Os onces da 16ª xornada da Segunda

Dos seis equipos que encabezan a clasificación da Segunda Rexional no grupo norte, só o Lourenzá foi quen de gañar no duelo directo co Roupar. Aínda así, o Folgueiro e o Guitiriz mantéñense en postos de ascenso directo no inicio da segunda volta. No sur, si que gañaron os dous primeiros; o Palas e o Bóveda. Este último nun duelo directo ante os veciños de Pantón.

No norte, destacou o triunfo do Lourenzá ante un Roupar á baixa nas últimas xornadas (catro sen gañar). Pichi marcou o seu primeiro gol do curso e Iván Recalde culminou o resultado cun dobrete. O cadro adestrado por Diego Rego colocouse a un punto da zona de ascenso. Alí continúan o Folgueiro, como líder, a pesar da súa derrota ante o Mondoñedo. O equipo mindoniense remontou na segunda metade o 2-0 en contra. Un dos protagonistas foi Jacobito, que xogaba o seu primeiro encontro logo da súa fichaxe. Marcou un dobrete (Aadil tamén marcou outro) e o Mondoñedo confía en que volva a ser o goleador que foi noutras temporadas. Pola súa banda, segundo segue o Guitiriz que empatou no campo do Abadín nun duelo que rematou con 6 goles.

O Xermade leva dúas derrotas seguidas, despois de perder no Ventiño ante o Goiriz que se mantén na zona media. Tres puntos con remontada incluída. Tampouco venceu o Cabreiros que igualou na súa visita ao Pichón de Muimenta para xogar co Cospeito. O campo da Fonte atópase en obras nos seus vestiarios. Dende o cadro xermadino mostraron o seu descontento coa actuación arbitral. No resto dos encontros, destacou a vitoria do Meira pola mínima ante a Candelaria (os dous equipos quedan igualados na clasificación a 18 puntos) co noveno gol de Farra. Tamén venceu o Cervo na casa do Iberia, aínda que o cadro adestrado por Jesús Martín continúa en postos de descenso directo. Noutro duelo directo da xornada, a Comercial e o Valadouro empataron a dous goles na estrea do banco do cadro de Ferreira de Rubén Barrios.

No grupo sur, o Palas mantense na cabeza ao vencer ao Sporting Lucense con tres goles no segundo tempo. Acompáñao en posicións de ascenso o Bóveda, que derrotou ao Ferreira nun dos duelos directos da xornada. O cadro de Cabanelas estivo máis acertado e aproveitou os erros do rival. Agora os perseguidores están a catro puntos do ascenso empatados a 26 puntos. De todos eles, nesta xornada gañou o Oural con claridade ante outro perseguidor que se queda por abaixo na clasificación, o Portomarín. Marino foi protagonista cun dobrete. Pola súa banda, o Guntín e o Corgo empataron entre eles a dous goles. O San Roque leva cinco xornadas sen gañar, despois de perder ante o Brollón.

Na zona media destacou o triunfo do Chantada B no duelo de filial ante o Monterroso B. Tamén venceu o Santa Comba ante o San Lázaro para sumar a segunda vitoria seguida do equipo adestrado por Diego Mejuto. Tamén sumou o segundo triunfo consecutivo o Incio nun duelo directo para evitar os postos de descenso co Becerreá.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

Deja un comentario