Os onces da vixésima xornada na Segunda

 

Novo líder no grupo norte da Segunda Galicia. O Burela aproveitou os resultados da xornada, xunto co seu duelo directo ante o Cabreiros para colocarse na cabeza da clasificación. No grupo sur, continúa a gran xeira do Friol que mantén diferenzas co segundo clasificado, pero auméntaa co terceiro posto que agora ocupa o San Lázaro.

No grupo norte, o Burela derrtou pola mínima o Cabreiros e colocouse líder da categoría en solitario cunha diferenza de tres puntos sobre o Guitiriz. O conxunto adestrado por Delfín Romero caeu na Fonte ante o Cospeito. Un penalti na segunda metade decidiu o encontro. Preto dos postos de ascenso directo segue o Pol, que conseguiu a súa terceira vitoria dende a chegada do técnico Roberto Rielo; venceu tamén pola mínima ao Abadín. Na pelexa tamén seguen o Folgueiro que derrotou ao Matela (o equipo de Outeiro de Rei foi cos xogadores xusto para o partido, dous deles lesionados e o segundo porteiro xogando de futbolista de campo), o Cabreiros a pesar da súa derrota e o Lourenzá, que sumou o seu segundo partido perdido ante un Candelaria que xa chegou a zona morna da clasificación.

 

Segue sumando o Roupar que igualou na casa ante o Meira e mantense nunha cómoda posición. Venceu por segundo partido consecutivo o Mondoñedo, desta volta ante o Iberia. No duelo entre os dous equipos que ocupan prazas de descenso o Alfoz alimenta as súas esperanzas de salvación ao derrotar ao Ourol. É a primeira vitoria dende a chegada ao banco de Paquito.

No grupo sur, o Friol mantense intratable na cabeza da táboa clasificatoria logo de vencer con claridade ao Sporting Lucense. Mantén diferenzas co Chantada B, que tamén gañou ante a Milagrosa. Terceiro xa é o San Lázaro que derrotou ao Palas e segue coa súa boa xeira, doce encontros sen perder. Quen perdeu posicións foi o Oural que caeu ante un Castroverde que colle folgos. Ademais tivo a boa nova do regreso de Gabi, que fixo un gran encontro, despois de levar sen xogar dende o mes de outubro por unha lesión. Outros dos candidatos na zona alta empataron na fin de semana. O Chantada Atlético ante o Brollón e o Santa Comba ante o filial do Monterroso.

 

Na zona morna a SD Becerreá perdeu no Castro Seoane ante o Antas. O equipo adestrado por Diego Gallego volveu gañar despois de once xornadas sen facelo. Vitoria importante tamén do Portomarín ante o Rubián, a segunda consecutiva do equipo preparado por Manu que continúa na boa progresión.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario