Dobrete de Pablo Porto e o Matela soña coa salvación

  • O Matela gañoulle ao líder con dous goles de Pablo Porto e saíu do descenso directo no norte.
  • Puntúan todos os equipos da zona baixa do sur
  • O Lemos B conta os dez partidos xogados na segunda volta por vitorias

Hai xornadas que parece que non se cren. A 26ª da Segunda na zona norte é un bo exemplo. Ningún dos catro candidatos ao ascenso e a praza de promoción gañou. O Guitiriz segue líder cun punto de vantaxe con respecto ao Folgueiro, que perdeu en Cabreiros. O Riotorto e o Alfoz desaproveitaron a oportunidade de recurtar máis puntos e quedan a catro e seis, respectivamente, da promoción.

Dous goles de Pablo Porto deixan sen manobra ao Guitiriz. A gran sorpresa do Matela permítelle saír dos postos de descenso directo, con dous de diferenza co Castroverde e tres co Sanci. Con todo, tanto a 13ª como a súa, a 14ª posición, serían esta semana de arrastre. Lembrade que se o equipo que xogue a fase de ascenso, sobe, liberaría unha desas baixadas en cadea. 

Pase o que pase, o Matela pode presumir de que lle gañou esta tempada no Municipal de San Lourenzo de Aguiar os dous primeiros clasificados da liga. En novembro derrotara ao Folgueiro, daquela con Cuchi de adestrador. As opción de salvación do equipo de Outeiro de Rei pasan por quedar antepenúltimo, que só haxa un arrastre dende a Primeira para a zona norte e que o equipo que xogue o play off do norte suba.

No caso de que a 13ª praza fose de arrastre, o Sporting Pontenova sería o perxudicado. O seu empate en Barreiros e o triunfo do Casás en San Cibrao deixaos a cinco puntos da 12ª posición.

No sur, o Becerreá e o Lemos B manteñen a fronte aberta polo ascenso. Dende que hai tres xornadas o filial lemista se acercou a un punto, ambos os dous gañan todo. O Becerreá superou a un San Roque, que xa está moi lonxe na clasificación, a 17 puntos. Pola súa parte, o Lemos B exhibiu o seu fútbol na Pinguela, factor que tampouco lle axudou ao Antas a facer un gran partido.

A igualdade continúa na parte baixa da que é difícil a falta de catro xornadas dicir quen está implicado na pelexa e quen non. Sen estar aínda salvados, o trío dos 35 puntos: Antas, Friol e Sarriana B, semella que non deberían pasar excesivos apuros.

Logo aparece un Portomarín con 33 puntos tras igualar cun bo Monterroso B. O club do Chao da Poza conta con catro de marxe con respecto as posibles posicións de arrastre.

Os dous triunfos seguidos danlle moito aire a un Paradela que suma 32 puntos. Mentres que o empate do Chantada B na casa do Páramo déixalle mellor sabor de boca ao filial chantadés que queda co gol average. Aínda así, aí a igualdade é total cos 30 puntos do Chantada B e 29 do San Lázaro e do Páramo. O San Lázaro tamén continúa coa súa gran segunda volta e volveu gañar no derbi co Santa Comba.

Sober e Monterroso B ocupan as posición de descenso directo. Sumaron cadanseu punto, pero quedan máis lonxe con respecto aos seus rivais. O Sober está a cinco puntos. Quédanlle dous duelos clave co San Lázaro e o Paradela. O Monterroso B está a seis puntos, pero ten un partido aprazado co Ferreira que pode ser determinante.

No aire, como xa comentamos, tamén está a configuración das categorías para a tempada que vén. A unificación da Segunda e da Terceira Futgal é unha posibilidade que está aberta. A finais deste mes poderase saber máis información sobre o asunto.

En #ONoso11AChaira express coñecemos os 22 futbolistas destacados da pasada xornada.

De acabar agora a liga:

Ascenso directo: Guitiriz e Becerreá

Promoción de ascenso: Folgueiro e Lemos B

Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo dun en cada grupo): Castroverde, O Páramo e San Lázaro

Descenso directo: Matela, San Ciprián, Sober e Monterroso B

Partidos pendentes de xogar:

  • Becerreá – Lemos B (01/05)
  • Monterroso B – Ferreira (01/05)

Dobrete de Pablo Porto e o Matela soña coa salvación

Dobrete de Pablo Porto e o Matela