Os onces da 2ª rolda da Copa 2019 (2ª e 3ª Rexional)

A Copa dos equipos da Segunda e da Terceira continúa avanzando e chega aos oitavos de final. Logo duns dezaseisavos con algunha sorpresa. Houbo de novo un partido suspendido. Ao Guitiriz e ao Roupar indicáronlles que deben rematar o seu partido este venres. A un dos dous agárdaos o Folgueiro xa o domingo. Mantéñense na competición tres equipos da Terceira Rexional.

Na zona norte, o encontro entre o Guitiriz e o Roupar foi suspendido no minuto 53 con empate sen goles, segundo recolle a acta arbitral. O colexiado decidiu suspender o partido por mor das reiteradas actitudes contra a súa persoa en forma de insultos por parte da afección local e a indecisión de que lle chamaran á Garda Civil. Así polo menos o recolle na acta. O Comité de Competición decidiu que o tempo que faltaba debese xogar este venres. O Guitiriz xa amosou que non estaba de acordo nun comunicado que podedes ler aquí. Informaremos ao longo do día de hoxe máis en profundidade da situación. O domingo, en teoría, o Folgueiro agarda rival no Boavista. Derrotou na eliminatoria de ascendidos (cada un a unha categoría) ao Alfoz. O cadro local non lle chegou co golazo de Dani Río e remata unha gran tempada.

Unha das grandes sorpresas desta rolda foi a eliminación do Lourenzá. O cadro laurentino foi superado na súa casa polo Meira. Para que algo así ocorra, téñense que dar varias circunstancias. Unha indubidable. O traballo colectivo de todo un Meira. Nos oitavos agarda o Mondoñedo. Venceu a todo un Xermade pola mínima. Último partido coa camisola do cadro xermadino do gran capitán, Rubén Pena. Pola súa banda, o Cazás levaba máis de dúas semanas agardando rival en oitavos. Agora xa o sabe. Enfrontarase á Comercial no Catro Ventos. O conxunto capitalino derrotou na quenda dos penaltis á Candelaria na Granda (2-4). A outra eliminatoria de oitavos da zona norte xogarana o Cabreiros e o Goiriz. O conxunto da Cea venceu a domicilio ao Abadín. E case chega a fase decisiva da Copa con sorpresa en forma de fixache. Non se deron resoltos os problemas administrativos. Chegaron tarde os papeis. Senón Pablo Vivero sería a incorporación estrela do Cabreiros para a Copa. Para botar unha man. Faríao polos lazos familiares que o unen a parroquia xermadina e tamén por ser un equipo no que xogou seu pai. Esta temporada xa non vai ser posible. Pola súa parte, ao Goiriz tamén lle caeu ao seu favor o pase nos penaltis (3-4). Nos noventa minutos empatou a un gol co Iberia. O gardamallas Marcos parou o tiro dende os once metros que resultou decisivo.

Na zona sur, houbo só unha eliminatoria que se resolveu dende o punto de cal marcado dentro da área. O Sober e o Palas igualaron sen goles. Despois o conxunto da Ulloa estivo máis acertado (3-5). Os pupilos adestrados por Quintela terán que repetir visita. Desta volta aos Medos. O Brollón foi outra das sensacións nos dezaseisavos. Superou ao recén ascendido San Roque por dous goles de vantaxe.

O Antas foi un dos que superou a un equipo da Segunda. Venceu pola mínima á SD Becerreá. Houbo momentos para os dous equipos. O acerto dos locais e bo facer de Cristian foi chave. O gol olímpico de Dani López non serviu para o pase do Becerreá. Nos oitavos xogará co Bóveda. Os xogadores preparados por Cabanelas superaron pola mínima ao Portomarín. Non tiveron acerto os pupilos adestrados por Fernandito que poñen fin a unha tempada irregular. No duelo de filiais tamén venceu o cadro de Terceira. O Lemos B gañou ao Chantada B cun gol de Álex de la Fuente. Xogará agora co Oural. O equipo dirixido por Negrete derrotou a un Santa Comba no que Rodrigo volveu cubrir ben a baixa de José Ángel na porta.

A outra eliminatoria da zona sur será entre dous dos equipos máis en forma do fútbol lucense. Un ascendido e outro que estivo a piques de facelo. O Guntín e o San Lázaro buscarán un sitio nos cuartos de final. O Ladairo non para de ver fútbol. Na pasada finde o seu equipo venceu con claridade ao Ferreira. Con máis superioridade aínda derrotou o San Lázaro ao Incio. Apunta a que será un dos grandes duelos desta Copa 2019.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario