Malos resultados para os conxuntos lucenses. Na Segunda RFEF derrota contundente do Racing Vilalbés na súa visita ao campo do Cayón. Na Terceira RFEF a Sarriana empatou na Ribela diante do Alondras, mentres que o Viveiro fixo o propio a domicilio co Estradense. O Polvorín colleitou a quinta derrota consecutiva diante do Rápido de Bouzas na Cheda. Na Preferente, o Ribadeo venceu con comodidade ao Eume no Pepe Barrera, mentres que Castro, Lemos e Residencia empataron nas súas visitas a Mugardos, As Pontes e Ribeira, respectivamente.
O Racing Vilalbés colleita a segunda derrota consecutiva no campo do Cayón (3-0)
O peor encontro do que vai de temporada. Non foi o día dos pupilos de Simón Lamas e o partido púxose costa arriba nada máis comezar. Aos trinta e cinco segundos, sen que os chairegos puideran aínda tocar o balón, Montiel superou a Álex Santomé. O conxunto cántabro cedeulle o balón ao Racing, que o intentou, pero sen claridade no ataque. O segundo gol do Cayón, a dez minutos para o descanso, obra de Chus Villar, profundizou no apagón xeralizado do Racing.
Os trocos de Pablo Rey e Izan por Luis Castro e Santi Gegunde déronlle outro aire aos chairegos que tiveron máis presenza en campo rival. Pablo Rey rozou o tanto nun lanzamento de falta que o gardameta desviou a córner nunha boa intervención. Nunha contra tras o saque desde o curruncho chegou a sentencia. Cañizo, á contra, fixo o terceiro e foi un golpe anímico para os vilalbeses que non puideron achegarse no marcador.


A Sarriana logrou empatar diante dun Alondras enrachado (1-1)
Punto positivo para a Sarriana diante dun Alondras que viña de gañar seis dos últimos sete últimos encontros. Os de Jorge Cuesta foron mellores na primeira metade e contaron con achegamentos con perigo á área rival. Miguel e Sané en dúas ocasións tiveron as ocasións máis claras para marcar.
Na segunda metade o Alondras deu un paso adiante, aínda que foi a Sarriana quen logrou adiantarse no marcador cun tanto de Boedo, que rematou a porta vacia a pase de Tomás. Os visitantes lograron igualar nun man a man que o veterán Mauro non errou diante de Javi Liz. Nos últimos intres Cuadrado gozou dunha gran ocasión para que os tres puntos quedaran na Ribela, cun testarazo que salvou in extremis o gardameta Esteban.

O Viveiro fai méritos para un resultado máis favorable no campo do Estradense (2-2)
Foi superior o Viveiro sobre o céspede do Municipal, pero tivo que conformarse cun empate diante dun rival directo como é o Estradense. Os de David Páez, que se enfrontaba ao seu ex equipo, só chegaron unha vez á portería viveirense na primeira metade e rematou en gol. Un centro de Ángel rematouno Juanin a media altura ante o que nada puido facer Ayoub. O Viveiro contou con ocasións claras que non aproveitou por medio de Jesu, Rolle e Manu e incluso anotou por medio de Diego Núñez, pero o colexiado invalidou o tanto.
No segundo tempo, Alberto López trocou de sistema coa entrada de Samu e Cora no canto de Arturo e Adri. Os celestes pasaron a dominar o encontro e o Estradense tentaba xerar perigo á contra por medio de Porrúa e Migui. O empate chegou no minuto 54. Rolle, cun preciso lanzamento de falta, colocou o balón na escadra da portería rival. A falta de vinte minutos para o final, Cora encarou e de tiro cruzado superou ao gardameta Coke. O propio Cora e Gamarra tiveron nas súas botas o terceiro tanto, pero atopáronse con boas intervencións do porteiro local. Nun centro lateral Juanin acadou o empate para o Estradense cun bo testarazo.
O Polvorín cede na Cheda co Rápido de Bouzas e queda a un punto do descenso (0-1)
Quinta derrota consecutiva do filial albivermello. Os de Roberto Fernández tiveron o dominio do xogo, e buscaron espazos á espalda defensa rival coa velocidade de Jorge e Noah, que remataron en situacións de perigo con centros laterais. O Rápido inquedou tamén en xogadas por banda, pero Fernando interviu con éxito en dúas ocasións.

O encontro seguiu o mesmo guión no segundo tempo, pero cando mellor estaba o Polvorín, un erro defensivo aproveitouno Youssef para definir no un contra un ante o porteiro lucense. O conxunto local seguiu na procura do empate ata o final e tivo unha boa ocasión por medio de Anwar, pero non foi posible.
O Ribadeo racha a mala xeira cun triunfo cómodo diante do Eume (3-1)
Logo de catro derrotas consecutivas o Ribadeo volveu facerse cos tres puntos. O Eume amosou as carencias que o sitúan no derradeiro posto na clasificación e os de Dani Moirón deixaron o encontro visto pra sentencia no primeiro tempo. Criss, Manu e Asier avisaron nuns primeiros minutos nos que os mariñáns levaron a iniciativa e chegaron con perigo á área rival. O primeiro tanto chegou aos 18 minutos, obra de Asier que recibiu en banda dereita e definiu ante o gardameta Jaime. Os visitantes reclamaron posición antiregulamentaria do focense. O propio Asier tivo nas súas botas o segundo cun lanzamento que saiu rozando a escadra. O segundo tanto comezou nas botas de Castrín, prolongou Tichu e Manu, con moito espazo disparou pegado ao pao, lonxe do alcance do porteiro. Antes do intermedio, Asier fixo o terceiro, segundo na súa conta, tras un servizo de Tichu.
Na segunda metade o Eume realizou trocos que lle deron máis presenza en campo rival, aínda que apenas foron quen de inquedar a área ribadense, desta volta ben resgardada pola zaga. O Ribadeo baixou unha marcha respecto do primeiro tempo e aínda que chegou con certo perigo á porta rival, non xerou claras ocasións ata a entrada de Iván García, que contou con dúas boas ocasións. A máis clara salvouna o gardameta cunha boa parada e o rexeite caeulle a Tichu que rematou e un defensor sacou o balón sobre a liña. A falta de seis minutos para o final, o colexiado sinalou un penalti moi dubidoso cometido por Simón e Iago Seijo recurtou diferencias.
O Castro empata sobre o impracticable céspede da Pedreira (1-1)
Apenas se puido disfrutar do fútbol na Pedreira. Nen Mugardos nen Castro foron quen de levar a cabo o seu fútbol debido ao forte vento. Ademáis o mal estado do céspede dificultou sobremaneira a circulación do balón.
Os goles chegaron na segunda metade en dous saques desde o curruncho. Brais adiantou ao conxunto local e Dumi igualou para os chairegos a falta dun cuarto de hora para o final.
O Lemos iguala nun encontro de alternativas no campo do As Pontes (2-2)
Primeira metade de dominio alterno, condicionada polo forte vento. Os monfortinos realizaron unha presión alta diante do fútbol directo que propuxo o conxunto local. Á media hora de xogo, nunha rápida transición, Diego Torres acadou un gran gol pola escadra. Antes do intermedio, nun penalti dubidoso, Michel empatou para o As Pontes.
O segundo tempo comezou do peor xeito para o Lemos. Aos dous minutos de xogo, Losada apresurouse para sacar o balón bateu na espalda dun rival. O ex viveirense Dani, moi atento, empurrou o balón ao fondo da portería. Co marcador en contra o Lemos foi superior. Juanlu modificou o sistema de xogo e os monfortinos tiveron máis presenza en ataque. Nunha contra, Mauro logrou o empate.
A Residencia logrou un empate no campo do Cidade de Ribeira nunha tarde de forte chuvia (2-2)
Encontro marcado polas adversas condicións climatolóxicas. A Resi comezou por diante no marcador cun tanto aos sete minutos de Dani Renda, cun lanzamento de falta desde o medio campo que colleu desprevenido ao gardameta. Non tardou en chegar o empate. Un rexeite na área aproveitouno Adao para igualar a contenda. O encontro resultou parello ata o descanso. O cadro local contou con dúas ocasións para marcar e os lucenses puideron facelo nunha boa ocasión de Edrosa.
No segundo tempo a forte choiva fixo que o céspede se puxera impracticable e apenas se puido xogar. Aguado, cun tiro cruzado, marcou o segundo para o Cidade de Ribeira e xa no desconto acadou o empate tras un bo centro de Rober que rematou Pereira no segundo pao.
