Dous empates para os nosos representantes na Terceira RFEF. O Racing Vilalbés segue sen gañar no 2023, pero sacou un punto do campo dun enrachado Gran Peña, mentres que o Viveiro igualou en Cantarrana fronte ao Barco. Na Preferente, triunfo cómodo da Sarriana na Ribela fronte ao Ordes. O Ribadeo sacou un punto do campo do Sigüeiro e o Lemos fixo o propio na Pinguela fronte ao San Tirso. Derrota in extremis da Residencia na Cheda diante do potente Boiro e máis abultada do Portomarín no campo do Betanzos.
O Racing Vilalbés sumou un punto diante o Gran Peña para rachar a xeira de dúas derrotas consecutivas (2-2)
O conxunto chairego segue sen coñecer a vitoria neste ano 2023 pero foi quen de arañar un punto do campo dun Gran Peña que viña de gañar os tres últimos encontros. A posta en escea dos de Simón Lamas foi moi boa, sobre todo na primeira meda hora de xogo e contaron con numerosas ocasións para adiantarse no marcador por medio de Jose Varela, Santi Gegunde e dúas de Marcos Álvarez, pero non estiveron atinados cara o marco rival. O cadro vigués apenas xerou perigo pero xusto antes do descanso os de Bajcetic marcaron por medio de Manu, nunha acción que os racinguistas protestaron á colexiada Zulema González ao enganarse na sinalización do fóra de banda previo.
Na segunda metade o Racing Vilalbés igualou cun bo testarazo de Marcos Álvarez a centro de Damián. O encontro igualouse na última media hora, realizando o Gran Peña o seu mellor fútbol. Os chairegos gañaron frescura na zona da ataque coa entrada de Álex Pérez, Cuadrado e Rares e viuse un gran fútbol. Os vigueses adiantáronse de novo cun lanzamento á escadra de Fran López, pero de contado o Racing igualou nun erro defensivo que aproveitou Javi Rey. Os últimos minutos foi un ida e volta entre dous conxuntos que non se conformaban co empate. Cuadrado tivo nas súas botas o tanto do triunfo.


O Vivieiro empata fronte ao Barco e suma once encontros sen perder (0-0)
O conxunto celeste prolongou a súa boa xeira e igualou sen goles en Cantarrana diante dun Barco chamado a retos maiores a comezo de temporada. Primeira metade moi táctica e pouco vistosa para o espectador. A pouca velocidade de balón e a falta de profundidade de ámbolos conxuntos provocou que apenas se presenciaran ocasións de gol.
A segunda metade tivo máis fútbol. O Viveiro foi lixeiramente superior, sobre todo nos últimos quince minutos, nos que contou con ocasións de Iker Hurtado, Arturo e Lucas Fanego, que sea atoparon coas boas intervencións do gardameta Álvaro. O Barco, adestrado polo monfortino Edu Rodríguez, apenas inquedou a portería defendida por Ayoub. Con este marcador o Viveiro gaña o golaverage cos de Valdeorras.

Triunfo cómodo da Sarriana diante do Ordes para manter o liderado (4-0)
Un dos encontros máis cómodos para a Sarriana na Ribela no que vai de temporada. Os de Brais Prados estiveron moi ben con balón e foron quen de xerar numerosas ocasións de gol, malia a marchar ao descanso cun só tanto de vantaxe, obra de Diego Santín anticipándose no primeiro pao logo dun centro raso de Marino. O Ordes só inquedou a Javi Liz cun disparo desde fóra da área que detén sen problemas o gardameta lucense.
Nada máis comezar a segunda metade Keko puxo terra de por medio ao transformar un lanzamento de falta e Diego Rey sentenciou cunha xenialidade na área. O de Láncara regateou a dous defensores e definiu cunha vaselina ante o gardameta. Moi preto do final, Herrero culmiou unha contra para pechar o marcador.
Sétima xornada sen perder para o Ribadeo, que sumou un punto no campo do Sigüeiro (1-1)
O Ribadeo prolongou a súa boa xeira de resultados. O conxunto local dominiou o xogo na primeira metade, aínda que sen ocasións de gol claras. O alto ritmo do Sigüeiro soubo contrarrestalo o Ribadeo que foi quen de marchar ao descanso en vantaxe no marcador. Unha internada de Aitor pola banda rematou coa asistencia deste a Asier que colocou o balón lonxe do alcance do porteiro. O focense reaparecía no once titular, logo de tres partidos ausente por lesión.

Na segunda metade o Ribadeo axustou ben a defensa e apenas pasou apuros, pero nunha acción a balón parado o Sigüeiro foi quen de igualar a contenda cun remate do xove central Ozores. Nos últimos compases, o Ribadeo ben prantado no terreo de xogo tentou facer o segundo tanto, aínda que sen acerto.
A Residencia caeu no último suspiro nun gran encontro diante do Boiro (2-3)
Primeira metade de dominio boirense. O cadro visitante tivo o control do xogo e chegou con claridade á portería defendida por Diego. Sobrepasada a media hora de partido Pedro Beda adiantou ao Boiro ao transformar un penalti, e poucos minutos máis tarde Adrián Pereira rematou ao fondo da portería un centro no segundo pao. A ocasión máis clara para a Residencia tívoa nas súas botas Poratti, cun remate desde dentro da área que sae lixeiramente desviado.
Na segunda parte os de de Dani Galán comezaron dominando e creando ocasións de perigo. Sergio recurtou diferencias cun lanzamento desde fóra da área que entrou pola escadra da portería defendida por Mario Barreiro. A falta de doce minutos para o final, un penalti na área visitante transformouno Txiki. Aínda con minutos por diante, o encontro estaba na man dunha Resi que puido culminar a remontada por medio de Iago Buján, que se escapou só desde o medio campo e no un contra un ante o gardameta definiu cunha vaselina que saiu fóra por moi pouco. No minuto 92, nunha contra, o Boiro fíxose cos tres puntos cun tanto de Sergio Ramos.
O Lemos empata co San Tirso e suma a terceira xornada sen perder (0-0)
Encontro no que o conxunto visitante estivo moi replegado e buscando saír con perigo á contra. O dominio do partido foi do Lemos, que chegou con perigo á área rival, estrelando un balón no pao, e amosouse moi firme en defensa, impedindo que o San Tirso puidera transitar con perigo.
Na segunda metade os visitantes adiantaron liñas e gozaron de dúas ocasións para adiantarse, froito de pérdidas de balón dos monfortinos. Co paso dos minutos os de Óscar Moure voltaron a controlar o encontro, pero a boa labor da defensa do San Tirso impediu que se viran ocasións de gol.
Múltiples erros defensivos condean ao Portomarín fronte a un entonado Betanzos (5-2)
Acudiu o Portomarín ao García Hermanos moi xusto de efectivos, con tan só un troco no banquiño. O encontro non comezou ben para os miñotos. Aos sete minutos nun balón colgado á área Iago anotou en propia porta, e pouco despois nun córner chegou o segundo para os betanceiros, obra de Pablo Vigo. Reaccionou rápido o Portomarín cunha boa xogada de Martín que Mario empurrou a gol. O conxunto local optou por xogar balóns longos para os seus dianteiros Juan de Dora e Murilo e xeroullo moito perigo a un Portomarín que concedeu moito en defensa. O pichichi Juan de Dora e o focense Xusto deixaron o partido visto pra sentencia antes da primeira media hora. Antes do intermedio Martín, cun golazo, deulle algo de vida ao Portomarín.
Pero a segunda metade non tivo historia. O Betanzos controlou perfectamente o partido e non concedeu ocasións ao Portomarín. A falta dun cuarto de hora para o final Juan de Dora fixo o quinto tanto para pechar o marcador.
