#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da sexta xornada na Segunda

A sexta xornada na Segunda Galicia trouxo cambio de líder no grupo segundo, despois de que o Oural lle gañase ao Chantada B nun dos duelos estelares da xornada. No norte, o líder segue sendo o Guitiriz pero a clasificación aprétase con varios equipos moi igualados.

No grupo norte, o Guitiriz empatou na casa do Roupar nun partido no que non houbo lucidez en canto aos ataques. Este empate aproveitouno o Burela, o Pol e o Cabreiros para achegarse na táboa clasificatoria ao líder. O Burela venceu ao Abadín, o Cabreiros ao Matela e o Pol ao Mondoñedo. O Cospeito colleitou a súa segunda derrota consecutiva ante o Lourenzá que vai de menos a máis, sumou a súa segunda vitoria consecutiva nun partido con marcador axustado pero que puido sentenciar moito antes. O Meira tamén volveu ao camiño do triunfo despois de derrotar a un Ourol que segue sen puntuar. O Iberia impide o rexurdir do Alfoz e o Folgueiro mantén na súa xeira negativa a Candelaria.

No grupo sur, o Oural derrotou o Chantada B, ata entón líder da categoría, cun claro 0-3 no Sangoñedo que os coloca á fronte da clasificación por diante do seu rival. De preto séguelles o Friol que venceu ao Becerreá e tamén o Chantada Atlético, a pesar do seu empate co Antas. Conseguiu a súa segunda vitoria consecutiva o Santa Comba despois de cortar a progresión do Rubián. Tamén volveu gañar o Palas que venceu a un Portomarín que segue con só doce xogadores dispoñibles, o Monterroso B que derrotou a unha Milagrosa que está indo de máis a menos, o Brollón que superou ao San Lázaro e o Sporting Lucense que fixo o propio na Veiga do Olmo ante o Castroverde.



2 Comentarios

  1. Sisibaba
    18th Oct 2017 Reply

    O líder do grupo sur é o Oural, non o Ourol. Este erro xa é repetido moitas veces

    • Iván Calaza
      19th Oct 2017 Reply

      Toda a razón, desta volta xa foi correxido e tentaremos que non se repita. Mil desculpas

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *