Os onces da 9ª xornada na Segunda

A novena xornada trouxo cambio de líder no grupo norte e unha redución das diferenzas na cabeza da zona sur. O Folgueiro aproveitou a única derrota ata o momento do Guitiriz para colocarse primeiro e demostrar que é o equipo máis en forma da categoría. Ademais, a xornada recuperou a un dos goleadores de sempre e engadiu a un gardamallas de luxo para a división.

No grupo norte, o Folgueiro derrotou ao Goiriz, enlazou o oitavo triunfo consecutivo e ascende ao primeiro posto da táboa clasificatoria. O conxunto adestrado por Anxo é o terceiro equipo menos goleado da liga, en parte grazas ao traballo do seu porteiro Javi que polo momento non se perdeu ningún encontro. O liderado do cadro do Vicedo tamén vén dado pola primeira derrota do curso do Guitiriz. O conxunto adestrado por Delfín Romero non puido co Lourenzá nin tampouco co hat-trick de Iván Recalde. Continúa en postos de ascenso directo o cadro guitiricense, pero igualado a puntos cun Xermade que volve unir unha boa xeira ao vencer no Árbol ao Valadouro nun bo choque dos dous equipos. Diego Pellón puxo por diante ao seus (ían 1-1) cunha boa acción individual e Chungui anotou o último gol dende o medio campo. Tamén nun bo momento continúa o Roupar que derrotou a un Meira que fallou un penalti cando o marcador aínda non se movera e acabou pagando a súa falta de acerto.

Nese punto rómpese nestes intres a clasificación, xa que o seguinte en aparecer é o Cabreiros que venceu á Candelaria, siginificando así, o primeiro triunfo de Abel Rochela como adestrador. Aínda así, a Candelaria remontou o tanto inicial dos locais para posteriomente ser o Cabreiros quen volvese remontar cun dobrete de Borja Pellón. Despois de tres xornadas perdendo, o Mondoñedo volveu gañar, deixando así ao Cervo como novo pechacancelas do grupo. Iso que o cadro mindoniense quedou cun menos moi cedo pola expulsión de Lorigados. O equilibrio de xogadores chegou na segunda metade cando Miguel Gomes do Cervo recibiu o segundo cartón amarelo. Nesa zona baixa destaca tamén o triunfo do Abadín a domicilio ante a Comercial e a primeira vitoria da campaña para o Cospeito ante o Iberia. O cadro de A Fonte recuperou o valor diferencial de Nano que marcou dous dos tres goles do seu equipo.

No grupo sur, o Guntín segue como líder pero só cun punto de vantaxe despois de empatar na súa saída ante unha SD Becerreá que recuperou sensacións e na que os xuvenís Santín, Javichu e Jose Lexo guiaron ao equipo. En zona de ascenso directo tamén está o San Roque que mantén a súa regularidade e impúxose con claridade no marcador ao Sporting Lucense con cadanseu dobrete de Borja Álvarez e Yaguito Valdés. A dous puntos sitúase o Palas que perdeu ante un Oural que uniu o seu segundo triunfo seguido e medra na clasificación. Coa mesma puntuación está o Bóveda que foi superior ao filial do Monterroso. Os dous inmediatos perseguidores son o Corgo e o Chantada B que colleitaron cadanseu empate. O Corgo na súa visita ao Brollón nun final trepidante cunha expulsión e un gol para cada equipo. O filial do Chantada nun dos duelos da parte alta da xornada ante un Portomarín ao que non lle chegou coa súa última incorporación, o gardamallas Viusky, para volver ao camiño da vitoria. O porteiro vilabés evitou o segundo e os locais aproveitaron para empatar ao final. Entre os dous equipos está o Ferreira que venceu ao Santa Comba nun enfrontamento no que primeiro o Ferreira errou un penalti e no que o cadro adestrado por Diego Mejuto tamén desaproveitou oportunidades claras.

Na metade da táboa atópase o San Lázaro logo de igualar nun encontro de seis goles co Incio. O equipo adestrado por Ángel Merino é o rei do empate nestes momentos da categoría con seis partidos finalizando con ese resultado. O Incio empatou o duelo nos últimos instantes grazas a un penalti marcado por Raúl Leizán. Sporting Lucense e Monterroso B continúan ocupando os postos de descenso directo.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario