Once da Xornada 33 na Primeira Galicia

Houbo festa en Cerdeiriños. E esa foi a do Outeiro de Rei. O cadro de Peón logrou o ascenso a Preferente Galicia tras mostrarse superior ao seu rival na pelexa: o Monterroso. O conxunto de Adrián Vázquez acusou en exceso os nervos e cedeu ante un Outeiro práctico e con claridade de ideas. De tódolos xeitos, temos que destacar o partidazo de Porto. Parecía todo un veterano na defensa. Precisamente os veteranos tiveron protagonismo destacado. O cadro azulón gañou o encontro no centro do campo. Alí, Cholas deu un clinic na súa segunda xuventude. E Álvaro Barja, que rematou de lateral, axudou ademais co primeiro gol. A única nota negativa desta festa do fútbol lucense puxérona un par de afeccionados que tentaron saltar ao banquiño do Outeiro de Rei. Unha pequena parte deste banquiño entrou ao trapo destes siareiros e aumentou aínda máis a tensión. O noso fútbol e o pedazo de espectáculo do pasado domingo en Cerdeiriños non merecían iso.

Agora ao Monterroso, só lle queda pechar a terceira plaza. Á que optará o Foz na última xornada. Os de Jesús Gayol sacaron adiante un partido duro e moi sufrido en Bóveda. Bruzos e Brais sobresaíron nos blanquivermellos, que remataron con dous lesionados: Nacho (esguince) e Gonzalo (golpe na cabeza). Ambos os dous evolucionan favorablemente e as súas doenzas non revisten gravidade. Outro dos choques da zona alta enfrontaba ao Santaballés e ao Riotorto. Un gol de Vérez e unha soberbia actuación de Alfonso deixaron os tres puntos na Liga. Ademais, a Residencia venceu sin atrancos ao Antas. Simón liderou a ofensiva dos da Cheda, que tiveron unha agradable sorpresa: a gran aportación do xuvenil Lucas no pivote. Falando de boas novas: Manolito. O punta do Valadouro asinou un hat trick para gañar ao Taboada nun choque no se rexistraron ata seis goles.

Cambiamos de terzo, e miramos a parte baixa da táboa. A pelexa por evitar os arrastres antóllase interesante de cara á última xornada. O Burela sacou adiante a súa ‘final’ ante o Xove Lago. Un gol de Raúl abriu a lata para os de Abel Eijo. O triunfo quedou na Marosa e agardemos que en Xove non se teñan que acordar deste partido. Porque un posible descenso do Lemos dende a Preferente Galicia os pode meter nun lío. Nesta bonita loita, o Chantada Atlético deu outro paso adiante tras vencer ao Pastoricense. Lois e Anxo tiraron do carro ante un dos conxuntos da zona alta da táboa. San Ciprián e Riotorto poden ser xuíces a próxima xornada destes posibles arrastres. Un San Ciprián que volveu de baleiro dun Páramo, que certificou a permanencia. Nas Rapadas brillou Borjita, no que puido ser o seu último partido coa elástica blanca. Un obxectivo xa inalcanzable para Milagrosa e Chantada B, que se viron as caras esta pasada fin de semana. Victoria pola mínima dos do Sangoñedo, con gran papel do central Jordi incluído.

 

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario