#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Ribadeo golea nunha xornada de empates na Terceira

Chega o derradeiro Trío de Ases do 2022 e tráenos bos resultados para os conxuntos lucenses, con tan só unha derrota. Na Terceira RFEF dous empates. No partidazo da xornada o Racing Vilalbés igualou co Fabril nun partido no que mereceu máis. O Viveiro sacou un valioso empate do feudo do Silva. Na Preferente o Ribadeo goleou ao Fisterra e a Residencia gañou na Cheda ao Sigüeiro. O Lemos empatou no campo do Sofán, un dos conxuntos máis en forma da categoría e o Portomarín sacou un bo punto co Montañeros no Chao da Poza. A única derrota foi a da Sarriana no campo do Noia, líder intratable.

O Racing Vilalbés mereceu gañar, pero tivo que conformarse cun empate diante do Fabril (0-0)

Encontro vibrante na Madalena entre os dous primeiros clasificados. O Racing comezou mellor e tivo chegadas á área rival con perigo por medio de Javi Rey e Marcos Álvarez. Co transcorrer dos minutos, o Fabril igualou forzas aínda que non xerou gran perigo á área rival, salvo nunha ocasión que desbaratou ben Álex Santomé.

Na segunda metade os de Óscar Gilsanz saíron mellor nos primeiros dez minutos, pero a última media hora foi un monólogo dos chairegos. O Racing Vilalbés dominou o encontro e meteu ao rival na súa área. Os de Simón Lamas tiveron o control do balón e das ocasións. Santi Gegunde, Vérez, Marcos Álvarez e Pablo Rey, en dúas ocasións, contaron con opcións claras de facer gol, aínda que o balón non quixo entrar.



O Viveiro apañou un bo punto do feudo do Silva (0-0)

Quinta xornada sen perder para o Viveiro que foi quen de sumar un punto do sempre complicado campo do Silva. O encontro comezou dominado polo cadro celeste e tivo tres boas ocasións para marcar nos primeiros vinte minutos. A primeira levou a sinatura de Sergio Otero nos primeiros intres de xogo. Lucas Fanego nun un contra un e Sané tamén puideron marcar. A primeira metade rematou con moito fútbol directo e sen ocasións.

Na reanudación as ocasións brilaron pola súa ausencia. Moito fútbol directo e centros laterais que apenas xeraron perigo para ningún dos dous equipos. O Viveiro reclamou un posible penalti nos últimos intres que o colexiado non sinalou.



A Sarriana caeu pola mínima fronte a un Noia en estado de gracia (1-0)

O cadro sarriao alónxase da primeira praza logo da derrota in extremis no campo do Noia, líder intratable do grupo norte de Preferente. Os de Iván Carril sumaron doce triunfos nos últimos trece encontros. O certo é que a Sarriana non mereceu tanto castigo no Julio Mato. Os de Brais Prados realizaron unha moi boa primeira metade, aínda que lles faltou acerto nos metros finais.

Na segunda parte, a Sarriana amosouse algo máis imprecisa con balón e concedeu algunha contra ao Noia na que chegaron con claridade á área, aínda que sen xerar excesivo perigo. Un testarazo de Santín e unha acción dentro da área de Diego Rey foron as mellores ocasións para os de Brais Prados. A falta de tres minutos para o final un saque desde o curruncho despexouno a zaga da Sarriana, pero o rexeite finalizou cun lanzamento desde fóra da área ao pao. O balón recolleuno William que empurrou o balón ao fondo da portería.

A Residencia gaña no último suspiro ao Sigüeiro nun encontro accidentado (2-1)

A Residencia dominou a primeira metade diante dun Sigüeiro que amosou un moi bo fútbol sobre o céspede da Cheda. O encontro comezou cunha gran ocasión de Sergio que desbaratou Manu Jiménez. Yeray gozou dunha pena máxima no ecuador do primeiro acto que o gardameta detivo e o balón rematou batendo no longueiro. Tan só un minuto máis tarde Adrián Rasilla recolleu un rexeite dentro da área e fixo o primeiro para o cadro local. O Sigüeiro protestou moito esta xogada.



Na segunda metade o conxunto santiagués adestrado por Fiz Rodríguez fíxose co dominio do balón e amosou a calidade dos seus xogadores. Dominaron o xogo e tiveron varias ocasións de gol ata que a falta de doce minutos Iván, de tiro cruzado estableceu a igualada. Xa co tempo cumprido, nun balón en profundidade, Veloso escapouse por velocidade e bateu ao gardameta por baixo. A Residencia tivo que lamentar as lesións de Tebi e sobre todo de Artai que tivo que marchar para o hospital cunha fractura de clavícula.

O Ribadeo amosouse moi superior ao Fisterra no Pepe Barrera (7-1)

O conxunto mariñán deu boa conta do pechacancelas da categoría, un Fisterra moi desdibuxado nesta comezo de temporada. Malia todo, nunha contra ben levada despois dun saque de córner a prol do Ribadeo, Coria adiantou aos fisterráns. Xa gozara o Ribadeo de varias ocasións claras para marcar, pero sen acerto. Aínda que o dominio correspondía aos de Dani Moirón a igualada tardou en chegar. Sobrepasada a media hora de xogo Asier fixo xustiza ao visto sobre o terreo de xogo.

No intermedio Álex Meitín encontrou no canto de Isma e o Ribadeo lanzouse a polo partido e foi dono e señor do mesmo. O dianteiro, lastrado polas lesións desde a pretemporada, reivindicouse cun hat-trick que puxo en clara vantaxe aos ribadenses. Xaime de penalti, Asier e Iván completaron a goleada.

O Lemos confirma o seu bo momento e empata no campo do Sofán (2-2)

Os monfortinos foron quen de adaptarse ao sempre difícil campo do Carral e foron mellores na primeira metade, malia que os de Carballo foron quen de adiantarse no marcador nun balón á área que o veterán David Bandera rematou lonxe do alcance de Losada. Reaccionou ben o Lemos e empatou nun saque de banda que peinou Varela e rematou a gol Mauro. Xusto antes do intermedio un balón de Dafonte rematouno ao longueiro Diego Torres.

Na segunda metade o Sofán saiu mellor e foi quen de dominar o encontro no primeiro tramo. Froito disto chegou o segundo tanto nun centro chut de David Bandera. Co paso dos minutos o Lemos mellorou e nun balón parado Bruno aproveitou o rexeite para facer o empate. Mauro e Carrasco tiveron ocasións para que os tres puntos viaxaran para Monforte.

Segundo empate consecutivo para o Portomarín, desta volta ante o potente Montañeros (1-1)

O forte vento condicionou un encontro que comezou con moita igualdade. Precisamente o vente axudou ao histórico Herbert para adiantar ao conxunto coruñés cun gol olímpico. O Montañeros, co marcador a favor fíxose co control do encontro e foi superior nos restantes minutos da primeira parte.

Na segunda parte o Portomarín aproveitou o vento a favor e non tardou en inquedar a portería de Guillermo. Un testarazo de Fer e un remate desde fóra da área de Pardo foron os avisos do cadro local antes de que Hugo, cun disparo á escadra fixera o empate. O Portomarín puido gañar con disparos de Fer e Javicho, pero o marcador non se moveu.

O Ribadeo golea nunha xornada de empates na Terceira

A Porra de Futbolinlugo, 15

O Ribadeo golea nunha xornada de empates na Terceira

Sesión Plenario 07: Xusto-Chapu

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *