O Viveiro camiña con paso firme cara a permanencia

A xornada dos tres representantes lucenses en Terceira saldouse con dous triunfos e unha derrota. O Viveiro gañou en Cantarrana ao Ribadumia e ampliou as diferencias cos seus perseguidores, mentres que o Polvorín sumou tres puntos diante do Alondras que o manteñen vivo na súa pelexa polo ascenso directo. O Racing Vilalbés caeu na última xogada do encontro diante do Estradense.

Dous goles de Morais danlle a vitoria ao Polvorín diante do Alondras (2-1).

O Anxo Carro foi o esceario do triunfo do filial albivermello. Nun estadio necesitado de triunfos, o Polvorín deulle unha alegría á afección lucense cunha vitoria fundamental para continuar con opcións de acadar o segundo posto, que outorga o ascenso directo á Segunda Federación.

Non comezou ben o Polvorín. Certo nerviosismo e precipitación nos xogadores de Álex Ortiz que provocaron que o Alondras fose o primeiro en xerar situacións de perigo mediante centros laterais. Co paso dos minutos, o conxunto local foi atopando o seu sitio no campo e a partir da media hora de encontro convertiuse en dominador do mesmo. A primeira ocasión clara tívoa Christian que errou un man a man diante de Martín Pastoriza. A falta de dez minutos para o descanso, un saque de falta de Iago Novo rematouno Morais coas costas no primeiro pao e colouse na portería visitante.

No segundo tempo, os pupilos de Xurxo Otero saíron a polo empate e o Polvorín optou pola profundidade dos laterais para xerar situacións de perigo. Pero foi de novo Morais quen ampliou as difrerencias no marcador logo dun bo pase de Iago Novo. Xa co tempo cumprido o veterán Yahvé anotou para o Alondras cun lanzamento desde a frontal que bateu nun defensor local e despistou a Ángel Fraga, que voltou a ocupar a portería do Polvorín.

Con este triunfo o filial albivermello é terceiro a cinco puntos da segunda posición.

O Racing Vilalbés cae na Madalena diante dun Estradense co que iguala na clasificación (0-1).

A falta de disputar o encontro adiado diante do Rápido de Bouzas o vindeiro mércores, o Racing Vilalbés dilapidou a vantaxe coa que partía ao comezo da segunda fase. Malia todo, os de Simón Lamas mantéñense no liderato do grupo, pero cos mesmos puntos que o Choco e o Estradense.

Encontro igualado na Madalena no que os visitantes foron lixeiramente superiores no cómputo global. Comezou mellor o Racing, pero os de Alberto Mariano non tardaron en xerar perigo ante a portería de Rumbo. Piñeiro tivo a mellor para os visitantes e Santi Gegunde e Marino protagonizaron as máis claras para os chairegos.

Na segunda metade, os de Simón Lamas entraron mellor no partido, aínda que sen xerar claras ocasións de gol. Co paso dos minutos o Estradense fíxose co dominio do encontro e tiveron opcións claras para adiantarse no marcador. O único tanto do partido non chegou ata o desconto. Sergio Mulero puxo un centro ao segundo pao e Óscar López rematou ante a oposición de Jose Varela. Cando xa parecía que non quedaba tempo pra maís, Muíña colgou un balón á área rival que peinou Cuadrado e un defensor visitantes a piques estivo de introducir o balón na súa propia portería.

O Viveiro achégase á permanencia logo do triunfo diante do Ribadumia (1-0).

Segunda vitoria consecutiva en Cantarrana na fase pola permanencia dun Viveiro que ampliou a cinco a marxe de puntos coa zona de descenso. O encontro resultou igualado, sobre todo nos primeiros corenta e cinco minutos. O xuvenil Xoel debutou no once titular de Chusky.

Costoulle ao Viveiro desfacer a liña defensiva do Ribadumia e apenas se viron ocasións de gol na primeira metade. A única rematou en gol, pero o colexiado sinalou fóra de xogo de Edgar no momento do remate. Na segunda os dous equipos saíron a polos tres puntos e foron os mariñáns que atoparon o premio na primeira chegada. Unha boa xogada entre Agus e Tichu rematou co pase deste a Álex Meitín e o capitán non errou diante de Roberto Pazos. Os visitantes quedaron tocados co gol e sucedéronse as ocasións para o Viveiro, que puido sentenciar. Javi Rey en dúas ocasións, e Tichu tiveron opcións para acadar o segundo, pero atopáronse coa boa resposta do porteiro do Ribadumia.

Non renunciaron os do Salnés ao empate. Estiveron preto de acadalo nos últimos minutos de encontro. Giráldez e Hugo Soto tiveron nas súas botas a igualada.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario