjtHKIF
— Friol B Club Fútbol (@BFriol) April 16, 2018
No norte, o Burela mantén a súa condición de líder e sabe que depende de si mesmo para subir de categoría. O equipo burelao derrotou con claridade ao Cospeito na Marosa. Tamén depende únicamente dos seus resultados o Pol que segue coa súa boa traxectoria ao sumar o sétimo triunfo consecutivo logo de vencer ao Roupar. Non obstante, o Folgueiro ten os mesmos puntos ca o cadro polense, con seis vitorias seguidas despois de derrotar na súa visita ao Alfoz. A cinco puntos atópanse o Guitiriz e o Cabreiros. O cadro adestrado por Delfín Romero sumou a décimo oitava vitoria do curso diante do Abadín; mentras que o equipo dirixido por José Manuel batiu nun duelo directo ó Lourenzá a quen deixou sen opcións de ascenso.
Na zona media segue medrando na clasificación o Iberia que xa é oitavo logo de vencer ó Ourol. Tamén a Candelaria que chegou ao décimo posto logo dunha gran traxectoria na segunda volta que segue completando neste tramo final de liga, como a vitoria no campo do Matela. Tamén foi importante a vitoria do Mondoñedo (a segunda consecutiva) por ser ante un rival directo como o Meira. Unha xornada na que ningún dos últimos cinco clasificados sumou puntos.
No grupo sur, o Friol festexou o ascenso e completouno co campionato de liga logo de derrotar na Reigosa ao Castroverde. Un fin de festa perfecto para vivilas dúas últimas xornadas con tranquilidade. Agora a segunda praza é ocupada polo Chantada Atlético que derrotou á Milagrosa e aproveitouse da derrota dos seus veciños do Chantada B ante un Antas que respira. Non obstante, os dous equipos da vila do Asma están empatados a puntos, cun de vantaxe sobre o San Lázaro que se sobrepuxo do bache das anteriores xornadas e venceu ao Santa Comba logo de remontar un 0-2 en contra. Na pelexa a tres puntos tamén está o Oural, a pesar da súa derrota ante a SD Becerreá que completou un dos mellores partidos campionato.
Na zona media, o Palas lidera a pelexa pola sétima praza ao batir pola mínima ao pechacancelas Rubián. Nesa pelexa tamén está Monterroso B que venceu pola mínima ao Brollón. No filial monterrosino debutou o xuvenil David Quintá (ex do Pabellón) quen en tres minutos foi capaz de marcar o gol que lle deu os tres puntos ao seu equipo. É o xogador número 41 que disputa minutos neste curso co Monterroso B. Na zona baixa, ademais da vitoria do Antas, volveu sumar de tres o Portomarín ao batir a un rival directo como o Sporting Lucense.