O Viveiro racha a súa mala xeira a domicilio e a Sarriana remata a primeira volta no liderato

A xornada intersemanal deixounos na Terceira un empate no derbi provincial entre Racing Vilalbés e Polvorín e o triunfo do Viveiro no campo do Noia, o primeiro dos mariñáns a domicilio. Na Preferente, a Sarriana goleou ao Vitoria, o Lemos impúxose no campo do Mugardos, a Residencia arrancou un punto do campo do As Pontes, mentres que Ribadeo, Santaballés e Foz non foron quen de sumar. O Atlético Escairón afrontou a súa xornada de descanso.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

Luca´s Grill

O derbi da Madalena rematou cun xusto empate entre Racing Vilalbés e Polvorín (1-1).

Deportes Élide

Moita igualdade no derbi provincial de Terceira. O primeiro tempo foi de superioridade visitante. O filial albivermello, cun rombo no mediocampo, dificultou o xogo dos chairegos. As ocasións do Polvorín chegaron cun disparo de Ramos desde a frontal que detén Ángel e cun centro lateral que atopou un remate frouxo dentro da área. O Racing buscou o perigo nas transicións. A opción máis clara de gol tívoa Pedrosa, logo dunha xogada individual que un zagueiro salva cando o balón ía cara a portería.

Na segunda metade Simón Lamas modificou o sistema de xogo para defender mellor o xogo interior do Polvorín. O encontro abriuse e ámbolos conxuntos tiveron demasiadas imprecisións, en boa parte ocasionadas pola continua choiva que caeu sobre a Madalena. A ocasión máis clara tívoa Cuadrado, que non resolveu un man a man con Julen. Con vinte minutos gastados chegou o tanto visitante, obra de Ramos nunha contra. Costoulle ao Racing atopar o seu mellor xogo nos minutos posteriores ao gol, pero nun tiro desde fóra da área de Pedrosa que deu no pao, o rexeite aproveitouno moi atento Otero para igualar a contenda. Os últimos dez minutos foron de dominio local, con varias chegadas claras á área rival que non foron quen de resolver.

O Viveiro esquece a goleada no derbi coa súa primeira vitoria como visitante (1-2).

Tardou en chegar e foi in extremis, pero por fin o Viveiro sumou tres puntos lonxe de Cantarrana. Ademáis, diante dun rival directo pola permanencia como é o Noia.

Os mariñáns levaron a iniciativa do encontro, pero non eran quen de chegar con pereigo á portería rival. Tampouco os de Iván Carril atopaban ocos na zaga viveirense, pero a poucos minutos para o intermedio nun saque desde o curruncho o central Angelo adiantou ao Noia.

A reacción celeste non tardou en chegar. Aos catro minutos da reanudación, Tichu rematou ao fondo da portería un bo centro de Asier. Co marcador igualado, os de David Páez dominaron o encontro e crearon situacións de perigo para darlle a voltar ao resultado, a máis claras nas botas de Álex Meitín. Pero o tanto da remontada non chegou ata o tempo de prolongación. Do Carmo, que viña de entrar no terreo de xogo foi agarrado na área e o colexiado sinalou penalti. Xaime non errou desde os once metros e os tres puntos viaxaron cara a Mariña.

A goleada diante do Victoria permítelle á Sarriana rematar a primeira volta no liderato (0-5).

Encontro no que o conxunto sarriao foi moi superior ao seu rival, malia que na primeira metade os coruñeses non lle puxeran as cousas doadas aos de Edu Rodríguez. Ata a primeira media hora de partido, o Victoria fixo que a Sarriana xogase moi replegado e chegou a poñer en apretos a Javi Liz. Pero preto do minuto 30 Pancho acadou o primeiro tanto e a partir de aí o cadro lucense foi dono e señor do partido. Antes do intermedio, Mitogo ampliou as diferencias.

Na segunda metade, a Sarriana amosou un gran nivel, con e sen balón. En dous minutos, Gerardo e Mitogo sentenciaron o encontro. Moi preto do final, Diego Rey completou a manciña.

Golpe de autoridade do Lemos que dobregou ao Mugardos, un dos candidatos ao ascenso (1-3).

Moreno´s Pizza

O temporal de choiva e vento fixeron mella no estado do céspede da Pedreira, e tamén no estado físico dos xogadores. Na primeira metade o local Álex e os monfortinos Varela e Fernando tiveron que abandoar o céspede mancados. Precisamente co Lemos en inferioridade pola lesión de Fernando chegou o tanto do Mugardos. Adrián Martínez aproveitou un rexeite logo dunha falta lateral. Foi case a única ocasión de gol nuns primeiros corenta e cinco minutos moi tácticos.

A segunda metade foi de claro dominio lemista. O conxunto de Alberto López tivo moita profundidade e superou claramente a un Mugardos que se viu superado polo dominio dos monfortinos. No minuto 62 chegou o empate, obra de Mauro e a falta dun cuarto de hora para o final Dani Arias, en xogada individual deulle a volta ao marcador. Con cinco minutos para chegar ao final, Sidibé finalizou unha boa xogada de Diego Arias e sentenciou o encontro. Segundo gol do dianteiro en dous encontros co Lemos.

O Ribadeo non puido lograr o terceiro triunfo consecutivo ao caer diante do Betanzos (2-0).

O mal estado dun García Hermanos no que era complexo xogar ao fútbol condicinou de xeito claro o desenrolo do encontro. Na primeira metade foi superior o cadro local diante dun Ribadeo que lle custou meterse no partido e no que foi titular o xuvenil Gundín. No minuto 15, o Betanzos adiantouse no marcador cun tanto de Mon, en posición dubidosa.

Na segunda metade saiu mellor o Ribadeo que acariñou o empate en varias ocasións. No minuto 71, cos mariñáns volcados na procura do empate o colexiado ensinoulle o segundo cartón a Diego Hermida. Non tardou o Betanzos en aproveitar a súa superioridade e e tan só catro minutos máis tarde Óscar «La Magia» Martínez fixo o segundo. Dani Moirón moveu o banquiño na procura de máis presencia ofensiva, e malia tentar recurtar diferencias ata o final non foi posible.

Perdoou o Santaballés e rematou goleado diante do Montañeros (1-4).

A primeira metade non foi o reflexo do marcador final no campo da Liga. O Santaballés realizou uns moi bos corenta e cinco minutos, tanto defensiva como ofensivamente. Ante un rival de envergadura, os de Juan Rodríguez foron quen de conter as acometidas do Montañeros e contou con varias ocasións claras de gol nas botas de Palomo, Iago e Novás. Nunha xogada desafortunada, sobrepasada a media hora de encontro, os visitantes lograron adiantarse cun tanto de penalti, obra de Currás.

No comezo da segunda metade o Montañeros deulle un golpe ao encontro. Aos dous minutos o vilalbés Hugo Criado fixo o segundo, un tanto clave no devir do partido. Os de Juan Rodríguez arriscaron na procura dun tanto que lles dera esperanzas e o encontro convertiuse nun ir e vir sen dono no que o Montañeros saiu máis beneficiado anotando o terceiro Foliadoso. Dani San, Hugo e Miguel tiveron ocasións para recurtar diferencias. A falta de quince minutos, Novás desde o punto de penalti logrou o único tanto do Santaballés e Concheiro fixo o cuarto dos visitantes pouco despois.

Mereceu máis a Residencia, pero logrou un valioso punto no campo do As Pontes (1-1).

O cadro lucense foi superior ao As Pontes no Poboado, pero tivo que conformarse co empate. Comezou de cara o partido para os de Dani Galán, que logrou adiantarse cun remate desde fóra da área de Xabi, que aproveitou un rexeite logo dun córner botado por Dani Renda. Dúas ocasións claras tivo a Residencia para poñer terra de por medio. Borja cun remate a bocaxarro que saiu lixeiramente desviado e Poratti, que se atopou coa boa parada de Paco, puideron ampliar diferencias.

Na segunda metade, a Residencia amosouse superior ao rival, pero non logrou concretar as súas oportunidades, por medio de Borja e Yeray. A falta de dez minutos para o final o focense Moreda igualou o encontro ao rematar un centro no segundo pao. De aí ata o final sufriu o conxunto lucense, que atopou no gardameta Yaya ao seu mellor home, desbaratando dúas claras ocasións de gol.

O Foz caeu no Martínez Otero diante dun San Tirso que apenas fixo méritos pra gañar (1-2).

Resísteselle a vitoria ao Foz. Os mariñáns comezaron con ímpetu e probaron ao gardameta visitante con varios disparos desde a frontal, pero con escaso acerto. Foi o San Tirso que se adiantou no marcador. Nun balón á espalda dos centrais o gardameta Alonso cometeu penalti sobre o atacante e Denis transformou a pena máxima.

Na segunda metade, o Foz volcouse na procura do empate e só tivo que agardar dez minutos para acadalo. Gonzalo conectou con Dani Chao e este cruzou o balón lonxe do alcance de David. Pouco durou a ledicia para os focenses. Carlos aproveitou un rexeite na frontal e marcou o segundo e definitivo tanto. Os mariñáns tentárono a balón parado, aínda que sen fortuna.

Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 512

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.