O novo Trío de Ases O Cantón tráenos o liderado da Sarriana na Terceira RFEF. O conxunto adestrado por Jaime Paz goleou na Ribela ao Barbadás e aproveitou a derrota do Estradense na Madalena diante dun Racing Vilalbés que apreta a zona de privilexio. O Polvorín está ás portas dos postos de play off tras gañar na Cheda fronte ao Gran Peña. O Viveiro caeu en Cantarrana diante do Alondras no debut de Fabri no banquiño.
Na Preferente celebramos a vitoria do Pol no seu feudo diante do Val. O Ribadeo sumou un punto no campo do Arzúa mentres que Escairón e Lemos non puideron puntuar. Os primeiros caeron na casa co Miño e os segundos no campo do Negreira.
A Sarriana golea ao Barbadás nun plácido encontro na Ribela (5-0)
Triunfo cómodo da Sarriana que serve para saborear a primeira praza da categoría. O Barbadás, que acusou as baixas, non inquedou a portería de Javi Liz durante os noventa minutos. No conxunto local marcaron as diferencias os xogadores de ataque cun xogo alegre e combinativo que non tardou en dar os seus froitos. Azael fixo o primeiro cun gol pola escadra e Martín, nun lanzamento de falta fixo o segundo.


No segundo tempo, Azael sentenciou co terceiro antes de que Jaime Paz fixera un cuádruplo troco. Susavila, Guitián, Cuadrado e Diego Rey entraron no campo e foron precsiamente os dous últimos os protagonistas dos últimos tantos. Cuadrado fixo o cuarto tras asistencia de Diego Rey e o propio extremo nunha xogada de debuxos animados, caño incluido, pechou a conta goleadora dos da Ribela.
O Racing Vilalbés tumba ao líder e achégase á primeira praza (2-1)
Non puido comezar mellor o encontro para os chairegos. Aos dous minutos Cañi, cun bo tiro cruzado superou a Israel. A partir de aí, o Estradense foi superior ata o intermedio. Porrúa e Mella xeraron moito xogo na mediapunta e nunha xogada trenzada chegou o empate, obra do ex viveirense Gamarra. Aínda discorría o minuto once de xogo. Os visitantes continuaron levando o peso do partido, pero preto do descanso Borja Míguez foi derribado polo gardameta sinalando o colexiado pena máxima. Cañi non errou desde os once metros.

Alberto López deulle entrada a Barroso e Asier e o Racing estivo mellor posicionado sobre o terreo de xogo. O focense estrelou un balón non longueiro e Borja Míguez rematou rente ao pao un bo centro de Barroso. O Racing Vilalbés quedou con dez ao ver dobre cartón amarelo Alberto Leira. Con media hora por diante os chairegos víronse obrigados a realizar un gran traballo físico e táctico para evitar que o Estradense xerara perigo ante a portería de Álex Santomé.
O Polvorín vence ao Gran Peña e logra o terceiro triunfo consecutivo (2-0)
Quinta xornada sen coñecer a derrota para un Polvorín que controlou a primeira metade. Os de Dani Galón levaron o ritmo do partido a través do balón e impediron as rápidas transicións que caracterizan ao Gran Peña. Julito abriu o marcador cun bo lanzamento ao pao curto do gardameta. O filial albivermello ampliou diferencias sobrepasada a media hora de xogo cun tanto de Díaz á saída dun córner. O marcador aínda puido ser máis amplo para o cadro local.
Tras o paso por vestiarios o control do xo go non foi tan claro para os lucenses. O encontro entrou nun ida e volta con chegadas á área dos dous conxuntos. Padín e Rubal contaron con ocasións para ampliar diferencias, mentres que o Gran Peña non foi quen de xerar perigo ante a portería de Candal, salvo en xogadas illadas a balón parado.
A etapa de Fabri no banquiño do Viveiro comeza con derrota (2-3)

O Alondras amargou o día do debut de Fabri no banquiño de Cantarrana. O Viveiro foi superior no primeiro tempo. O conxunto celeste xerou dúas boas ocasións por medio de Diego Santín e Adri Lombao convertiuse nun perigo constante polo perfil dereito do ataque. Malia o dominio local, o Viveiro marchou ao descanso sen goles ao seu favor.
O comezo do segundo tempo resultou catastrófico para os de Fabri. Unha desconexión de vinte minutos fixo que o Alondras marcara tres goles que deixaban o encontro visto para sentencia. Manu Freire e dous tantos de Pablo Goitia resultaron determinantes para o marcador final. A pesar da clara desavantaxe, o Viveiro resurxiu o voltou a ser dominador do choque. German errou unha pena máxima e poucos minutos máis tarde encargouse de recurtar diferencias. Nunha falta lateral, Keita aproveitou un rexeite para apretar aínda máis o marcador. O encontro xa estaba no desconto, pero o Viveiro aínda chegou á portería contraria en varias ocasións sen lograr o tanto do empate.
O Escairón perde no Municipal co Miño nun encontro que rematou con seis expulsións (1-2)
Tres futbolistas e tres membros do corpo técnico, todos eles do Escairón viron o cartón vermello no encontro disputado no Muncipal do Saviñao. O partido comezou cun Escairón replegado na procura de rápidas contras coas que lle xerou perigo ao Miño. Vilachá contou coa máis clara para os de Óscar Moure. O cadro visitantes tivo o balón, pero sen crear ocasións diante da portería de Macía. Xusto antes de sinalar o intermedio, o colexiado expulsou a Xoel con dous cartóns amarelos na mesma xogada por protestas.
O segundo tempo comezou do peor xeito para o Escairón. Sergio nunha rápida contra inagurou o marcador para o Miño. Non tardou en chegar o empate. Un centro lateral de Julito rematouno Kevin ao fondo da portería. O Miño tivo o dominio do balón, pero a boa defensa dos locais impediron que se viran ocasións de gol. A falta de catro minutos para o final, un discutido penalti transformouno o Miño para levar os tres puntos. A partir de aí o encontro convertiuse nun carrusel de expulsións para os xogadores e técnicos locais.
O Lemos prolonga a súa mala xeira tras caer no campo do Negreira (2-0)
Quinta xornada sen gañar para os de Juanlu Bernal, que afrontaron o encontro con varias baixas significativas. O primeiro tempo resultou parello, con moito xogo directo e sen demasiado control por parte de ningún dos dous conxuntos. Antes do descanso, Juan de Celia fixo o primeiro gol para o Negreira tras superar a Losada no un contra un.
Tras o paso por vestiarios, o Lemos foi a polo tanto do empate. Os trocos melloraron ao equipo aínda que as ocasións tardaron en chegar. A máis clara para acadar a igualada tívoa Borja Castro que ocupou posto na parcela atacante. Xa no desconto, Joseph sentenciou o encontro cun bo disparo pegado ao pao.
O Pol gaña ao Val, terceira vitoria consecutiva no Municipal (2-1)
Os de Roberto Fernández están a lograr facer un fortín do Municipal. Ante o conxunto ferrolterrán lograron o terceiro triunfo consecutivo na casa nun encontro dominido case que por completo polo Pol. O gardameta visitante convertiuse no mellor xogador do partido ao desbaratar varias ocasións locais. David López abriu a lata nun primeiro tempo no que só os chairegos tiveron opcións de gol.
O segundo tempo comezou co gol do Val. Dieguito batiu a Manu Cedrón e os visitantes gozaron dos mellores minutos. O Pol progresivamente voltou a facerse co control do partido e contou con boas ocasións para facer o segundo. Houbo que agardar ao descanso, cando Dani batiu ao porteiro visitante para que os tres puntos quedaran na casa.
O Ribadeo volve puntuar tras empatar no campo do Arzúa (0-0)
Primeira xornada na que o Ribadeo non encaixa gol no que vai de temporada. Foi no campo dun Arzúa que chegaba nunha racha moi negativa. O cadro local practicou un fútbol moi directo fronte a un Ribadeo que buscou saír co balón xogado. Os de Luchi non estiveron precisos e costoulles xerar ocasións de gol. A máis clara tívoa Castrín cun man a man que salvou ben o porteiro local.
No segundo tempo, o Ribadeo saiu máis decidido a poñerse por diante no marcador. Os mariñáns xeraron perigo en cada ataque e dispuxeron de catro ocasións moi claras de gol. O Arzúa apenas chegou á portería de Javi Pita, salvo nalgunha acción a balón parado.
