Os onces da 20ª xornada na Segunda

O Guitiriz e o Folgueiro collen distancia na parte alta do grupo norte ao derrotar aos dous equipos de posicións de descenso directo. Aproveitaron a derrota do Lourenzá que volveu perder quince partidos despois. Unha xornada na que apretaron por abaixo un Valadouro sen adestrador, a Comercial e tamén o Iberia. No grupo sur, o Palas deu outro golpe na mesa e chega aos 40 puntos; mentres que o Bóveda métese de novo en postos de ascenso. Sporting Lucense e SD Becerreá apretan a zona baixa.

No grupo norte, o Guitiriz continúa marcando o ritmo cunha vitoria clara na casa ante o Cervo. Os visitantes aguantaron o primeiro tempo, pero os erros atrás condenárono no segundo. Javi “Tanketín” anotou un dobrete. Na segunda posición mantense o Folgueiro que derrotou como local ao Cospeito. Os pupilos de Anxo aproveitaron o balón parado. Así marcaron dous dos seus tres goles no choque. A distancia co terceiro clasificado é maior esta semana debido a meritoria vitoria do Abadín ante o Lourenzá. Aínda así, Iago baixo paus foi un dos máis destacados (incluído dobrete de Seijo) a pesar do resultado. O cadro adestrado por Diego Rego non perdía dende o 30 de setembro. Tentando manter opcións están os conxuntos xermadinos. O Xermade venceu á Candelaria co regreso de Chungui despois dun tempo de baixa e que non faltou a súa cita co gol. Pola súa banda, o Cabreiros sacou tres puntos do Ventiño; a pesar de que o Goiriz se adiantou no marcador. O dobrete de Isma resultou decisivo para os seus. Pola contra, o Roupar caeu ante a Comercial e é sexto clasificado.

A partir de aí a clasificación está rota e con alternativas. O sétimo esta semana é o Abadín. A súa diferenza cos postos de descenso directo é de sete puntos. Nesa loita destacou o triunfo do Valadouro nun duelo directo ante o Meira. Adrián abriu e pechou o marcador. Polo medio, nos locais entrou Farra para marcar o seu gol e poñer en apretos a Tomás. Á comentada vitoria da Comercial pola mínima con gol de Javi Saavedra, sumóuselle na zona baixa o Iberia que logrou tres puntos importantes ante o Mondoñedo. Os mesmos puntos que conseguiron neste partido é a distancia que os separa dos postos de descenso ocupados polo Cospeito e o Cervo.

No grupo sur, o líder Palas superou ao San Roque, que chegaba á fin de semana como segundo clasificado. Os visitantes abriron o marcador, lograron empatar logo da remontada momentánea do Palas, pero xa non puideron coa recta final dos locais. Agora o segundo clasificado é o Bóveda. O cadro adestrado por Cabanelas venceu pola mínima a un bo Incio que non estivo atinado de cara o gol. Non baixan a garda Guntín e Oural. O cadro adestrado por Martín venceu ao Chantada B aínda que non de xeito tan cómodo como semella indicar o resultado (4-0). O que non se discutiu no Ladairo foi o golazo de Rubén Pena. Pola súa parte, o Oural venceu pola mínima ao Brollón. Un novo gol de Marino (leva doce) resultou chave. Tamén triunfou o Corgo coa súa vitoria ante o Portomarín nun encontro con 8 goles. Da parte alta fallou o Ferreira na súa visita a un San Lázaro á alza. Sumou a segunda vitoria consecutiva coa chegada de Diego Rey e xa ocupa a 8ª posición que neste momento fai de fronteira entre a parte alta e a baixa. 8 puntos de marxe con respecto ao descenso.

Na zona baixa, sobresaíron os triunfos do Sporting Lucense e da SD Becerreá que poñen cara a salvación na categoría. Os pupilos de Lolo derrotaron pola mínima ao Santa Comba. Os visitantes estaban mermados polas baixas. E durante o partido perderon a tres dos seus por cadansúa lesión. Brochas, Omar e Jonny. No duelo do descenso saíu vitorioso a SD Becerreá ante o filial do Monterroso. Tres puntos para a esperanza de loitar ata o final. O Monterroso B coa ilusión de conseguir acabar o ano e co mérito de que a maioría do cadro xuvenil está xogando en Segunda Rexional.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario