Os killers da provincia volveron ao seu máximo esplendor na 22ª xornada da Segunda Rexional. Os perseguidores comandados por Aurelio e Recalde aumentan a presión sobre un Guitiriz que mantén o liderado a pesar do seu empate ante o Mondoñedo. O Abadín e o Meira deron un paso importante de cara a salvación. No grupo sur, o Palas volveu ao camiño da vitoria e o Oural métese por primeira vez na temporada en postos de ascenso directo. O San Lázaro e Sporting Lucense collen aire no seu mellor momento da temporada.
No grupo norte, o Guitiriz mantén unha semana máis o primeiro posto da clasificación grazas a un gol nos últimos intres no seu duelo ante o Mondoñedo. Un punto que lles vale para manterse por riba do Folgueiro, aínda que empatados na táboa clasificatoria. O cadro adestrado por Anxo goleou á Comercial. O equipo capitalino acudiu a cita só con 11 xogadores. Aurelio volveu ao seu hábito natural e marcou un novo hat trick. Tres tamén foron os goles de Iván Recalde no triunfo do Lourenzá ante o Iberia. O conxunto laurentino está a espera do fallo dos seus rivais. O gol de Xavi nos últimos minutos do partido ante o Cervo, mantén ao Xermade na pelexa. Ao igual ca o triunfo do Roupar cun Goiriz que se mete en zona de perigo.
O Abadín e o Meira encabezan os triunfos importantes da xornada. Os pupilos adestrados por Óscar Pol ocupan a sétima praza. Seijo ratificou o seu bo momento tamén con tres goles. O seu triunfo ante o Cospeito permítelles ampliar a diferenza co descenso directo. 9 puntos cando quedan 24 en xogo. Mesma distancia ca ten o Meira. Superou a un Cabreiros que non é quen de facerse cos partidos cando se pon por diante. A Candelaria logrou tamén tres puntos supremos. Derrotou nun duelo directo ao Valadouro. Os do Árbol quedan á beiriña dun descenso directo que continúa ocupado polo Cospeito e polo Cervo.
No grupo sur, o Palas despexou dúbidas despois da última derrota. Derrotou a un Incio e recuperou o olfato goleador de Juanjo (dobrete). Non obstante, cambiou a súa compañía das posicións de ascenso. O Oural comezou o curso con tres derrotas consecutivas e ocupando a zona baixa da táboa. A súa vitoria ante un rival directo como o Bóveda colócaos na segunda posición por primeira vez no ano. O Guntín e o Corgo tamén sumaron de tres na parte alta. Os xogadores preparados por Martín Rodríguez venceron pola mínima ao Portomarín. Os de Vivian Dors derrotaron á SD Becerreá. Un choque con nove goles e con intercambio de futbolista. Alejo estreouse coa camisola da SD Becerreá ante os seus ex compañeiros. Foi un dos goleadores do encontro.
Na xornada o paso adiante dérono o San Lázaro, o Chantada B, o Brollón e Sporting Lucense. Os catro equipos sumaron vitorias sobranceiras de cara a salvación. O equipo da Ponte non perde dende a chegada de Diego Rey ao banco. Sumou 10 dos últimos 12 puntos en xogo. Vitoria pola mínima ante un San Roque que é terceiro. “Foi o partido máis redondo de todo o ano para o Chantada B” en palabras do seu adestrador Rodrigo Amarante. O filial chantadino gañoulle a un Santa Comba que nos últimos minutos botou man do seu porteiro suplente. Rodrigo non entrou para suplir a José Ángel, pisou céspede para xogar de dianteiro. O Brollón superou a un Monterroso B que se adiantou no marcador. Un penalti desequilibrou a balanza. Chama a atención a espabilación do Sporting Lucense. Cinco partidos sen perder. A vitoria ante o Ferreira déixao seis puntos por riba dun descenso integrado pola SD Becerreá e o Monterroso B.