Cómoda vitoria do PM Friol ante o Parquesol
O CD Parquesol, en descenso, recibiu a visita das friolesas que nos primeiros 45 minutos despregaron un gran xogo, anotando catro goles, os catro das mesmas botas, as de Yoleidis.
Na segunda parte, o PM Friol relaxouse co resultado favorable, concendendo un gol do Parquesol que chegou de penalti. As friolesas, aínda que a medio gas, anotarían outros dous goles para rematar o partido cun 1-6 malia que a porteira local fixo un gran partido.

O CD Lugo non pode co As Celtas
Malia que o Lugo comezou dominando o partido, cunha boa primeira metade e un gran control do ataque das Celtas e, incluso, con algunha ocasión perigosa á contra, non puido parar ás celestes xusto antes de chegar aos vestiarios, cando anotarían o primeiro gol para marchar gañando ao tempo de lecer.
Xa na segunda metade o Lugo veuse abaixo mentres que As Celtas ían medrando, anotando ademais outros dous goles.



Un partido para esquecer do filial lugués
A primeira parte comezou coa Cultural Maniños metido atrás, sen o Lugo ser capaz de realizar ningunha xogada nin tiro a porta.
Xa na segunda parte, o CD Lugo B encaixou o primeiro gol ao pouco de comezar, no minuto 54. As xogadoras luguesas seguiron traballando, pero sen éxito, sen ser capaces de xerar ningunha ocasión mentres que o equipo local ten un man a man con Iyore.
Xa no 58, o colexiado expulsou a unha xogadora do Maniños por derribar, agarrando do cabelo, a unha xogadora albivermella. Mais, aínda cunha máis no campo, as luguesas non foron capaces de xerar ningunha ocasión de gol e, no 75′, sería o Maniños quen marcaría o segundo. Un partido do CD Lugo para esquecer.


O PM Friol B cae ante o Tordoia por erros propios
Non fixo moito o Tordoia para gañar o partido, pero os erros penalizaron ao PM Friol B malia xogar ben. As friolesas tiveron o balón, continuidade do xogo… e defendendo ben os sistemas do Tordoia.
Apenas tiveron ocasións as xogadoras do Tordoia na primeira metade, agás as de balón parado. As friolesas si tiveron un par de ocasións claras para pórse cun 2-0, pero non anotou.
Un penalti en contra xusto antes do descanso para o Tordoia puido adiantalas, pero parou Cris. Mais xusto na seguinte xornada, as rivais das friolesas si acertarían. Os erros e o cansanzo físico (o PM Friol B ten 7 xogadoras lesionadas) penalizarían ás friolesas que rematarían cun 2-4 no luminoso.

A SD Antas segue intratable
A SD Antas consegue remontar, tras o descanso, unha primeira parte para esquecer. O partido comezou con ocasións para as locais, as seoanesas, pero de novo a falta de contundencia arriba deixaba o partido aberto.
Un saque de porta sorprendeu á defensa local e o balón acabaría en saque dende o curruncho que, libre de marca, serviría para que o Victoria C anotara o primeiro (0-1). A porteira celeste, Ángela, evitaría o0-2 cunha gran parada nun libre directo.

Xa nos últimos minutos o Antas reaccionou tímidamente, conseguindo xerar ocasións e enviando o balón ao traveseiro.
No descanso, Lucía e Dana entraron ao terreo de xogo e as locais melloraron o seu nivel, dando unha versión totalmente distinta. Moitas ocasións e con moito ritmo de xogo, o que lles serviría para remontar o partido.

Nunha xogada individual de Dana, o balón chegaría a Jenny para que, dende fóra da área, golpeara polo alto para empatar o partido (1-1).
A SD Antas tivo moitas ocasións pero non foi ata os minutos finais cando Elisa, cun bo golpeo á saída dun libre directo, batería á porteira para pór o 2-1. De novo Jenny sería a encargada de anotar «o gol da tranquilidade» con outro golpeo dende a frontal.
A SD Chantada perde ante o Lóstrego
Nada máis pitar o inicio, Saray anotaría nun man a man contra a porteira, definindo pola escuadra para adiantar ás chantadesas (1-0). Porén, a partires de aí, foi o Lóstrego o que se lanzou ao ataque para buscar o empate, que chegaría no minuto 17, tras un rexeite nun saque dende o curruncho, cun gol dende fóra da área.
A partires dese momento, o dominio foi alternando e as ocasións repartíronse. Noelia tivo un man a man que enviou por riva do traveseiro e o Lóstrego, pola súa banda, contou cunha grande ocasión tras un saque de banda mal defendido polas locais, pero o disparo bateu contra o pau.

Tras o descanso o partido non mudou moito e houbo poucas ocasións. Noelia volveu ter unha oportundiade clara pero enviou o balón ao lateral da rede tras non ver o desmarque de Laura dentro da área. O que anotou foi o Lóstrego, nunha falta lateral rexeitada, puxo o 1-2 tras un bo control da número 9, Amanda, das visitantes.
A partires de aí a SD Chantada botouse arriba para conseguir o empate pero en dúas contras sería o Lóstrego o que se poría 1-4 nos últimos 5 minutos do encontro.
Festival de goles da Milagrosa
A Milagrosa firmou esta xornada o seu mellor partido no que vai de tempada, e fixérono a domicilio, na casa do Negreira. O equipo dirixido por Felipe atopou a súa mellor versión e Leire, no minuto 5, foi a encargada de abrir o marcador para a Milagrosa. Axiña marcaría Irene (no 8′) e se sumaría á festa Aurora (no 18′). Lucía tampouco fallaba á súa cita co gol, anotando no 25′ e poñendo o 0-4 no marcador en menos de media hora. No minuto 30′, o Negreira metería o seu único gol por medio de Lidia e, a partires de aí, a festa da Milagrosa seguiu medrando.

De novo Irene poría o 1-5 antes do descanso e, tras o paso polos vestiarios, volvería anotar novamente (no 50′ e no 58′). Tamén Lucía sumaría no 53′ e no 75′ e Leire no 66′.
Resultado final: 1-10 con 4 goles de Irene, 3 de Lucía, 2 de Leire e 1 de Aurora.
O Carballedo cae no Catro Ventos
O partido entre o Carballedo e o Órdenes tivo dúas caras moi distintas, cunha primeira parte claramente dominada polas locais e onde remataron gañando 1-0 aínda que a vantaxe moito maior, xa que as de Sementa perdoaron varias ocasións calaras.
Porén, na segunda parte e logo dunha contra na que o Órdenes empata o partido, o Carballedo veuse abaixo moral e físicamente, unha situación que non desaproveitaron as visitantes, anotando outros dous goles ata o definitivo 1-3 que lles daría os 3 puntos.

Non hai quen pare ao San Lázaro
Malia que o San Lázaro saiu moi ben ao partido, na primeira transición que tiveron as locais, a SD Cruces, adiantáronse no marcador. Axiña empataría o partido Douaa, mais nunha falta dubidosa, sería o Cruces quen se volvería a pór por diante pese a que o San Lázaro era quen levaba a iniciativa.
O San Lázaro seguiu traballando e indo a polo partido grazas a un gol de Anita e, rápidamente, Iria (cunha gran acción individual) poría xa o 2-3 para que o San Lázaro se puxera por diante no marcardor antes de marchar aos vestiarios.

Na segunda metade, un par de boas intervencións de Jessi nos primeiros intres para salvar ao San Lázaro de recibir un novo gol. As luguesas seguiron insistindo e chegaron outros dous goles. Paola poría o 2-4 cun tiro dende a frontal e, xa cara o final, Irene sentenciou nun man a man diante da porteira.
O Monte Forte cae ante o Nicrariense nun encontro moi igualado
Partido moi desputado durante toda a primeira parte, con ocasións para ambos equipos. Mais no minuto 40′, a xogadora monfortina Sara Mougán sufre unha lesión no isquio que deixa ao seu equipo con unha menos sobre o verde, xa que o Monte Forte non tiña cambios.
Con esta situación, o partido púxoselle moi costa arriba ao Monte Forte, que o seguiu intentando, pero o gol tempraneiro que anotara Daniela para o Nicrariense no minuto 10′ mantiña ás visitantes por diante para que, no 64′ fora Xiana a que sentenciara o partido para o Nicrariense pese ao esforzo feito por un mermado Monte Forte.

Suspendido o encontro da Comercial ante o Resmón
As xogadoras de Vicky contaban con desputar o partido, mais o Resmón non compareceu, polo que todo parece indicar que se lles dará o partido por gañado ás locais (Comercial)
