Os Máxicos seguen dando guerra na Primeira

Unha semana máis, os Máxicos Salvatierra Abogados ofreceron un domingo de bo fútbol, con moita igualdade e intensidade, tal e como anticipamos na nosa previa.

Oural e Racing Villalbés ‘B’ abriron a xornada cunha igualada (1-1). Os Máxicos sarriáns foron superiores ao longo da primeira metade, con ata 4 ocasións claras que non conseguiron anotar. Tras a reanudación, os de Negrete volcáronse pola victoria e os chairegos aproveitaron esa ansiedade e un erro local para castigar co 0-1. Porén, o Oural empatou pouco despois e, co electrónico igualado, ambos cadros procuraron unha victoria que non chegou para ningún dos dous lados.

O Outeiro cumpre diante dun impotente San Lázaro (0-4). Chegaron os goles do Outeiro en momentos chave: o primeiro ao pouco de comezar o choque e o segundo xusto ás beiras do descanso. Por iso, e aínda que o San Lázaro —sobre todo no primeiro tempo— inquedou a meta de Pacio, os Máxicos visitantes tiraron de efectividade para ampliar a renda na segunda metade e sacar tres puntos moi importantes na loita pola permanencia.

O Santaballés sorprendeu no derbi chairego dos Máxicos

O Foz supera ao Pastoricense (2-1). O xogo vertical de ambos conxuntos traduciuse en numerosas ocasións para ambos: o Pastoricense viu como Trullo detía as súas, mentres que o Foz se adiantou nunha boa transición rematada por Moreda. Ao comezo da segunda metade, un novo contragolpe permitía aos Máxicos mariñáns poñer o 2-0. Porén, o Pastoricense adoptou un fútbol máis directo que lle valeu para provocar un penalti, anotalo (2-1) e apretar aos locais —que tamén gozaron de opcións para sentenciar—, pero o marcador non se moveu máis.



A SD Chantada racha coa xeira do Guntín (3-0). Os de Traste comezaron mellor no Sangoñedo e, antes do 10′ de xogo, unha acción por banda de Joserra rematou cun centro no que Manu definiu á perfección. O dominio local obrigou aos Máxicos laranxas a trocar o seu sistema, pero non puideron evitar tampouco o 2-0 de David, cun bo remate desde dentro da área. Na segunda metade, o Guntín levou a iniciativa, mentres que a SD agardaba as transicións para facer dano. Pablo sentenciou na primeira da que dispuxo e, desde o terceiro gol, os visitantes inquedaron a meta chantadina con disparos de fóra, pero non foron quen de anotar.

O Monterroso vence na casa ao Lourenzá (1-0). Os Máxicos vermellos fixéronse fortes nun Cerdeiriños en moi mal estado e superaron en intensidade a un Lourenzá que non atopou a chave e non foi quen de igualar a agresividade local. Os visitantes protestaron unha pena máxima que non foi sinalada e Raúl aproveitou unha indecisión na zaga laurentina para poñer o 1-0 antes do descanso. Na segunda metade, o Monterroso mantivo a renda ao evitar as progresións dun Lourenzá que saiu moi amolado coa permisividade arbitral.

O Meira cae ante unha Residencia eficiente (0-1). Adiantáronse os visitantes nunha clara oportunidade de Javi Calderón antes do descanso, e desde o gol os Máxicos branquiazius mantiveron a renda e non deron opción a un Meira comandado por Pachín e Alonso, pero que non foi quen de igualar o electrónico e o resultado definitivo foi de victoria pola mínima para a Residencia nun partido pechado e pouco vistoso.



máxicos última

O Taboada supera a un Chantada Atlético que chegou tarde ao partido (1-0). Os Máxicos locais foron moi superiores na recta inicial: chegou o gol e gozaron de vinte minutos con ocasións moi claras para ampliar a renda e tan só Ivi mantivo con vida ao Atlético. Xa na segunda metade, os axustes de Corredoira fixeron efecto e afundiron ao Taboada no seu campo, aínda que sen especial verticalidade. Os locais defenderon con gran oficio e evitaron o gol dun cadro chantadino que rematou amolado coa actuación arbitral, pois amosou un amplo número cartóns.

O Xove Lago empata cun Burela ao que non lle fixo mal o punto (0-0). Resultado xusto no Municipal, aínda que Cora e Ces erraron claras oportunidades para un Xove que estivo a piques de sacar tres puntos diante do líder. Na segunda metade, o dominio posicional dos Máxicos visitantes non se traduciu en ocasións e os locais ameazaron con transicións que tampouco concretaron, polo que o marcador non se moveu.

O Castro cae diante dunha boa versión do Santaballés (1-2). Logo dunha primeira parte igualada na que as ocasións foron para ambos conxuntos, cun Santaballés repregado. Na segunda metade, un centro con moi mala intención do lateral Serra entrou na meta do Castro para poñer o 0-1. Iván González, porén, fixo unha xenialidade e definiu co interior do pé para poñer o 1-1. Desde o gol do empate, a igualdade foi a tónica dominante, pero un balón parado decidiu o choque a prol dos Máxicos de Freire, que asinaron un partido moi serio e completo.

A Milagrosa logra o mal menor co Vila do Corpus (1-1). Foi moito mellor o cadro lucense no Gorgoso, que neutralizou o xogo combinativo do rival cunha boa presión e con chegadas moi perigosas nas que tan só os paus e o gardamallas visitante evitaron o gol. O tanto do Vila do Corpus chegou na recta final da primeira metade, pero os Máxicos locais non baixaron os brazos e presionaron durante todo o segundo tempo para atopar o premio do empate no 96′. Con anterioridade, os albivermellos erraran unha pena máxima.



Os Máxicos seguen dando guerra na Primeira

Os pichichis da Segunda Futgal

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *